antropóloga francesa From Wikipedia, the free encyclopedia
Michèle Petit, nada en París en 1946, é unha antropóloga francesa.[1]
Este artigo ou sección precisa dunha revisión do formato que siga o libro de estilo da Galipedia. Pode axudar a mellorar este artigo e outros en condicións semellantes. |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1946 (77/78 anos) París, Francia |
Actividade | |
Ocupación | antropóloga, escritora |
Empregador | Universidade de París |
Traballa como investigadora da Universidade de París 1 e é membro honorario do laboratorio LADYSS (Laboratorio de dinámicas sociais e recomposición dos espazos) do Centro Nacional para a Investigación Científica (CNRS) en Francia.[2] O devandito laboratorio dedícase ao uso das prácticas culturais e artísticas dos espazos en crise.[3]
As súas principais liñas de investigación son a lectura e a súa función na construción ou reconstrución da identidade, así como os espazos de lectura.[4] Publicou distintas obras a partir das súas reflexións e investigacións e foi convidada a diversos seminarios e congresos en varios países, particularmente en América Latina. En 2018 é considerada unha das maiores autoridades sobre a lectura no mundo.[4]
Michèle Petit iniciouse no mundo da lectura a través de libros ilustrados, álbums, revistas e relatos de Philippe Corentin. Nas súas primeiras lecturas, Michèle aprendeu a darlle forma a temperás angustias e soños de fuga vinculados co recordo colectivo da guerra e cun temor persoal de que estalase unha nova. Máis tarde, aos seus doce anos, continuou lendo series, libros de aventuras, novelas policiais, tiras cómicas e, finalmente, descubriu os clásicos da literatura francesa.[5] As ideas xurdidas a partir destes primeiros achegamentos á literatura deron orixe a varios dos temas que traballaría e reformularía anos máis tarde nas súas reflexións acerca da experimentación subxectiva da lectura e da súa significación na vida común das persoas lectoras.[6][7]
Aos trece anos, Michèle Petit mudouse xunto cos seus pais a América Latina, especificamente a Bogotá en Colombia. Permaneceu nese país preto de tres anos, tempo no cal tivo os seus primeiros achegamentos ás grandes bibliotecas, ao teatro e á actuación.[5][8] Logo de regresar a Francia fixo algunhas viaxes polo Mediterráneo.[8] Durante os seus últimos anos de liceo refuxiouse en lecturas como Rimbaud, Eluard, Apollinaire, Camus, Prévert, Sartre, Gide e Beauvoir.[5]
Ao terminar o bacharelato, Petit, para cumprir coas expectativas dos seus pais, decidiu estudar Socioloxía na Universidade Panthéon-Sorbonne (París 1) e non unha carreira de Letras. Na súa “Autobiografía lectora” menciona que na universidade empezou a interesarse na psicanálise ao ler a Freud.[5] Así mesmo, sendo estudante viaxou a España e percorreu o Mediterráneo.
Aos 22 anos ingresou na Escola de Estudos Orientais onde estudou Grego Moderno e de aí graduouse aos 25 anos.[5] Durante esa época, ela menciona que descubriu os poemas de Elytis e Kavafis. Nese momento deu inicio ao que ela chama a súa “etapa oriental”, acrecentada polo seu amor cara ao Mediterráneo, durante a cal leu a autores como Vittorini, Lorca, Schehadé, Maiakovski, Nâzım Hikmet, Fadhma Amrouché, Seferis, Kazantzakis, Homero e Orhan Pamuk. Cos anos, a súa preferencia polo oriental ampliouse cara a autores de Europa central, como Rilke e Proust.[5]
Anos máis tarde aceptaría que todas as viaxes realizadas e as experiencias vividas ao longo delas a conduciron a se converter en antropóloga e estudar psicanálise.[8]
En 1972 empezou a traballar no Centro Nacional para a Investigación Científica, onde realizou investigacións sobre as diásporas chinesa e grega.[9] Desde 1992 elaborou estudos no ámbito da lectura. A partir do ano 2005 dedicouse a estudar a función desta en espazos con situacións críticas.[9]
Ao longo da súa carreira foi convidada a diversos eventos académicos e culturais, que na súa maioría tiveron lugar en América Latina. En 1997, regresou por primeira vez ao continente americano para dar un seminario sobre lectura en México.[10] Nesa viaxe coñeceu a Daniel Goldin, o seu editor en México, co cal publicou diversos libros.
