Remove ads
actriz francesa de orixe galega From Wikipedia, the free encyclopedia
María Victoria Casares Pérez, nada na Coruña o 21 de novembro de 1922 e finada en Alloue (Charente, Nova Aquitania, Francia) o 22 de novembro de 1996,[1] foi unha actriz galega que triunfou en Francia, onde residía como exiliada por ser filla de Casares Quiroga, que fora Primeiro Ministro da II República Española durante o goberno de Azaña. En Francia era coñecida como Maria Casarès.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (es) Maria Victoria Casares Pérez 21 de novembro de 1922 A Coruña, España |
Morte | 22 de novembro de 1996 (74 anos) Alloue, Francia |
Causa da morte | cancro |
Lugar de sepultura | cemiterio de Alloue |
Educación | Conservatorio de París Cours Simon (en) Instituto-Escuela |
Actividade | |
Ocupación | actriz de teatro, actriz de cinema |
Obra | |
Obras destacables
| |
Arquivos en |
|
Familia | |
Cónxuxe | André Schlesser (1978–1985) |
Parella | Jean Servais (–1948) Gérard Philipe (1947–) Albert Camus (1944–1945) |
Pai | Santiago Casares Quiroga |
Premios | |
Descrito pola fonte | Grande Enciclopedia Soviética 1969-1978, (sec:Казарес Мария) Enciclopedia soviética armenia, volume 5, (p.156) |
|
Foi considerada unha das grandes actrices do teatro e o cinema francés e apareceu en clásicos como Les enfants du paradis, especialmente durante as décadas de 1940 e 1950.
María Casares naceu na Coruña en 1922, filla do político e avogado Santiago Casares Quiroga (1884-1950) e de Gloria Pérez, finada en París en 1945. Non foi unha filla desexada e anos máis tarde dixo ironicamente: "Cando meus pais me collían, era inadvertidamente ou por erro".[2] Tivo unha media irmá, Esther Casares,[3] nada dun matrimonio anterior de seu pai e un irmán, Enrique, que adoptaron os seus pais durante a guerra civil. A familia residía no número 12 da rúa Panadeiras, hoxe convertido en casa museo da familia.[4] Durante os veráns a familia trasladábase a Oleiros, onde alugaban o Pazo do Río ou a Villa Galicia,[5] e realizaban paseos pola praia de Bastiagueiro.[3]
Comezou a escola na cidade da Coruña, estudando no Colexio Francés, situado na Cidade Xardín;[3] alí viu filmes e recibiu clases de recitación.[4]
En 1931, coa proclamación da Segunda República, a familia marchou a Madrid. María estudou no Instituto Escuela, onde comezou a facer teatro.[3] Nesa cidade tamén tivo ocasión de asistir a representacións teatrais e mais cinematográficas.[3]
Tiña 14 anos cando se levou a cabo o Golpe de Estado do 18 de xullo de 1936, e aínda que nos primeiros meses seguiu en Madrid asistindo feridos xunto á súa nai, o seu pai, que no momento do golpe era o presidente do Consello de Ministros, dediciu en outubro que ambas marchasen a Barcelona e de aí a Francia.[3] Chegaron a París o 20 de novembro de 1936, véspera do aniversario de María, e aloxáronse no hotel Paris-New York, da rúa Vaugirard. Estudou no liceo Victor-Duruy, onde aprendeu o francés e coñeceu o actor de nacionalidade española Pierre Alcover e a súa dona, Colonna Romano, membro da Comédie-Française. Isto axudou a familia Casares e impulsou a María a facer teatro. Porén, o seu primeiro intento de entrar no Conservatorio de París fracasou a causa do seu marcado acento.[6]
Tras acabar a guerra civil española, o seu pai reuniuse con elas en París,[3] mais durante a segunda guerra mundial o seu pai marchou a Londres mentres ela e a súa nai partían ás Landas, antes de volver a París, onde viviron nun piso na esquina das rúas Enfant-Jésus e Vaugirard. Con traballo, conseguiu entrar no Conservatorio de París en 1941.[3] O primeiro papel profesional foi en A Celestina. En outubro do 1943 representou con grande éxito a obra de Georges Neveux A viaxe de Teseo. O 19 de marzo do ano seguinte coñeceu a Albert Camus na casa de Michel Leiris, e comezou unha relación sentimental con el durante os ensaios de O malentendido, onde interpretaba a Martha. O escritor, que puxo a María en contacto coa Resistencia e os exiliados españois, foi para a actriz "pai, irmán, amigo, amante e ás veces fillo". A guerra e Francine Faure, esposa de Camus, separounos e romperon a relación ao final da guerra. Porén, atopáronse por casualidade en 1948 e mantiveron unha apaixonada relación en segredo que rematou coa morte accidental do escritor en 1960. En novembro de 2017, a filla de Albert Camus publicou 865 cartas inéditas entre o seu pai e a artista galega, que certifican a paixón amorosa que mantiveron durante anos.[7]
En 1946 faleceu a súa nai e en 1950 o seu pai. Ademais, non puido ver a súa irmá Esther ata que en 1955 esta logrou saír de España e exiliarse en México.[3]
María Casares protagonizou ademais Estado de sitio e Os xustos, de Camus, e representou obras de Sartre, Jean Anouilh, Jean Cocteau, Genet e Claudel, converténdoa en musa do existencialismo francés. En 1949 entra na Comédie Française e cinco anos máis tarde no Teatro Nacional Popular (TNP),[8] compañía pública cunha forte preocupación social. Participou na creación e potenciamento do festival de teatro de Avignon. María Casares interpretou a Lady Macbeth, María Tudor, Ana Petrova etc. en obras de Shakespeare, Victor Hugo, Chekhov, Ibsen e Eurípides, entre moitos outros.
