numismático e médico inglés From Wikipedia, the free encyclopedia
Laurie Asher Lawrence, nado en Londres o 23 de outubro de 1857 e finado en Hampstead, Londres, o 5 de xullo de 1949, foi un numismático inglés especializado na moeda medieval de Inglaterra.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 23 de outubro de 1857. |
Morte | 5 de xullo de 1949. Londres. Inglaterra. |
País de nacionalidade | Británica |
Relixión | Xudía. |
Educación | Hospital St Bartholomew, Londres. |
Q89547790 | Estudos de numismática medieval inglesa. |
Actividade | |
Campo de traballo | Numismática e medicina. |
Ocupación | cirurxián, numismático |
Familia | |
Irmáns | Esther Lawrence Gerald Lawrence Reina Lawrence |
Premios | |
· 1917: Medalla da RNS. · 1917: Medalla Sanford Saltus (BNS). | |
Laurie Asher Lawrence naceu en Londres o 23 de outubro de 1857, o maior dos nove fillos de Emily Asher e de John Moss Lawrence, director dunha compañía e pertencente a unha familia xudía.[1][2]
Cursou a súa educación secundaria na University College School e posteriormente estudou Medicina no Hospital St Bartholomew, de Londres. Posteriormente completou a súa formación médica en Viena.[1]
En 1883 acadou a cualificación como médico da Society of Apothecaries e o 24 de xaneiro de 1884 ingresou no Real Colexio de Cirurxiáns de Gran Btretaña e Irlanda.[1]
Traballou como cirurxián xefe no hospital St Bartholomew entre 1884 e 1885; posteriormente como cirurxián a cargo do departamento de gorxa e oído no hospital Seamen, de Greenwich, e finalmente como cirurxián consultor do Western General Dispensary.[1][3]
Desde o 9 de xuño de 1888 formou parte do Real Colexio de Cirurxiáns de Inglaterra.[1][4] Ese mesmo ano ingresou tamén na Real Sociedade Médica e Cirúrxica de Londres.[5]
No entanto, o seu recoñecemento vénlle polas súas contribucións no ámbito numismático.
Lawrence ingresou na Royal Numismatic Society o 17 de decembro de 1885,[6] e un lustro máis tarde, en 1890, fixo a súa primeira publicación na revista Numismatic Chronicle (NC), desta Sociedade, co título "A Baronial Coin of Eustace Fitz-John",[7] sobre unha moeda da súa propia colección. A este artigo seguiuno un bo número de contribucións arredor da moeda inglesa medieval.[4]
Tamén foi un dos impulsores da creación da British Numismatic Society desde a súa primeira sesión do 30 de novembro de 1903, e posteriormente foi vicepresidente desta entidade e editor do seu xornal British Numismatic Journal (BNJ).[4]
Lawrence formou parte tamén da Sociedade de Anticuarios de Londres.[1][8]
A súa obra máis representativa foi "Coinage of Edward III from 1351", publicada inicialmente en catro partes en Numismatic Chronicle, entre 1926 e 1933, e posteriormente en forma de libro, cun limiar e un apéndice, en 1937.[4][9]
Lawrence foi un asiduo visitante do Departamento de Moedas e Medallas do Museo Británico, onde non só investigaba para os seus estudos numismáticos, senón que tamén realizaba vendas e intercambios de moedas e outras antigüidades.[10] Esta colaboración mutua foi recoñecida polo Departamento, que o nomeou conservador axudante honorífico.[8]
Paralelamente ao seu labor como erudito, Lawrence foi conformando desde a década de 1880 unha nutrida colección de moeda inglesa medieval e emisións da Antiga Roma na Britania que foi catalogada en 1903 para a súa venda en Sotheby (24-27 de febreiro).[11] Nesta venda pública concedeulle dereito prioritario ao Departamento de Moedas e Medallas do Museo Británico para que puidese adquirir as moedas da súa colección xeral que fosen do seu interese.[8] A parte de ouro de Eduardo III tivo ese fin e foi adquirida na súa integridade, mais non así o resto da súa colección, que acabou disperso en diversas vendas públicas.[12]
Mais logo desta primeira colección xurdiron outras que seguiu cultivando ao longo da súa vida. No seu testamento, legou ao Museo Británico a súa colección de moeda falsa de época. [12]
Lawrence casou en xuño de 1886 con Elizabeth Rachel Joseph (finada en 1937), con quen tivo catro fillos e unha filla.[1][13]
Morreu na súa residencia do número 44 de Belsize Square en Hampstead, Londres, o 5 de xullo de 1949 aos 91 anos.[4][1]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.