Igualmente, Petit impartiu cursos en liña para a Universidade de Barcelona e na Facultade Latinoamericana de Ciencias Sociais (FLACSO) en Buenos Aires, Arxentina.[11]
Michèle Petit é coñecida por partir da experiencia do lector para falar da lectura. A obra de Michèle Petit está marcada polas vivencias persoais e colectivas das persoas lectoras coas que tivo contacto, pola reflexión acerca das apropiacións que xorden durante e despois de ler, e pola conciencia dos cambios ou axustes psíquicos que deveñen da lectura.[12] Para esta antropóloga, parte importante da experiencia de lectura é a posibilidade que esta brinda de dar un espazo ao pensamento imaxinativo, a memoria e a representación do futuro.[13] Petit concibe a lectura tamén como unha posibilidade de facerse consciente do tempo histórico, a partir do encontro de xeracións que se dá entre as voces que narran e os lectores.[13] De igual maneira, asegura que a lectura axuda a construír a subxectividade das persoas, ou ben a reconstruíla na adversidade e que por tanto a lectura é un dereito vital.
Michèle Petit fixo notar que ler, ademais de facer que as persoas evoquen a súa propia vida, as motiva a falar, a sentirse posuidores da palabra. Sinala que a lectura en voz alta suxírelles ás persoas lectoras que son quen de ter unha voz propia.[14] Outro punto importante do seu pensamento é que a lectura favorece as transicións entre o suxeito lector e os outros. De acordo con Petit, a apertura cara ao exterior, a creación de continuidades, o reforzamento de lazos comúns e o compartir son situacións inherentes á lectura.[15]
A partir de 1992, hai un interese especial nela por estudar os procesos de lectura a través de métodos cualitativos e por reflexionar acerca da experiencia íntima e social dos lectores cos libros. Como método nas súas investigacións, elabora diversas prácticas de campo e entrevistas a distintos tipos de lectores. Así mesmo, interesouse por coñecer as distintas funcións que cumpren as bibliotecas públicas no medio social no que se insiren.[16] Tamén suxeriu que a formación dun lector depende dos seus primeiros contactos cos libros e da observación que o neno fai dos adultos lectores.[17]
Petit rexeita o utilitarismo da lectura e propón que pode servir para moitas outras cousas ademais do coñecemento académico, á vez que tamén sinala de que o acto de ler pode exceder un mero pracer.[4]
Michèle Petit tamén se referiu nos seus traballos aos mediadores de lectura. Ela suxire que os mediadores deben acudir aos sitios onde resulta difícil acceder á cultura escrita, por exemplo en medios rurais ou barrios marxinados. Previamente, o mediador de lectura habería de lembrar a súa propia relación cos libros, xa que desta maneira poderá transmitir unha mensaxe crible no que a lectura se recoñeza máis como unha actividade que convida á liberdade, á emancipación, e non de maneira directa á obriga.[18]
Respecto das dinámicas de mediación, fixo fincapé na importancia da manipulación dos libros e no intercambio deles. De igual modo, indicou o impacto que ten a lectura en grupo, como un espazo que permite crear escenarios democráticos e inclusivos. Petit considera que a lectura compartida é un mecanismo para unir a xente e xerar transformacións a través das experiencias estéticas.[19] A antropóloga propón que a principal tarefa do mediador de lectura é apoiar á apropiación da cultura escrita e provocar oportunidades de encontros entre libros, persoas e mundos.[20]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.