From Wikipedia, the free encyclopedia
O karaoke (カラオケ?)[1] é unha forma de cantar con pistas de cancións seguindo a letra da mesma impresa sobre unha pantalla e tendo todo o acompañamento musical respectivo. Etimoloxicamente, provén da palabra xaponesa kara (空), que significa baleiro; e oke, abreviatura xaponesa da palabra ōkesutora (オーケストラ), orquestra. O que significa que a orquestra toca "en baleiro", sen cantante. Isto permite que calquera poida usalo como acompañamento para o seu canto.
A historia do karaoke comeza no Xapón, onde foi popular a música para entretemento en reunións e comidas. A primeira máquina de karaoke introduciuna o cantante Daisuke Inoue, quen se deu conta do potencial do sistema ao ser consultado insistentemente polos asistentes aos seus concertos por gravacións, para poder cantar con axuda delas. El comezou alugando estas máquinas —que funcionaban con moedas— a diversos establecementos, e esta forma de entretemento comezou a popularizarse. As primeiras máquinas utilizaron cintas para as gravacións e máis adiante o sistema implantouse en CDs, Laserdiscs e posteriormente en DVDs.
Ao seu impulsor, Daisuke Inoue, concedéuselle o Premio Ig Nobel da Paz en 2004.
En Francia, a partir do século XIX, na tradición de canción popular nos cabarets chamada goguette, acompáñase ao acordeón ou ás veces ao piano a interpretación que fai algún asistente dunha peza coñecida, pero como esixencia suplementaria este modifica a letra da canción. A diferenza do karaoke xaponés, no cal o participante é soamente un intérprete, a goguette francesa posúe tamén unha dimensión de creación literaria e, frecuentemente, de parodia e crítica política.
Unha máquina de karaoke básica contén unha entrada de son, un modificador de ton e unha saída de son. Algunhas máquinas tamén dispoñen dun sistema de supresión de voz, para eliminar a voz do cantante orixinal da canción. Tamén adoitan dispor dunha pantalla de televisión en que se len os subtítulos da canción.
É un lugar de lecer cuxa principal atracción é que a xente pode subir a cantar, mentres está a consumir bebidas cos seus amigos e ademais é escoitado polo resto dos asistentes. Adoitan contar cun amplo conxunto de cancións, o que facilita a elección do xénero para os distintos gustos das persoas que acoden. Ademais dispoñen de equipos de karaoke profesionais, grandes pantallas onde poder seguir as letras e poder cantar cun son de alta calidade.
A persoa que quere cantar, acode mediante un papel de petición para solicitar a canción que desexa —e que pode buscar nos catálogos—. Cando lle chega a súa quenda, o profesional —que se encarga de pór as cancións e regular o son— chama á persoa e esta acode ao escenario colocado nun lugar do recinto onde poida ser vista por todos.
Este tipo de actividade foi utilizada tamén por restaurantes e bares normais que a utilizan en ocasións especiais, como vodas, bautizos, banquetes e outros eventos. A diferenza cun “pub de karaoke” é que o pub non o utiliza en ocasións determinadas, xa que é a súa función do día a día.
Esta actividade xerou concursos ao longo do planeta, onde a xente demostra o seu talento á hora de cantar. Ben poden ser organizados por medios locais (como os organizados no verán de 2006 por diferentes televisións rexionais españolas, como TV3, Aragón Televisión e TVG), como por mor de eventos de banda deseñada.
Con todo, tamén hai concursos internacionais a escala mundial como o Karaoke World Championships.[2]
O karaoke en televisión deulle un gran pulo a esta actividade, son moitos os programas que utilizaron o karaoke como parte dun concurso ou dentro do programa.
En España usouse en programas como Furor, El grand prix del verano, e faladoiros da tarde nas distintas cadeas. Ademais sempre existiron os concursos onde vai a xente a cantar, algúns como Lluvia de estrellas e Menudas estrellas onde participaron algúns dos artistas que despois pasaron ás listas dos máis escoitados.
A comezos na década de 2020 apareceron programas como Operación triunfo, Popstars, Gente de Primera, Factor X, onde a pesar de ser o mecanismo do concurso máis complexo cumpren coa definición de karaoke, persoas que cantan sobre unha base musical.
Así se conseguiu que esta actividade se vise máis favorecida e no verán de 2006 nas televisións rexionais saíron concursos deste tipo, como Canta comigo en Aragón Televisión ou Supermartes na TVG.
A finais de 2007 chegou á televisión Al pié de la letra, un programa de karaoke que utiliza o mesmo formato que o coñecido programa de televisión The Singing Bee estreado o 10 de xullo pola cadea estadounidense NBC. A mecánica do concurso ao utilizar só anacos de cancións é moito máis amena para o espectador.
Na Arxentina, o fenómeno foi popularizado por Susana Giménez dentro dunha sección do programa que leva o seu nome. Nela os participantes, sempre famosos, compiten tratando de interpretar pezas musicais.
Inicialmente o karaoke só se podía gozar en salas especializadas con equipos profesionais de son como micrófonos ou monitores que mostraban a letra coloreándose ao tempo que avanza a canción, pero cos avances tecnolóxicos no ámbito dos ordenadores empezaron a aparecer novas solucións as cales facilitaron a entrada do karaoke a nivel doméstico. Hoxe en día cunha simple procura en Internet xa podemos ver unha gran listaxe de software para karaoke onde podemos atopar diversas solucións tanto a nivel gratuíto como de pago, desde programas que unicamente reproducen os clásicos formatos de karaoke como .kar ou .midi até os máis avanzados programas capaces de reproducir formatos de maior calidade como .km3 ou o .cdg.
Tamén foron diferentes compañías de software as que crearon xogos baseados neste sistema, como Sony, Nintendo e outras, tendo un grande éxito de vendas.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.