Mesenterio
From Wikipedia, the free encyclopedia
O mesenterio (do grego μεσεντέριον, mesentérion) é un termo da anatomía animal e humana, que designa unha membrana serosa que constitúe un repregamento plano do peritoneo, principalmente de tecido conxuntivo, que contén numerosos vasos sanguíneos e linfáticos que se dirixen ás vísceras abdominais, e que unen o estómago e o intestino coas paredes posteriores do abdome, fixando na súa posición ditos órganos.


Con frecuencia, ao falarmos do mesenterio inclúense os dous pregamentos do peritoneo que conteñen os compoñentes da cavidade abdominal (omentos ou epíploons[1] etc). No mesenterio, en especial no de persoas obesas, acumúlase ás veces unha enorme cantidade de células adiposas.
O termo mesenterio pode usarse en sentido estrito ou lato. En sentido estrito, o mesenterio propiamente dito sería só a dobre capa de peritoneo que suspende o xexuno e o íleo desde a parede posterior do abdome. Porén, o seu significado esténdese con gran frecuencia a outras dobres capas de peritoneo que conectan os diversos compoñentes da cavidade abdominal.
Concepto
A palabra mesenterio deriva do grego meso- (μέσος): medio e énteron (ἔντερον): intestino, é dicir, entre os intestinos.[2] O mesenterio, na súa definición orixinal refírese á porción do peritoneo responsable de conectar o xexuno e íleo (partes do intestino delgado) ao longo das súas complicadas curvaturas, coa parede posterior do abdome. En medio destas dúas láminas do peritoneo corren vasos sanguíneos, linfáticos e nervios. Isto permite que estas partes do intestino delgado poidan moverse libremente dentro da cavidade abdominal sen perderen irrigación sanguínea ou innervación.
Clasificación

Os mesenterios están compostos por dúas capas de peritoneo. O que recobre as paredes da cavidade abdominal e pélvica, chamado peritoneo parietal, invaxínase en certos puntos para envolver a un determinado órgano. O peritoneo invaxinado ou repregado sobre un órgano intraabdominal, chamado peritoneo visceral, en xeral rodeará case completamente o órgano en cuestión, coa excepción dunha pequena área por onde cursan os vasos sanguíneos e nervios do órgano. Se o órgano é invaxinado polo peritoneo con suficiente profundidade, ata tal punto que o peritoneo visceral chega a ter contacto con el, fórmase o mesenterio de dito órgano. Así, os mesenterios do corpo serían:
- Mesenterio, propiamente dito: é o que envolve porcións do intestino delgado (xexuno, íleo).
- Mesocolon, que envolve partes do colon.
- Mesoapéndice, peritoneo do apéndice vermiforme.
- Mesocolon transverso, retén ao colon transverso.
- Mesocolon sigmoide, peritoneo do colon sigmoide.
- Ligamento largo do útero, parte da parede pélvica ata o peritoneo, formando dous feixes largos que rodean o útero.
- Omento ou epíploón, repregamento específico do peritoneo, que se divide en dúas partes:[3]
- Epíploon maior ou gastrocólico: Cobre a curvatura maior do estómago e úneo co colon transverso e continúa como un mandil situado na cara anterior do intestino. É o lugar de acumulación de tecido adiposo nas persoas obesas.[4] A unión específica peritoneana da curvatura maior do estómago co bazo chámase epíploon gastroesplénico e nela transcorre a arteria gastroepiploica esquerda.[5] Desde o bazo tamén parte un pregamento que se une coa cola do páncreas, chamado epíploon pancreáticoesplénico que contén a arteria esplénica.
- Epíploon menor ou gastrohepático: cobre a beira esquerda do fígado uníndoo coa beira dereita do estómago, duodeno e á curvatura menor do estómago. É o límite anterior do hiato de Winslow
Desenvolvemento
- Artigo principal: Gastrulación.
O mesenterio deriva do que no embrión se coñece como o mesenterio dorsal, o cal é máis longo que o mesenterio ventral, o cal gradualmente se converte noutras partes do peritoneo. A maioría do mesenterio ventral asóciase principalmente co fígado. Aínda que tamén co intestino.
Estrutura
O mesenterio está formado por dúas follas de peritoneo, en forma de abano, entre as cales discorren os vasos sanguíneos do xexuno e íleo, os colectores linfáticos, os nervios e o tecido adiposo extraperitoneal. A porción do mesenterio en conexión co xexuno contén menos tecido adiposo do que a correspondente ao íleo, polo cal as arcadas arteriais, neste último, se visualizan con maior dificultade. O mesenterio cumpre a función de pedículo de fixación sanguínea e inervadora, xa que envolto por el transcorren os diferentes vasos sanguíneos e nervios que chegan a cada víscera. O sistema linfático do mesenterio absorbe as graxas esterificadas, despois dos procesos encimáticos que sofren no intestino como parte da dixestión.
Transcavidade dos epíploons

A bolsa omental é unha especie de cavidade formada polos varios pregamentos ascendentes e descendentes do "omento maior" (o repregamento peritoneal que vai subindo e fixándose ao intestino delgado nas súas voltas). Cubrindo esta cavidade ou bolsa hai outro pregamento peritoneal máis pequeno, o "epíploon menor", que une e fixa a curvatura menor do estómago co fígado. Este pregamento está fenestrado ou atravesado polo hiato de Winslow (burato omental), a través do cal se pode ter acceso á bolsa omental do omento menor, que se encontra na parte posterior, que os anatomistas denominan transcavidade dos epíploons ("cavidade" virtual, xa que non é un oco senón unha especie de bolsa contedora do estómago e o fígado). A transcavidade dos epíploons é un espazo virtual que se volve real ao encherse de líquido e contelo. Está formada por órganos da parte superior do mesocólico, como é a parte posterior do estómago, a parte anterior do páncreas e os respectivos epíploons, que son estruturas que comunican un órgano con outro a través de estruturas vasculares. A transcavidade dos epíploons propiamente dita está formada na súa parte superior polo músculo diafragma e na inferior polo mesocolon transverso e no lado esquerdo polo bazo e os dous epíploons respectivos (epíploon pancreatoesplénico e o epíploon gastroesplénico) e no lado dereito polo hiato de Winslow.[6]
Galería de imaxes
- Figura obtida ao combinar varias seccións sucesivas dun embrión humano de aproximadamente catro semanas.
- Ilustración de dous estadios de desenvolvemento do tubo dixestivo e o mesenterio. A frecha indica o punto de entrada á bolsa omental.
- Figura esquemática de varios mesenterios dun embrión de oito semanas.
Notas
Véxase tamén
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.