Iniciouse no cinema cun papel secundario nunha película de Marcel Carné, Les enfants du paradis e pouco despois, en 1944, protagonizou Les dames du Bois de Boulogne de Robert Bresson. Jean Cocteau dirixiuna en O testamento de Orfeo (1950) e fíxose moi popular, se ben en España foi silenciada.
A partir de 1952, a pesar de que continuou aparecendo ocasionalmente en filmes, dedicouse especialmente ao teatro.[3] Uniuse ao Festival de Aviñón e entrou na Comédie-Française. Antes que ela, ningún actor ou actriz estranxeiro actuara na Comédie-Française, aínda que a abandonou en 1954 por desacordos coa dirección. Pasou entón ao Théâtre National Populaire baixo a dirección de Jean Vilar.[3]
Participou en xiras por todo o mundo, aparecendo en grandes clásicos do teatro francés. En 1957 realizou unha xira co TNP por Suramérica, durante a que foi homenaxeada polos exiliados galegos (Eduardo Blanco Amor, Rafael Dieste, Luis Seoane, Laxeiro,...) e se produciu o reencontro coa súa lingua.[3] En 1958 interpretou as obras Le Cid, de Corneille, Marie Tudor, de Victor Hugo e Le Triomphe de l'Amour (The Triumph of Love), de Marivaux en Broadway.
Trala morte de Albert Camus, nun intento de afastala da súa profunda tristeza, os amigos íntimos de María Casares, incluíndo a André Schlesser, suxeríronlle que mercase unha casa. O 5 de agosto de 1961, ela e Schlesser compraron a mansión, as dependencias e as terras de la Vergne, situada no municipio de Alloue.[9] En 1963 volveu a Buenos Aires para estrear a obra Yerma, de Federico García Lorca, que foi o seu debut en castelán.[3]
Trala morte do ditador Francisco Franco, no ano 1976 María Casares volveu a España para representar El adefesio de Rafael Alberti en Madrid e Barcelona.[10] Porén, por mor dunha doenza e dos malos resultados económicos da compañía tivo que cancelar o resto da xira, incluíndo a actuación prevista na Coruña.[3] Nunca regresou a Galicia.[11]
O 27 de xuño de 1978 casou co seu amigo André Schlesser, co que viviu no número 6 da rúa Asseline, no distrito XIV de París, e que morreu en Saint-Paul-de-Vence o 15 de febreiro de 1985. Por razón de matrimonio, adquiriu a nacionalidade francesa en 1980.[3] Trala morte de Schlesser, os seus fillos Anne e Gilles Schlesser legaron a María Casares a parte da área de La Vergne, que pertencía ao seu pai.[12] En 1980 publicou un libro de memorias, Residente privilexiada, título que alude ao status na súa tarxeta de residencia orixinal emitida por Francia.[13][14] En 1989 acadou o premio Moliére á mellor actriz de teatro[6] e foi nomeada ao César (1989). Recibiu do goberno francés o Premio Nacional de Teatro e en España a Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes. Obtivo o premio Segismundo da Asociación de Directores de España, concedéuselle o título de filla predilecta da Coruña e a medalla Castelao da Xunta, que non acudiu a recoller.[15]
Os premios que concede cada ano a Asociación de Actores e Actrices de Galicia ás artes escénicas, dende 1997, denomínanse Premios María Casares. Ela aceptou esta honra.[16]
A actriz faleceu na súa casa de campo, Château de La Vergne, en Alloue en Poitou-Charentes, que deixou en herdanza á vila.[17] Na actualidade o Domaine de la Vergne é unha residencia para artistas e lugar de representacións.[18][19]
O concello da Coruña dedicoulle unha rúa no Polígono de Elviña[23] e con motivo do seu centenario programou unha serie de actividades en 2022 dentro do Ano Internacional de María Casares.[24] Tamén hai rúas dedicadas a María Casares en Santiago de Compostela e Oleiros.
Recibiron o nome de María Casares centros educativos de Aviñón,[25] Rillieux-la-Pape,[26] Saint-Denis[27] e Oleiros,[28] ademais dunha sala do théâtre national de la Colline e outra do novo teatro de Montreuil.[29]
Tamén se bautizou co seu nome a división europea da Oficina Francesa de Protección aos Refuxiados e Apátridas.[30]
No 1996, a petición da Asociación de Actores, Directores e Técnicos de Escena, María Casares aceptou que os premios de teatro de Galiza levasen o seu nome (Premios María Casares), pero a morte impediulle asistir á súa primeira edición.
Parte da súa vida é novelada por Manuel Rivas en Os libros arden mal (2006) e en Memorias de cidades sen luz (2008) de Inma López Silva. O proxecto audiovisual Proyecto C3 homenaxeouna na curtametraxe Crea: María Casares (2013), con Noelia Toledano como actriz principal, xunto a Maruxa Mallo e Carolina Otero.[31] En 2019 representouse o espectáculo Despois das ondas [32] sobre a súa vida cun texto de Ernesto Is, gañador do Premio Rafael Dieste de Teatro.[33] En 2022 a obra de teatro Continente María pretende divulgar a figura da actriz no centenario do seu nacemento.[34]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.