escritor estadounidense From Wikipedia, the free encyclopedia
Kurt Vonnegut Jr., nado en Indianápolis o 11 de novembro de 1922, finado en Nova York o 11 de abril de 2007, foi un escritor estadounidense. Adscrito ao xénero da ciencia ficción, participou tamén da sátira e do humor negro.
Kurt Vonnegut pertencía á cuarta xeración dunha familia de inmigrantes alemáns en Indianápolis. Durante a súa época de estudante na Shortridge High School da súa localidade natal,[1] traballou no primeiro diario publicado por unha escola secundaria, The Daily Echo. Durante un tempo estudou na Universidade Butler, pero abandonou os estudos cando un dos seus profesores lle dixo que os seus relatos non eran moi bos. Entre 1941 e 1942 asistiu a clases na Universidade de Cornell, onde traballou como axudante de director editorial e editor asociado para o periódico dos estudantes, o Cornell Daily Sun e estudou bioquímica. Durante a súa estancia en Cornell, foi membro da irmandade Delta Upsilon, como o fora seu pai. Kurt falou do seu traballo en The Sun como o único verdadeiramente grato da súa estancia en Cornell.[2] Ingresou no Instituto de Tecnoloxía Carnegie (hoxe Universidade Carnegie Mellon) en 1943. Só estivo alí un breve período de tempo, xa que pouco despois alistouse no exército, para tomar parte na segunda guerra mundial. O 14 de maio de 1944, Día da Nai, suicidouse súa nai, Edith Lieber Vonnegut.[3]
A experiencia de Vonnegut como soldado, e logo como prisioneiro de guerra, durante a segunda guerra mundial, tivo unha grande influencia na súa obra posterior. Formando parte dunha avanzadilla da División 106 de Infantaría dos Estados Unidos, durante a Batalla das Ardenas, quedou illado do seu batallón e vagou solitario tras as liñas inimigas durante varios días até que foi capturado por tropas alemás o 14 de decembro de 1944.[4] Como prisioneiro de guerra, viviu en primeira persoa as consecuencias do bombardeo de Dresde, que tivo lugar entre o 13 e o 15 de febreiro de 1945 e que destruíu a maior parte da cidade alemá. Vonnegut foi un dos sete prisioneiros de guerra estadounidenses que lograron sobrevivir en Dresde, nun soto destinado a empaquetar carne, chamado Matadoiro Cinco. Os nazis puxérono a traballar apilando corpos para enterralos en fosas comúns, pero, segundo explica Vonnegut, "había demasiados corpos que enterrar, así que os nazis preferiron enviar a uns tipos con lanzachamas e reducilos a cinzas."[5]
Esta experiencia constitúe a base da súa obra máis coñecida, Slaughterhouse-Five, e aparece como tema recorrente en polo menos outros seis libros seus.[5]
Foi liberado por tropas soviéticas en maio de 1945. Tras o seu regreso aos Estados Unidos, foi recompensado cun "Corazón Púrpura".
Ao rematar a guerra Vonnegut estudou Antropoloxía na Universidade de Chicago, e traballou tamén como reporteiro policial no City News Bureau of Chicago. En 1946, a Facultade de Antropoloxía reprobou a súa tese, titulada On the Fluctuations between Good and Evil in Simple Tales.[6] Máis tarde aceptaron a súa novela, Cat's Cradle, e concedéronlle o título. Abandonou Chicago para traballar en Schenectady, no estado de Nova York, no departamento de relacións públicas da empresa General Electric.
En 1950 publicou o seu primeiro relato, titulado Report on the Barnhouse Effect na revista Collier's Weekly. A punto de abandonar a escritura, recibiu a oferta dun emprego no taller de escritores da Universidade de Iowa. A súa primeira novela, Player Piano, de 1952, é unha distopía que describe un mundo no que os humanos foron substituídos por máquinas. Máis adiante publicou The Sirens of Titan (1959) e Cat's Cradle (1963), que se converteu nun best-séller.
Durante a década dos 60 publicou catro novelas, nas cales se rexistra un forte cambio formal e conceptual da súa obra, até publicar Slaughterhouse-Five en 1969, unha novela semi-autobiográfica que relata as súas experiencias como soldado no bombardeo de Dresde, experimentalmente estruturada arredor de viaxes no tempo.
Slaughterhouse-Five está considerada unha das obras máis importantes da literatura estadounidense do século XX, que aparece no top-100 da revista Time[7] e da Modern Library.[8]
Continuou experimentando en Breakfast of Champions (1973), un dos seus maiores best-séller, unha novela na que aparece o autor como deus ex máchina. En clave de estilo, esta é quizais a súa obra mestra,.
Con Timequake, en 1997, Vonnegut anunciou a súa retirada do campo da ficción. Continuou escribindo para a revista In These Times, na que era editor. Contribuía con ensaios de política estadounidense ou con notas de simple observación. No 2005 reuníronse moitos dos seus ensaios no seu derradeiro libro, tamén un best-séller, A Man Without a Country.
Casou con Jane Marie Cox, coa que coincidira no parvulario, pouco despois do seu regreso aos Estados Unidos trala segunda guerra mundial. O matrimonio separouse en 1970. Aínda que non se divorciaron até 1979, dende 1970 Vonnegut viviu coa muller que máis tarde se convertería na súa segunda esposa, Jill Krementz.
Vonnegut tivo tres fillos biolóxicos coa súa primeira muller. Ademais, adoptou os tres fillos da súa irmá Alice cando esta morreu de cancro, e a outra cativa.
Faleceu no 2007, aos 84 anos, tras sufrir unha caída no seu domicilio de Manhattan que lle causou unha lesión cerebral irreversible.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.