Movemento intelectual xaponés From Wikipedia, the free encyclopedia
O Kokugaku (xaponés: 国学; literalmente, "estudos nacionais") foi un movemento intelectual, filosófico e filolóxico xaponés orixinado durante o período Edo.[1] Os eruditos do kokugaku enfocáronse no estudo dos clásicos nipóns, fronte ás correntes dominantes centradas no chinés, o confucianismo ou o budismo.[1][2] Os catro principais pensadores do kokugaku foron Kamo no Mabuchi, Motoori Norinaga, Kada no Azumamaro e Hirata Atsutane.[1][3]
A escola kokugaku ten as súas orixes nos séculos XVII e XVIII, cando se coñecía como kogaku 古学 ("estudos antigos"), wagaku 和学 ("estudos xaponeses") ou inishie manabi 古学び ("estudos da antigüidade"), o termo privilexiado pola escola de Motoori Norinaga. Segundo este último, o nacemento da kokugaku pode rastrexarse na obra do monxe budista Keichū.[4]
Este movemento fundamentábase na investigación sobre a época dourada nipoa, especialmente os textos do shintō e a literatura antiga.[3] As súas análises sobre a poesía anterior ao Muromachi intentaban determinar as características do espírito nacional xaponés, que para Norinaga se resumía no sentimento de mono no aware.[5]
O termo kokugaku, cuñado para diferenciarse do kangaku 漢学 ("estudos chineses"), foi popularizado por Hirata Atsutane no século XIX. Tratábase dunha resposta ao sinocéntrico neoconfucianismo, predominante durante o período Edo, a pesar de que empregaban moitos dos métodos propios destas escolas.[4] Os eruditos do kokugaku criticaron aos pensadores confucianos, cuxas ideas consideraban represivas e moralizantes.
O pensamento do kokugaku influíu sobre a filosofía do sonnō jōi.[6] Esta ideoloxía estivo na base dos movementos que conduciron á caída do shogunato Tokugawa no 1868 e á posterior restauración Meiji.[6] Tamén tivo un grande impacto no desenvolvemento do chamado shintō de estado.[6]
O kokugaku buscaba liberar a cultura xaponesa das influencias foráneas, especialmente as chinesas, intentando atopar o que consideraban a pureza natural do carácter nipón.[2] Neste sentido, consideraban que o corazón chinés era diferente do xaponés. Xa que logo, centráronse na investigación filolóxica dos antigos textos nativos, sobre todo os da relixión nativa do shintō.[6]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.