Remove ads
especie de insecto From Wikipedia, the free encyclopedia
Micromalthus debilis é unha especie de escaravello nativo do leste dos Estados Unidos de América e o único representante vivo do xénero Micromalthus e de toda a familia Micromalthidae. Ten un ciclo de vida moi pouco común no que as larvas femia se reproducen asexualmente por partenoxénese e hai "adultos fantasma" non funcionais.
Micromalthus debilis Rango fósil: Mioceno-Presente | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Outras especies | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Sinonimia[1] | |||||||||||||||||
Micromalthus anansi Perkovsky, 2008 |
A clasificación de M. debilis foi historicamente controvertida e non quedou firmemente establecida. O primeiro que informou da especie foi John Lawrence LeConte en 1878 e foi durante longo tempo considerado un Polyphaga e situado na familia Lymexylidae ou Telegeusidae, ou nunha familia propia dentro de Cantharoidea. Porén, as características das larvas, ás e xenitais masculinos mostran que pertence á suborde Archostemata, onde está situado desde 1999.[2]
O escaravello adulto é alongado, cunha lonxitude entre 1,5 e 2,5 mm, e de cor marrón escuro á case negro, con patas e antenas amarelo-marróns. A cabeza é máis grande que o tórax, con grandes ollos que sobresaen por ambos os lados.
As larvas perforan a madeira que comen, en troncos húmidos e en descomposición de castiñeiros e carballos. Tamén se informou que causan danos en madeiras de edificios e postes de madeira (de feito, nos Estados Unidos teñen o nome local de "escaravello dos postes de teléfono").
O ciclo vital é pouco común porque o estadio cerambicoide da larva pode parir larvas caraboides por medio de partenoxénese, ou máis raramente, desenvolverse nunha femia adulta. Os machos adultos tamén é raro que se desenvolvan. O desenvolvemento en adultos está desencadeado polas altas temperaturas, pero isto tamén ten como resultado unha alta mortalidade das larvas. As femias adultas viven uns seis días, mentres que os machos só unhas 12 horas, cunha proporción de sexos fortemente escorada cara ás femias. Os adultos de ambos os sexos son estériles e son os vestixios que quedan dun tempo no que o ciclo vital comprendía tamén unha fase de reprodución sexual. A perda posterior da reprodución sexual está probalemente asociada coa infección que este insecto sofre por bacterias do xénero Wolbachia.[3]
Nun estudo experimental utilizáronse altas temperaturas para xerar un número substancial de adultos para estimular o ciclo de vida adulto non funcional. Esta especie mostrou un rol sexual inverso, no que as femias tiñan un papel moi activo. As femias preferían aparearse con machos que procedían de troncos diferentes do seu, e realizaban un movemento de "danza" no que abaneaban o abdome e batían as ás probablemente para rexeitar os machos non apropiados. As femias tamén competían e iniciaban interaccións cos machos, fretando os xenitais do macho cos seus propios xenitais.[3]
Os estudos xenéticos situaron a Micromalthus como máis relacionado cos Ommatidae que cos Cupedidae dentro dos Archostemata.[4] A existencia dunha relación próxima entre Ommatidae e Micromalthidae apóiase en varios caracteres morfolóxicos, como o tipo de mandíbulas e de xenitais dos machos.[5] O rexistro máis antigo de Micromalthidae é Archaeomalthus do Permiano superior de Rusia de hai arredor 252 millóns de anos, o cal é morfoloxicamente similar en moitos aspectos a Micromalthus, incluíndo ter un corpo cunha esclerotización débil.[6] Tamén se coñecen outros xéneros fósiles da familia, como Cretomalthus, coñecido por unha larva atopada en ámbar libanés do Cretáceo temperán (Barremiano).[7] Tamén Protomalthus atopado en ámbar birmano de Myanmar datado no Cretáceo medio (Albiano-Cenomaniano).[8]
Os fósiles de Micromalthus coñécense desde o Mioceno, atopados en ámbar dominicano (adultos e larvas, que non se podían distinguir das especies vivas[1]), en ámbar mexicano (larvas), en ámbar de Rovno do Eoceno superior de Ucraína (Micromalthus priabonicus),[9] e en ámbar de Oise de Francia do Eoceno temperán (Ypresiano) (Micromalthus eocenicus).[10] Outro posible espécime de Micromalthus achouse en ámbar birmano,[11] mais a súa mala conservación fixo que a súa asignación fose provisional.[8]
Os informes da especie son infrecuentes e non se sabe se é escasa ou común e pasa desapercibida. Un estudo recente feito por Bertone et al. (2016)[12] atopou exemplares nun exame da fauna de artrópodos dentro das casas en 50 casas localizadas arredor de Raleigh, Carolina do Norte.[13] Un recente estudo encontrou que a especie se espallara a todos os continentes menos a Australia, con rexistros en Suráfrica, Hong Kong, Belize,[14] Cuba, Brasil, Xapón, Hawai, Italia e Austria ; esta dispersión está posiblemente relacionada co comercio da madeira.[15]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.