especie de bacterias From Wikipedia, the free encyclopedia
Neisseria meningitidis, tamén chamada meningococo, é unha especie de bacterias que pode causar a meninxite meningocócica[1] e outras formas de infección como a meningococcemia (unha septicemia que pode ser mortal). Porén, hai outros axentes infecciosos que poden causar tamén meninxite. N. meningitidis é unha causa importante de morbilidade e mortalidade durante a infancia nos países industrializados e foi responsable de epidemias en África e Asia.[2] Coa tinguidura de Gram mostra ser un diplococo gramnegativo e os cultivos da bacteria dan positivo na proba do encima citocromo c oxidase.[3]
Neisseria meningitidis | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Fotomicrografía de N. meningitidis | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||
'Neisseria meningitidis' Albrecht & Ghon 1901 |
A bacteria vive como parte da flora normal non patoxénica na nasofarinxe dun 5-15% dos adultos.[4] Causa a única forma de menixite bacteriana que orixina epidemias. O Streptococcus pneumoniae (ou pneumococo) é outra especie bacteriana común causante de meninxite. Os meningococos só infectan a humanos e nunca foron illados de animais porque a bacteria só pode obter ferro de fontes humanas, como as proteínas transferrina e lactoferrina.[5]
O meningococo espállase por medio do intercambio de saliva e outras secrecións respiratorias durante actividades como tusir, bicar ou morderen xoguetes os nenos. Infecta a célula hóspede ao adherirse a ela utilizando adhesinas autotransportadoras triméricas (TAA). Aínda que produce inicialmente síntomas xerais como fatiga, pode rapidamente progresar desde a febre, dor de cabeza e rixidez de pescozo ao coma e morte. Os síntomas da meninxite meningocócica confúndense doadamente cos producidos por outros organismos como Hemophilus influenzae e Streptococcus pneumoniae.[6] Prodúcese a morte en aproximadamente o 10% dos casos.[5] Os que teñen a súa inmunidade alterada teñen maior risco de contraer infeccións por meningococo (por exemplo, os que teñen síndrome nefrótica ou sufriron esplenectomía); adminístranse vacinas cando foi estirpado ou non funciona o bazo.
Anton Weichselbaum en 1887 descubriu a enfermidade en pacientes infectados con meningococos.[7]
Clasifícanse segundo a súa estrutura antixénica. Os antíxenos utilizados máis importantes son o polisacárido capsular, que define o serogrupo das cepas, as proteínas de membrana porinas de clase 2/3, que serven para definir os serotipos e as proteínas de clase 1, tamén porinas, que definen os serosubtipos. Coa nomenclatura actual, as cepas quedan definidas polo seu serogrupo:serotipo:serosubtipo; por exemplo, B:2b:P1.5,10 ou C:NT:P1.13.[8] A distribución de serotipos varía segundo a parte do mundo, o que dificulta o desenvolvemento dunha vacina universal.[9] Hai moitas cepas de meningococos; as máis importantes clinicamente son: A, B, C, Y, X e W135.[10] O 90% dos casos mundiais débense aos serogrupos A, B e C.
Outras cepas son D, 29-E, H, I, K, L, e Z.
O lipooligosacárido (LOS) é un compoñente da membrana externa de N. meningitidis que actúa como unha endotoxina e é responsable de choques sépticos e hemorraxias debidas á destrución dos glóbulos vermellos do sangue.[12] Outros factores de virulencia son unha cápsula de polsacárido que impide a fagocitose por parte do hóspede e axuda a que o microbio se evada da acción do sistema inmunitario; e fimbrias que median a adhesión da bacteria ás células epiteliais da nasofarinxe.[13][14]
Recentemente descubriuse unha nova cepa hipervirulenta na China, cuxo impacto aínda non foi determinado.[6]
N. meningitidis é un patóxeno intracelular específico dos humanos responsable de causar meninxite e septicemia. Igual que a maioría dos outros patóxenos intracelulares bacterianos, N. meningitidis aproveita as vías de sinalización celular do hóspede para promover a súa captación polas células hóspedes. A sinalización que leva á internalización bactreriana é inducida polos pili de tipo IV da bacteria, que son o principal medio do meningococo para a adhesión ás células hóspede. A sinalización inducida pola adhesión mediada polos pili de tipo IV é a responsable da formación de estruturas de tipo microvilli no sitio da interacción coa célula bacteriana,[13] as cales desencadedan a internalización da bacteria nas células hóspede. Unha consecuencia principal destes eventos de sinalización é a reorganización da actina do citoesqueleto, o cal leva á formación de protrusións na membrana, que fagocitarán os patóxenos bacterianos dentro de vacúolos intracelulares. Para unha internalización eficiente de N. meningitidis tamén se require a activación dunha vía de sinalización alternativa acoplada coa activación do receptor ErbB2 da tirosine quinase. Ademais de pili de tipo IV, outras proteínas da membrana externa poden estar implicadas noutros mecanismos de internalización da bacteria nas células.[15]
A sospeita dun caso de meninxite é unha emerxencia médica e debe ter unha atención médica inmediata. Nos casos en que se sospeita meninxite meningocócica ou septicemia (infección no sangue) xeralmente adminístranse antibióticos intravenosos rapidamente e o paciente debe ser internado nun hospital.[16] Isto implica que por causa do antibiótico o número de bacterias pode quedar moi reducido e é probable que despois as probas de laboratorio para confirmar a presenza de N. meningitidis non a detecten, pero considérase prioritario reducir as taxas de mortalidade.
