From Wikipedia, the free encyclopedia
Un mito da creación é unha narración simbólica que explica como empezou o mundo e como apareceron as primeiras persoas que o habitaron.[2][3] Aínda que no uso popular o termo mito a miúdo se refire a historias falsas ou fantasiosas, o certo é que, formalmente, non implica falsidade. As culturas en xeral consideran que os seus mitos de creación son verdadeiros.[4][5] Xeralmente, na sociedade na que se conta, un mito da creación considérase que transmite profundas verdades, xa sexa de forma metafórica ou simbólica e ás veces nun sentido histórico ou literal.[6][7] Aínda que non sempre, o máis común é que se consideren mitos cosmogónicos, é dicir, describen a ordenación do cosmos desde un estado inicial de caos ou amorfo.[8]
Os mitos da creación adoitan compartir varias características. A miúdo son considerados relatos sagrados e poden encontrarse en case todas as tradicións relixiosas.[9] Todas son historias cun argumento e personaxes que son deidades, figuras de tipo humano, ou animais, que a miúdo falan e se transforman doadamente.[10] Xeralmente están situadas nun pasado borroso e non especificado que se pode denominar in illo tempore ("naquel tempo"), como o fixo o historiador das relixións Mircea Eliade.[9][11] Os mitos da creación tratan cuestións con profundo significado para a sociedade que os comparte, que revelan a súa visión do mundo básica e o marco para a autoidentidade da cultura e o individuo nun contexto universal.[12]
Os mitos da creación desenvólvense en tradicións orais e, por tanto, teñen normalmente múltiples versións;[3] encóntranse en todas as culturas humanas e son as formas máis comúns de mito.[6]
Definicións de mito da creación tomadas de referencias modernas:
O profesor de relixión Mircea Eliade definiu a palabra mito en termos de creación:
O mito narra unha historia sagrada; relaciona un evento que ten lugar no Tempo primordial, o tempo lendario dos "comezos". Noutras palabras, o mito conta como, por medio dos feitos de Seres Sobrenaturais, unha realidade chegou a existir, xa sexa toda a realidade, o Cosmos, ou só un fragmento da realidade: unha illa, unha especies de plantas, un determinado tipo de comportamento humano, unha institución.[16]
Todos os mitos da creación son nun sentido etiolóxicos porque tentan explicar como foi formado o mundo e de onde procede a humanidade.[18]
Os etnólogos e antropólogos que estudan estes mitos din que no contexto moderno os teólogos tratan de discernir o significado da humanidade a partir de verdades reveladas e os científicos investigan a cosmoloxía coas ferramentas do empirismo e a racionalidade, pero os mitos da creación definen a realidade humana en termos moi diferentes. No pasado os historiadores da relixión e outros estudosos do pensamanto mítico considerábanos como formas de ciencia primitiva ou nunha etapa inicial ou de relixión, e analizáronos nun sentido literal ou lóxico. Porén, hoxe vense como narracións simbólicas que deben ser comprendidas no seu propio contexto cultural. Charles Long escribiu que "Os seres mencionados no mito (deuses, animais, plantas) son formas de poder entendidos existencialmente. Os mitos non deberían entenderse como intentos de descubrir unha explicación racional da deidade."[19]
