asociación numismática From Wikipedia, the free encyclopedia
A British Numismatic Society -BNS- (en galego: "Sociedade Numismática Británica") é unha sociedade erudita e sen ánimo de lucro situada en Londres, Reino Unido, establecida en 1903 co obxectivo de promover o estudo das moedas, as fichas comerciais, as medallas e os billetes das illas británicas e dos territorios baixo a súa influencia.[1][2]
British Numismatic Society | |
---|---|
Tipo | sociedade científica |
Campo de traballo | numismática |
Data de fundación | 1903 |
País | Reino Unido |
Na rede | |
http://www.britnumsoc.org/ | |
[ editar datos en Wikidata ] |
A institución estableceuse o 18 de xuño de 1903 por iniciativa de tres membros pertencentes á preexistente Sociedade Numismática de Londres (Numismatic Society of London, xerme da posterior Royal Numismatic Society), que consideraban necesaria a existencia dunha sociedade de ámbito nacional que tivese como interese específico o estudo das moedas das illas británicas e dos territorios que nalgún momento estiveran baixo a súa influencia. Estes tres fundadores eran Philip William Poole Carlyon-Britton, Laurie Asher Lawrence e Walter Jonathan Andrew.[3][4][5]
O encontro inaugural da Sociedade tivo lugar o 30 de novembro, cun corpo social de 270 membros. Unha das primeiras decisións consistiu no lanzamento do British Numismatic Journal, que quixeron dotar dunha entidade máis atraente que a da Numismatic Chronicle, o xornal existente na época, publicado pola RNS.[4][5]
A actividade da Sociedade nas primeiras décadas, con algunhas dificultades engadidas durante a primeira guerra mundial, supuxeron un pulo importante para o estudo de moi diversos aspectos das cuñaxes británicas e irlandesas. Nisto xogou un importante papel a publicación dunha serie de artigos de L. A. Lawrence e dos irmáns John Shirley e H. B. Earle Fox no British Numismatic Journal, sobre as emisións monetarias dos reis ingleses da Idade Media. Posteriormente, as cuñaxes dos Tudor e dos Estuardo tamén foron obxecto de detallados estudos no BNJ ata os anos 20, fundamentalmente da man de autores como Henry Symonds, H. W. Morrieson, Grant Francis e Helen Farquhar (1859-1953). Esta última, unha das fundadoras da Sociedade e elixida vicepresidenta en 1912, foi unha das primeiras mulleres numismáticas do mundo en posuír un corpus propio de publicacións nesta materia.[4][5]
A década de 1930 caracterizouse polo falecemento de varias das persoas que contribuíran á fundación da BNS, o que implicou un período de inestabilidade. O ingreso na directiva da Sociedade de persoeiros como George C. Brooke (finado en 1934), conservador do Departamento de Moedas e Medallas do Museo Británico, e do seu sucesor nese posto, Derek Allen (1910-1975), ambos moi respectados no mundo académico, déronlle á BNS a estabilidade que precisaba.[4][6]
Outra figura salientable para a Sociedade foi Christopher Blunt (1904-1987), discípulo de Brooke e presidente da entidade no segundo lustro da década dos 40, que xogou un destacado papel nos estudos numismáticos británicos da segunda metade do século XX.[4][6]
Durante a segunda guerra mundial, a actividade da BNS sufriu un novo enlentecemento, aínda que mantivo a periodicidade e a calidade científica do Journal, grazas aos esforzos editoriais de Cuthbert Whitton, un experto nas emisións monetarias dos derradeiros membros da casa de Plantagenet.[4][7]
O primeiro presidente da Sociedade tras a guerra, C. Blunt, achegou novos enfoques e novos intereses, dirixidos sobre todo ás emisións dos reis anglosaxóns entre finais do século VIII e finais do século X, o que se amosaba non só nas temáticas dos encontros organizados pola entidade, senón tamén nas dos artigos publicados no Journal.[4][8]
Ao longo da segunda metade do século XX, a Sociedade desempeñou un importante papel no desenvolvemento da investigación sobre a numismática das illas británicas e dos territorios da súa influencia. Xa no século XXI, o Journal asumiu un papel cada vez máis importante no estudo desas emisións, das que elabora unha constante catalogación (Coin Register), á parte dos rexistros dos achados monetarios ocorridos neses territorios.[4][8][9]
Esta é unha listaxe dos presidentes da BNS desde a súa fundación en 1903.[10]
|
|
A BNS ten unha biblioteca dotada de arredor de 16.000 referencias, combinada e integrada coa biblioteca da Royal Numismatic Society e localizada fisicamente na sede do Instituto Warburg.[11]
En 1991, a Sociedade acordou emprender unha serie de publicacións de carácter especial, financiada grazas ao legado dun dos seus asociados, Roy Osbourne. Compoñen esta serie publicacións de carácter monográfico cunha extensión superior á adecuada para seren publicados no British Numismatic Journal.[16]
A publicación destes traballos conta coa colaboración da editora Spink.[17]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.