antiga moeda española From Wikipedia, the free encyclopedia
A moeda de 2.000 pesetas de 1998 é unha moeda española de prata dese valor facial emitida pola FNMT para conmemorar os 400 anos do falecemento de Filipe II, finado en El Escorial, Madrid, o 13 de setembro de 1598.
2000 pesetas de 1998 [1][2] | |
---|---|
A/: Cabeza espida de Xoán Carlos I cara á esquerda. Data.
Lenda: JUAN CARLOS I REY DE ESPAÑA |
R/: Mosteiro de El Escorial e retrato de Filipe II. Marca de ceca (M).
LENDA: FELIPE II 1598-1998 / 2000 PTAS |
|
Trátase da quinta emisión da serie de moedas circulantes de 2.000 pesetas de prata, que se iniciou en 1994.
Mediante unha Orde do 3 de febreiro de 1998, publicada no Boletín Oficial do Estado do 11 de febreiro, acordouse a emisión, a cuñaxe e a posta en circulación dunha moeda de 2.000 pesetas de prata con data 1998, conmemorativa dos 400 anos da moerte de Filipe II, rei de España entre 1556 e 1598, e de Portugal e os Algarves (Filipe I de Portugal) entre 1580 e 1598.[1]
Conforme establecía a Orde, a moeda era de curso legal e debía ser proporcionada polas entidades bancarias ao seu valor facial,[1] aínda que a súa circulación foi escasa, dada a súa curta tiraxe final —3.324.000 exemplares—[3] e tendo en conta que naquel momento existía xa un billete de 2.000 pesetas de uso moi común, polo que a maioría dos exemplares foron retirados da circulación polos coleccionistas numismáticos e pola poboación en xeral, a modo de recordo.[4]
A norma establecía tamén que "esta moeda será admitida nas caixas públicas sen limitación, e entre particulares ata 20.000 pesetas, calquera que for a contía do pagamento".[1]
O seu anverso, deseñado e gravado por Manuel Martínez Tornero, amosa un busto de perfil de Xoán Carlos I (1975-2014) ollando cara á esquerda, rodeado pola lenda JUAN CARLOS I REY DE ESPAÑA e a data de 1998. O conxunto está encerrado por unha grafila de puntos.[1][2]
Pola súa banda, o reverso, obra do mesmo gravador, presenta como un dos seus motivos principais unha vista panorámica do Mosteiro de El Escorial, onde faleceu e onde repousan os restos mortais de Filipe II.[1][2]
Completan o reverso, á dereita un retrato do monarca coa cabeza espida e ollando cara á esquerda; na parte superior a lenda alusiva á efeméride conmemorada FELIPE II 1598-1998, un M coroado a modo de marca de ceca da Fábrica Nacional de Moneda y Timbre, e unha figura con catro lóbulos cunha imaxe latente na que, en función da orientación, se pode ver ou ben unha cruz potenzada ou ben as dúas cifras derradeiras do ano de emisión: 98. No exergo figura a indicación do valor facial da moeda: 2000 PTAS.[1][2]
A moeda de 2.000 pesetas foi desmonetizada o 28 de febreiro de 2002,[2] e en xuño de 2021 concluíu o prazo para a cambiar polo seu valor nas entidades bancarias.[4]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.