Remove ads
From Wikipedia, the free encyclopedia
Os muscicápidos (Muscicapidae) son unha gran familia de pequenos paxaros principalmente restrinxidos ao Vello Mundo (Europa, África e Asia).
Muscicápidos Muscicapidae | |||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Melaenornis fischeri | |||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
Xéneros | |||||||||||||||||||
|
Son principalmente insectívoros arbóreos, e moitos deles capturan as súas presas ao voo.
A familia comprende 50 xéneros, con 322 especies.[1]
Pertencen a esta familia paxaros como o paporrubio, o reiseñor, os papamoscas, o papoazul, o rabirrubio, o pedreiro, o chasco e outros.
O aspecto destes paxaros é moi variado, mais a maioría teñen un canto feble e chamadas ásperas. Son paxaros de tamaño pequeno a medio, que van dos 9 aos 22 cm de lonxitude.[2] Moitas especies son dunha cor parda apagada, pero a plumaxe dalgunhas pode ser máis brillante, especialmente nos machos.[3] A maioría teñen peteiros aplanados e anchos axeitados para capturar insectos, aínda que as poucas especies que se alimentan no chan teñen peteiros máis finos.[4]
Os muscicápidos viven en case todos os ambientes que teñen unha abundancia suficiente de árbores, desde bosques a zonas arbustivas abertas, e mesmo en bosques de montaña dos Himalaias. As especies máis septentrionais migran ao sur en inverno, asegurándose así unha dieta continua de insectos.[4]
Dependendo da especie, os niños poden ser copas ben construídas situadas nas árbores ou repisas de cantís, ou simplemente ocos preexistentes nas árbores que forran con material brando. As especies que aniñan en buratos adoitan poñen moitos ovos, como media oito, en vez dos 2 a 5 doutras especies.[4]
O nome Muscicapidae desta familia foi introducido en 1822 polo naturalista escocés John Fleming, que foi o autor que a describiu.[5][6]
A raíz da palabra xa fora antes usada para o xénero Muscicapa polo zoólogo francés Mathurin Jacques Brisson en 1760.[7]
Muscicapa procede do latín musca, que significa 'mosca' e capere, 'capturar'.[8]
En 1910 o ornitólogo alemán Ernst Hartert consideraba imposible distinguir entre tres familias moi parecidas entre as que estaba esta, que eran: Muscicapidae, Sylviidae e Turdidae, polo que as tratou como subfamilias dunha familia ampliada de insectívoros que tamén incluía aos Timaliidae e Monarchidae.[9][10] Corenta anos despois os ornitólogos norteamericanos Ernst Mayr e Dean Amadon adoptaron un esquema similar nun artigo publicado en 1951. A súa familia ampliada dos Muscicapidae, que denominaron os "comedores de insectos primitivos" contiña 1460 especies divididas en oito subfamilias.[11] O uso do grupo ampliado foi apoiado por un comité establecido despois do 11º Congreso Ornitolóxico Internacional celebrado en Basilea en 1954.[12] Os estudos posteriores de hibridación ADN-ADN feitos por Charles Sibley e outros mostraron que as subfamilias non estaban relacionadas entre si. Como resultado este gran grupo foi dividido en varias familias separadas,[13] aínda que durante un tempo a maioría das autoridades seguiron mantendo os Turdidae dentro dos Muscicapidae.[14][15] En 1998 a Unión de Ornitólogos Americana decidiu tratar os tordos como unha familia separada na sétima edición da súa Check-list of North American birds e posteriormente moitos autores seguiron o seu exemplo.[1][16]
A familia incluía antes poucas especies. No momento da publicación da terceira edición da Howard and Moore Complete Checklist of the Birds of the World de 2003, os xéneros Myophonus, Alethe, Brachypteryx e Monticola estaban incluídos en Turdidae.[17] Posteriormente os estudos de filoxenética molecular indicaron que as especies destes catro xéneros estaban máis estreitamente relacionadas con especies de Muscicapidae.[18][19] Como consecuencia, estes catro xéneros sitúanse agora alí.[1][20] Ao contrario, o xénero Cochoa, que estaba situado previamente en Muscicapidae, viuse que pertence a Turdidae.[18][19]
Dous grandes estudos de filoxenética molecular das especies de Muscicapidae publicados en 2010 mostraron que os xéneros Fraseria, Melaenornis e Muscicapa non eran monofiléticos. Os autores non propuxeron revisións dos xéneros porque nos se analizaron mostras de todas as especies e non todos os nodos das súas filoxenias tiñan un forte apoio nos datos.[19][21] Un estudo posterior publicado en 2016, que incluía 37 das 42 especies de Muscicapini, confirmou que os xéneros non eran monofiléticos e propúxose unha reorganización do esquema das especies con varios xéneros novos ou resucitados.[22]
Velaquí os xéneros de muscicápidos da lista da Unión de Ornitólogos Internacional coas subdivisións propostas por George Sangster e colegas en 2010:[1][19]
Familia Muscicapidae
Subfamilia Saxicolinae (Vigors, 1825)
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.