A septicemia causada por N. meningitidis recibiu menos atención do público do que a meninxite, a pesar de que está asociada con mortes infantís.[17] A septicemia meningocócica causa tipicamente erupcións purpúricas que non perden a súa cor cando as presionamos cun vidro e non causan os síntomas clásicos da meninxite. Esta septicemia ten aproximadamente unha taxa de mortalidade do 50% en poucas horas desdde o seu comezo. Porén, non todos os casos de erupcións de tipo púrpura se deben a septicemia meningocócica, pero as outras posibles causas requiren tamén unha atención rápida (por exemplo a púrpura trombocitopénica idiopática, un trastorno plaquetario, ou a púrpura de Henoch-Schönlein).
Outras complicacións graves son a síndrome de Waterhouse-Friderichsen (unha hemorraxia xeralmente bilateral masiva, hemorraxia nas glándulas adrenais causada por unha meningococcemia fulminante), insuficiencia adrenal, e a coagulación intravascular diseminada.[6]
O procedemento estándar de diagnose é o illamento de N. meningitidis de fluídos corporais normalmente estériles.[6] Para a identificación do organismo extráese e envíase unha mostra de líquido cefalorraquídeo ao laboratorio inmediatamente. A dignose depende do cultivo do organismo en placas de ágar chocolate. Outras probas adicionais para identificar a especie son as probas da oxidase, catalase (que en todas as Neisseria son positivas) e as probas do uso de carbohidratos como a maltosa, sacarosa e glicosa nas cales N. meningitidis mostra capacidade de fermentar glicosa e maltosa. A seroloxía determina o subgrupo do microorganismo.
Se a bacteria chega á circulación, poden facerse cultivos de mostras sanguíneas.
As probas clínicas que se utilizan actualmente para a diagnose da enfermidade meningocócica tardan entre 2 e 48 houras e xeralmente dependen do cultivo da bacteria a partir de mostras de sangue ou de líqido cefalorraquídeo. Porén, poden utilizarse tamén as probas de reacción en cadea da polimerase para identificar o organismo mesmo despois de que o uso de antibióticos reducise a infección. Como a doenza ten un risco de mortalidade do 15 % nas primeiras 12 horas de infección, é moi importante iniciar as probas tan axiña como sexa posible e non agardar polos resultados para iniciar a terapia con antibióticos.[6]
As persoas con infección sospeitosa ou confirmada por N. meningitidis deben ser hospitalizadas e tratadas con antibióticos inmediatamente, debido á rapidez con que se estende a infección.[6] Utilízanse antibióticos de tipo cefalosporina de terceira xeración (como cefotaxime, ceftriaxona).[18]
Para previr a infección, as persoas que estiveron en contacto cun paciente infectado nos últimos sete días poden recibir medicación con antibióticos como a rifampicina oral.[6] A prevención na poboación xeral faise con vacinas.
Disponse de vacinas contra os serogrupos C, Y, e W-135, pero non hai vacinas definitivas contra o B. As vacinas poden prepararse contra os polisacáridos da bacteria ou ser vacinas conxugadas, é dicir, formadas polo polisacárido unido a proteínas.
Disponse de vacinas conxugadas fronte ao serogrupo C, que se introduciron no calendario de vacinación español en 2000, que actualmente se aplican no primeiro ano de vida cunha segunda dose recomendada aos 2 anos. Foron vacinados con elas nas campañas realizadas polas Comunidades Autónomas todos os individuos menores de 20 anos. É inmunóxena desde os dous meses de idade, ten unha resposta de longa duración, e reduce a taxa de portadores.[8]
Disponse tamén de vacinas A+C de polisacárido purificado, válidas para nenos de máis de 2 anos, e da vacina similar A+C+Y+W135. Nos Estados Unidos autorizouse unha vacina tetravalente conxugada nova, a A+C+Y+W135. Entre 1996 e 1997 en España realizouse unha campaña de vacinación na poboación entre os 2 e 19 anos, utilizando a vacina entón dispoñible A+C, que foi eficaz durante o primeiro ano despois de administrada, pero que perdía rapidamente eficacia en anos sucesivos.[8]
En 2012, a FDA dos Estados Unidos aprobou unha nova combinación de vacina contra dous tipos de enfermidades meningocócicas e contra Haemophilus influenzae b (Hib) para nenos desde 6 semanas a 18 meses. A vacina, chamada Menhibrix, prevén a enfermidade causada por N. meningitidis dos serogrupos C e Y, e Haemophilus influenzae tipo b.[19]
A vacina contra o serogrupo B está aínda en investigación e está a ser difícil de obter debido á baixa inmunoxenicidade do polisacárido B, posibles efectos de autoinmunidade e a variación dos tipos en diversas partes do mundo. En Nova Zelandia obtiveron unha pero só era específica para a cepa que estaba a producir a epidemia naquel momento, e tamén se fixeron vacinas en Cuba,[20][21][22] e Noruega. En Europa aprobouse unha vacina nova MenB en xaneiro de 2013; seguindo a recomendación positiva do Comitée para Produtos Médicos para Uso Humano, déuselle licenza da Comisión Europea á vacina Bexsero® producida por Novartis.[23]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.