O zifio de Sowerby,[3] ou cifio de Sowerby,[4] (Mesoplodon bidens), é unha especie de mamífero cetáceo odontoceto da familia dos zifíidos.

Máis información Estado de conservación, Clasificación científica ...
Zifio de Sowerby
Mesoplodon bidens

Rango fósil: mioceno - actualidade [1]

Debuxo de M. bidens en British Mammals (1920-21)

Comparación co tamaño dun humano medio
Comparación co tamaño dun humano medio

Estado de conservación
Datos insuficientes[2]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Orde: Cetacea
Suborde: Odontoceti
Superfamilia: Ziphioidea
Familia: Ziphiidae
Subfamilia: Hyperoodontinae
Xénero: Mesoplodon
Especie: M. bidens
Nome binomial
Mesoplodon bidens
(Sowerby, 1804)
Pechar

Foi o primeiro zifio descrito. O seu nome específico, bidens, fai referencia ao par de dentes presentes no extremo da mandíbula dos machos, que hoxe en día se sabe que é unha característica moi común no xénero Mesoplodon.

Taxonomía

Descrición

A especie foi descrita en 1804 polo naturalista e ilustrador inglés James Sowerby, en Transactions of the Linnaean Society, London 7: 310,[5][6] co nome de Physeter bidens.[7] Máis tarde foi separado do xénero do cachalote e incluído en Mesoplodon, xénero que foi creado en 1850 polo paleontólogo francés Paul Gervais.
Ao seu descritor e ao que debe o seu nome específico vulgar.

Sinonimia

Ademais de polo protónimo de Sowerby, e do nome actualmente válido, a especie foi coñecida tamén polos numerosos sinónimos seguintes:[5]

  • Aodon dalei Lesson, 1828
  • Delphinorhynchus micropterus F. Cuvier, 1836
  • Delphinorhynchus sowerbyi Gray, 1846
  • Delphinus micropteron Tomilin, 1957
  • Delphinus micropterus G. Cuvier, 1829
  • Delphinus sowerbensis Blainville, 1817
  • Delphinus sowerbi Eschricht, 1851
  • Delphinus sowerbyensis Eschricht, 1852
  • Delphinus sowerbyi Desmarest, 1822
  • Diodon sowerbaei Bell, 1837
  • Diodon sowerbi Hamilton, 1837
  • Diodon sowerbyi Lesson, 1828
  • Heterodon dalei Lesson, 1827
  • Mesodiodon sowerbyi Duvernoy, 1851
  • Mesoplodon sowerbensis Gervais, 1859
  • Mesoplodon sowerbiensis J. A. Allen, 1869
  • Micropteron bidens Malm, 1871
  • Micropteron sowerbiensis Van Beneden, 1868
  • Nodus dalei Gray, 1850
  • Ziphius sowerbiensis Gray, 1846

Características

Thumb
Detalle da mandíbula do macho, co característico dente triangular.

Presenta a morfoloxía típica das especies do seu xénero, das que se distingue principalmente polo par de dentes triangulares dos machos situados cara a diante no medio da mandíbula, que poden emerxes das enxivas 3 ou 4 cm (nas femias e nos machos inmaturos quedan ocultos baixo as enxivas.
O corpo, fusiforme, é moi alongado, e algo comprimido lateralmente. É un zifio de tamaño mediano, de 4 a 5,5 m de lonxitude (as femias algo menores que os machos), e que alcanza entre os 1 000 e os 1 500 kg de peso.
O cranio presenta os maxilares superiores estreitos e alongados acabados en punta. A cabeza estréitase moito cara ao bico, que é moderadamente logo. A fronte é convexa e escasamente bulbosa, e presenta un avultamento diante do espiráculo. O melón é lixeiramente convexo.
A gorxa presenta unhas pregas a ambos os lados da cara, máis xuntas no bico e que se proxectan formando un "V" aberto.
A aleta dorsal é pequena e falciforme (en forma de fouciño), ás veces triangular, situada no terzo posterior do lombo e co extremo arredondado. As aletas pectorais son pequenas, e o animal dispón dunhas alforxas onde as pode repregar durante o mergullo. A aleta caudal está formada por dous lóbulos cóncavos e rematados en punta, non presentando fendedura entre eles.
A coloración é gris escura no dorso, aclarándose nos flancos até chegar á cor abrancazada ra rexión ventral; presentan un parche escuro ao redor dos ollos; as aletas pectorais son escuras polo doso. O corpo dos machos presenta frecuetemente numerosas cicatrices producidas polos dentes de machos rivais durante os enfrontamentos entre eles.[8]

Hábitat e distribución

Thumb
Distribución do zifio de Sowerby.

O zifio de Sowerby habita case exclusivamente mas augas máis frías do Atlántico norte, desde as costas de Massachusetts (Estados Unidos de América) e da península do Labrador (Canadá), polo oeste, até as de Islandia e Noruega (polo norte), ás do golfo de Biscaia (polo sur), no leste. É a especie do xénero Mesoplodon de disribución máis setentrional, coa maioría dos rexistros situados máis ao norte dos 30° N. Porén, moi rara vez se avista no gran norte, e frecuenta sobre todo as costas da Europa occidental. Así e todo rexistráronse un bo número de varamentos considerados fóra do límite da súa área de dispersión, tanto no mar Mediterráneo, como o golfo de México.[2] A súa presenza en augas próximas a Galicia é accidental.[8]

Viven xeralmente en augas de 200 a 1 500 m de profundidade.[9]

Bioloxía

Os zifios de Sowerby son animais solitarios que se manrteñen afastados dos barcos e por iso son raramente observados. Ás veces forman grupos de até 10 individuos.[8] Poden mergullarse até 30 min.

Pénsase (polos restos achados nos seus estómagos) que se alimentan principalmente de cefalópodos e de moluscos peláxicos, e tamén de pequenos peixes, como bacallaus inmaturos.[2][9]

Pouco é o que se sabe sobre a reprodución desta especie. A madurez sexual alcánzase aos 4 ou 5 anos en ambos os sexos. A xestación e o período de aleitamento poden durar até os dous anos, polo menos.[8] As crías miden entre 2,4 e 2,7 m ao neceren, e pesan até 185 kg.[9][10]

Estado de conservación

O zifio de Sowerby foi cazado de modo marxinal polos baleeiros noruegueses, pero esta práctica xa foi abandonada desde hai moito tempo. Rexístranse algunhas mortes debido ao quedaren enleados algúns individuos en redes de pesca, pero este fenómeno é pouco probábel que sexa realmente prexudicial para a especie.

Desde 1996 a Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais (UICN) vén cualificando o status da especie como DD (datos insuficientes), consideración que se mantén a día de hoxe (2016). Esta cualificación baséase en que non hai informacións sobre a abundancia global desta especie, nin as tendencias sobre a evolución desta. Porén crese que é pouco común, e que é potencialmente vulnerábel a ameazas de baixo nivel e non se pode descartar unha redución global do 30 % da súa poboación en tres xeracións.[2]

Notas

Véxase tamén

Wikiwand in your browser!

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.

Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.

Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.