Melecitosa

composto químico From Wikipedia, the free encyclopedia

Melecitosa

A melecitosa ou melicitosa [1] é un oligosacárido do grupo dos trisacáridos formado por tres unidades monosacáridas: glicosa-frutosa-glicosa, unidas por enlace O-glicosídico. Está presente no mel, melazas e no zume elaborado de numerosas árbores e plantas. É un compoñente das gotas de líquido azucrado que expulsan polo seu abdome diversos insectos áfidos (pulgóns), que chuchan o zume elaborado das plantas.

Datos rápidos Identificadores, Propiedades ...
Melecitosa
Thumb
Identificadores
Número CAS 597-12-6
PubChem 92817
ChemSpider 83787
ChEBI CHEBI:6731
ChEMBL CHEMBL386007
Imaxes 3D Jmol Image 1
Propiedades
Fórmula molecular C18H32O16
Masa molecular 504,44 g/mol

Se non se indica outra cousa, os datos están tomados en condicións estándar de 25 °C e 100 kPa.
Pechar
Thumb
Composición da melecitosa en relación con outros azucres.

Descubrimento

A melecitosa descubriuse no zume elaborado do alerce ou lárice (Pinus larix) en 1883 por Bonastre en Francia [2][3]. O seu nome procede do nome do alerce en francés, que é méléze.

Estrutura

A melecitosa é un trisacárido composto por dúas unidades de glicosa e unha de frutosa, e pode describirse como unha glicosa unida ao disacárido turanosa por enlace β(2-1)α ou como o disacárido sacarosa unido a unha glicosa por enlace α(1-3).

O nome do trisacárido é pois: Glc α(1-3)Fru β(2-1)α Glc.

Propiedades

A melicitosa é un sólido que funde a 153 °C, é soluble en auga quente, e ten unha masa molar de 504,44 g/mol [4].

A melecitosa é un azucre non redutor [3]. A hidrólise total de melecitosa produce 2 moles de glicosa e un de frutosa. A hidrólise parcial produce glicosa, sacarosa e turanosa (sacarosa e turanosa son disacáridos isómeros).

A melecitosa posúe un sabor doce e o seu poder edulcorante, a igual concentración, é superior ao da maltosa pero inferior ao da frutosa[5].

Unha gran variedade de insectos reaccionan positivamente á presenza de melecitosa [6]. As formigas (Lasius niger) teñen unha sensibilidade ao sabor da melecitosa superior ao que teñen pola sacarosa[5].

Mel e melaza

Thumb
Pulgóns produtores de gotas de melaza sobre unha póla de abeto Picea abies.

A melecitosa é un constituínte menor do mel, como a rafinosa ou a turanosa, e supón arredor do 2,2% no mel dalgunhas abellas como a Apis dorsata[7]. Os meles de melaza (mel de abeto) conteñen aínda unha proporción maior de melecitosa, de ata o 5%[8]. Unha concentración elevada de melecitosa no mel (10%-12%) orixina a cristalización do mel (chamada ás veces "mel de cemento"), impedindo que as abellas a consuman en inverno, o que mingua a súa poboación.[9] Provoca diarreas nos humanos.

A melecitosa é o principal azucre constituínte das pingas azucradas expulsadas polo abdome dos insectos chuchadores do zume elaborado das plantas (áfidos). Producido por hidrólise, permite aos insectos reducir o seu estrés osmótico dentro do seu corpo. A presenza de melecitosa nestas pingas atrae ás formigas e ás abellas, favorecendo unha relación simbiótica entre os áfidos e as formigas, xa que os áfidos alimentan con esta azucre ás formigas e as formigas protexen aos áfidos dos depredadores.

Notas

Véxase tamén

Loading related searches...

Wikiwand - on

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.