Aínda que os mitos da creación non son explicacións literais, serven para definir unha orientación da humanidade no mundo como unha historia de nacemento. Son a base dunha visión do mundo que reafirma e guía como as persoas se relacionan co mundo natural, con calquera mundo espiritual aceptado, e unhas con outras. O mito da creación actúa como a pedra angular para distinguir a realidade primaria da realidade relativa, a orixe e natureza do ser a partir do non ser.[20] Neste sentido serven como unha filosofía da vida, pero que se expresa e transmite por símbolos en vez de por razóns sistemáticas. E neste sentido van alén dos mitos etiolóxicos, o que significa que explican características específicas nos ritos relixiosos, fenómenos naturais ou vida cultural. Os mitos da creación tamén axudan a orientar os seres humanos no mundo, dándolles un sentido do seu lugar no mundo e a apreciación que deben ter para os demais humanos e a natureza.[2]
O historiador David Christian resumiu aspectos comúns a múltiples mitos da creación:
Cada comezo parece presupoñer un comezo anterior. ... En vez de atoparmos un só punto de inicio, encontramos unha infinidade deles, cada un dos cales presenta o mesmo problema. ... Non hai solucións enteiramente satisfactorias a este dilema. O que temos que encontrar non é unha solución senón algún xeito de tratar co misterio .... E temos que facelo usando palabras. As palabras ás que recorremos, desde Deus a gravidade, son inadecuadas para a tarefa. Así que temos que usar a linguaxe poeticamente ou simbolicamente; e tal linguaxe, xa sexa usada por un científico, un poeta, ou un xamán, pode doadamente ser incomprendida.[21]
Os estudosos da mitoloxía aplicaron varios esquemas para clasificar os mitos da creación que se encontran en todas as culturas humanas. Eliade e Charles Long elaboraron unha clasificación baseada nalgúns motivos comúns que aparecen unha e outra vez en historias da creación de todo o mundo. A clasificación identifica os seguintes cinco tipos básicos:[23]
Marta Weigle elaborou máis e refinou esta tipoloxía para salientar nove temas, engadir elementos como o deus faber, unha creación confeccionada por unha deidade, a creación polo traballo realizado por dous creadores que traballan xuntos ou un contra outro, a creación a partir do sacrificio e a creación por división/conxugaxión, acreción/conxunción, ou secreción.[23]
Un sistema alternativo baseado en seis temas recorrentes nas narracións é o deseñado por Raymond Van Over:[23]
A creación ex nihilo (en latín "do nada"), tamén chamada "creación de novo", é un tipo común de creación mítica. A creación ex nihilo encóntrase en historias da creación do antigo Exipto, no Rigveda, na Biblia e no Corán, e en moitas culturas animistas de África, Asia, Oceanía e Norteamérica.[24] O Debate entre a ovella e o gran é un exemplo dunha forma incluso máis inicial de mito da creación ex nihilo do antigo Sumer.[25] Na maioría das historias o mundo empeza a existir por causa da palabra, soños, alento, ou polo puro pensamento dun creador, pero a creación ex nihilo pode tamén ter lugar por medio de secrecións corporais dun creador. Para o filósofo xudeu Maimónides a creación ex nihilo é a única idea central compartida polo xudaísmo, cristianismo e islam.[26] Non obstante, os autores do Xénese, 1 da Biblia estaban menos preocupados pola orixe da materia que pola asignación de roles para que o cosmos funcionase.[27] [28] A partir do século III os eruditos cristiáns xa consideraban a creación ex nihilo un principio fundamental da teoloxía cristiá.[29]
A tradución literal de ex nihilo é "do nada", mais en moitos mitos da creación a liña é borrosa para decidir se o acto creativo sería mellor clasificalo como unha creación ex nihilo ou unha creación a partir do caos. Nos mitos da creación ex nihilo o potencial e a substancia da creación manan do creador. Dito creador pode ou non existir nos arredores físicos, como nas tebras ou nas augas, pero non crea o mundo a partir delas, mentres que na creación a partir do caos a substancia usada para a creación é preexistente dentro do baleiro informe.[30]
Un exemplo ben coñecido de mito de creación ex nihilo é a narración do Xénese da Biblia.
