profesor galego From Wikipedia, the free encyclopedia
Luís Álvarez Pousa, nado en Vila de Rei (Trasmiras) o 8 de marzo de 1948, é un profesor galego titular de Xornalismo Especializado na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela. Dirixe a revista mensual de información e opinión para o debate Tempos Novos, que impulsou e creou canda outras 150 persoas de toda Galicia no ano 1997.
(2011) | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 8 de marzo de 1948 (76 anos) Vila de Rei, España |
Formación profesional | Xornalismo |
Educación | Universidade de Santiago de Compostela |
Actividade | |
Ocupación | xornalista, catedrático, escritor |
Xénero artístico | Poesía, ensaio |
Licenciado en Teoloxía pola Universidade Pontificia Comillas. Tamén é licenciado en Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid e doutor en Historia Contemporánea pola Universidade de Santiago de Compostela. A súa tese Prensa e identidade na sociedade da información estratexias e funcións dos xornais no sistema galego de comunicación (1998), foi dirixida por Margarita Ledo Andión e Justo G. Beramendi.[1]
Formou parte do claustro de profesores da Facultade de Ciencias da Comunicación (Xornalismo) desde o ano da súa posta en marcha ata o da súa xubilación, en 2018, impartindo diversas materias, e ultimamente Xornalismo Especializado, sendo nesa súa condición vogal do Instituto de Estudios de Comunicación Especializada (IECE), ao que están adscritos unha gran parte dos profesores de Xornalismo Especializado das universidade españolas.[2]
Foi o creador das Xornadas do Cine en Ourense en 1973, dirixíndoas e coordinándoas canda o directivo do cine-club Padre Feijóo, Xosé Paz, ata o ano 1978, promovendo a primeira homenaxe que se lle dedicou en vida a Carlos Velo. As Xornadas convertéronse nun espazo de reivindicación dos chamados cinemas nacionais, concentrando en Ourense a presenza e participación dos estudosos, activistas e creadores dos cinemas catalán, vasco, canario e castelán.[3]
Colabora sobre temas de comunicación, cultura e xornalismo en diversas revistas especializadas, tendo impartido sobre estas cuestións numerosas conferencias dentro e fóra de Galicia.
Foi Coordinador do proceso de avaliación de proxectos de investigación en Comunicación (Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía, primeiro, e posteriormente Ministerio de Economía, Competitividade e Investigación) (2009-2016).[4]
Exerceu como xornalista en La Voz de Galicia durante 23 anos, xornal no que foi o seu primeiro cronista político nos anos da Transición, creando e dirixindo ata 1984 o seu primeiro Suplemento de Cultura. No grupo Voz ocupou así mesmo outros cargos de responsabilidade: coordinador xeral de Video Voz-TV, primeiro, e coordinador xeral da Multimedia Voz, despois, deixando daquela o grupo para incorporarse como profesor ó equipo que puxo en marcha a Facultade de Ciencias da Comunicación. Durante os anos 90, mantivo en La Voz de Galicia canda o debuxante Miguelanxo Prado a sección de opinión "A contratempo".[5]
Fundador das revistas Teima e Tempos Novos, que dirixiu. É tamén membro do consello asesor do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional), e membro dos consellos de redacción das revistas Tempo Exterior e Criterios. Traballou tamén nos medios audiovisuais: dirixiu e presentou Encontros, o primeiro debate na historia da TVG, e o programa semanal Extramuros, sobre as culturas europeas na canle galega. Colaborou varios anos no programa Ganbara, de Radio Euskadi.[6]
A principios dos 70 puxera en marcha e dirixiu as históricas Xornadas do Cine en Ourense. Entre o 9 de novembro de 1983 e o seu cesamento o 4 de xaneiro de 1985 foi director xeral de Cultura,[7] na Xunta de Galicia, promovendo actuacións dinamizadoras e dotando a Galicia dunha infraestrutura cultural creando entón o Centro Dramático Galego e o Arquivo da Imaxe.[2] Na Televisión de Galicia presentou e dirixiu os programas Encontros (1986) e Extramuros (1988).[4]
É o director do Observatorio Galego dos Medios do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.[2]
É autor do poema "A Sementeira", musicado por Fuxan os Ventos e que se converteu nunha das cancións máis populares en lingua galega.[8]
Ten publicacións nas revistas Boletín da Real Academia Galega, Festa da palabra silenciada, Comunicación e cidadanía, Encrucillada, Grial, Outeiro.[9]
Estes libros foron publicados na colección Biblioteca Gallega, da que tamén foi coordinador editorial.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.