No mito da creación a partir do caos, inicialmente non hai nada agás un espazo sen forma. Nestas historias a palabra "caos" significa "desorde", e o espazo sen forma, que ás veces é chamado baleiro ou abismo, contén o material co cal se vai crear o mundo. O caos pode ser descrito como algo que ten a consistencia do vapor ou da auga, sen dimensións, e ás veces é salgado ou lamacento. Estes mitos asocian o caos co mal e o esquecemento, en contraste coa "orde" (cosmos), que é o bo. O acto de creación é poñer orde nesa desorde, e en moitas das culturas con estes mitos hai a crenza de que en certo momento as forzas que manteñen a orde e a forma acabarán debilitándose e o mundo volverá outra vez a ser sumido no abismo.[31]
Hai dous tipos de mitos de proxenitores de mundos, ambos os dous describen unha separación ou división dunha entidade primixenia, o proxenitor ou proxenitores de mundos. Unha forma describe o estadio primixenio como unha unión eterna de dúas partes, e a creación ten lugar cando ambas son separadas. Os dous proxenitores son comunmente identificados como o Ceo (xeralmente macho) e a Terra (xeralmente femia), que no estadio primixenio estaban tan intimamente unidos que non podía xurdir deles ningunha descendencia. Estes mitos xeralmente mostran a creación como o resultado da unión sexual, e serven como rexistro xenealóxico das deidades que nacen dela.[32]
Na segunda forma de mitos de proxenitores de mundos, a propia creación brota das partes desmembradas do corpo do ser primixenio. A miúdo nestas historias as extremidades, pelo, sangue, ósos e órganos do ser primixenio son dalgunha maneira cortados ou sacrificados para transformarse no ceo, terra, vida animal e vexetal, e outras características do mundo. Estes mitos adoitan poñer o acento en forzas creativas de natureza animista en vez de sexual, e mostran o sagrado como o compoñente elemental e integral do mundo natural.[33] Un exemplo disto é o mito da creación nórdico descrito no Völuspá (poema da Edda poética).
Nos mitos de emerxencia ou xurdimento a humanidade xorde doutro mundo e aparece no mundo no que agora habita. O mundo previo é xeralmente considerado o útero da nai terra, e o proceso de xurdimento está ligado co acto de dar a luz. O papel de comadroa exérceo xeralmente unha deidade feminina, como a muller araña da mitoloxía dos nativos americanos. Os personaxes machos raramente figuran nestas historias, e os eruditos adoitan consideralos como contrapunto dos mitos de creación de orientación masculina, como os da variedade ex nihilo.[34]
Os mitos de xurdimento describen xeralmente a creación das persoas e/ou dos seres sobrenaturais como unhas etapas ascendentes ou metamorfose a partir de formas nacentes que pasan por unha serie de mundos subterraneos ata chegaren ao seu actual lugar e forma. A miúdo o paso dun mundo ou etapa á seguinte é pulada por forzas internas, un proceso de xerminación ou xestación a partir de formas embrionarias iniciais.[35][36] Este xénero de mitos encóntrase máis frecuentemente nas culturas nativas americanas nas que os mitos adoitan ligar o xurdimento final das persoas dun burato aberto que comunica co mundo subterráneo con historias sobre as súas posteriores migracións e o seu asentamento final nas súas terras actuais.[37]
O mergullador da terra é un personaxe que aparece en varios mitos tradicionais da creación. Nestas historias un ser supremo envía xeralmente un animal ás augas primixenias para que busque area ou lama coa cal construír o mundo habitable. Algúns eruditos interpretan estes mitos psicoloxicamente, mentres que outros fan unha interpretación cosmogónica. En ambos os casos ponse a énfase en describir comezos que emanan das profundidades.[38] Os mitos do mergullador da terra son comúns no flolclore dos nativos americanos, pero poden encontrarse nos pobos chukchi e yukaghir, os tártaros e moitas tradicións finno-ugrias. O patrón de distribución destas historias indica que teñen unha orixe común nas rexión costeiras de Asia oriental norte, e foron espalladas por pobos que emigraron ao oeste a Siberia e ao leste a Norteamérica.[39]
As historias do mergullador da terra características de moitos mitos dos nativos americanos empezan como seres e formas potenciais que están durmidos ou suspendidos no reino primordial. O mergullador da terra está entre os primeiros deses seres que espertan e fai o necesario traballo preparatorio para construír unhas terras axeitadas onde a creación que vai vir poderá vivir. En moitos casos, estas historias describen unha serie de intentos fracasados de crear a terra ata que se encontra unha solución.[40]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.