xornalista kenyano From Wikipedia, the free encyclopedia
Jomo Kenyatta, nado o 20 de outubro de 1892 e finado o 22 de agosto de 1978, foi un político africano, primeiro ministro (1963 - 1964) e presidente (1964 - 1978) de Kenya tras a súa independencia.
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde marzo de 2014.) |
(1966) | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 20 de outubro de 1893 Gatundu, Kenya (en) |
Morte | 22 de agosto de 1978 (84 anos) Mombasa, Kenya |
Causa da morte | infarto agudo de miocardio |
Presidente de Kenya | |
12 de decembro de 1964 – 22 de agosto de 1978 – Daniel arap Moi → | |
Minister for Foreign Affairs (en) | |
1963 – 1964 | |
Primeiro-ministro do Quénia (pt) | |
Datos persoais | |
Educación | London School of Economics University College de Londres International People's College (en) |
Actividade | |
Ocupación | xornalista, político |
Partido político | Unión Nacional Africana de Quenia |
Familia | |
Cónxuxe | Grace Wahu Ngina Kenyatta |
Fillos | Margaret Kenyatta () Grace Wahu Uhuru Kenyatta () Ngina Kenyatta Nyokabi Kenyatta () Ngina Kenyatta Muhoho Kenyatta () Ngina Kenyatta |
Premios | |
Descrito pola fonte | Africa: An Encyclopedic Reference (en) , (vol:1) |
O seu nome orixinal era Kamau wa Ngengi, e naceu na aldea de Ichaweri, en Gatundu, no actual territorio de Kenya, naquela época parte da África Oriental Británica. A súa data de nacemento non se sabe con certeza: puido ser dende o 1889 ao 1895.
Kenyatta pertencía a unha familia campesiña pertencente á tribo kikuyu Tras a morte dos seus pais cando era neno, Kenyatta axudou ao seu avó, que practicaba medicina tradicional. Asistiu á escola no Scottish Mission Centre (Centro da Misión Escocesa) en Thogoto e converteuse ao cristianismo en 1914 co nome de John Peter, que máis adiante cambiaría por Johnstone Kamau. Durante a primeira guerra mundial viviu cuns parentes maasai en Narok e traballou coma oficinista.
No 1920 casou con Grace Wahu e traballou no departamento de augas do concello de Nairobi. O seu fillo Peter Muigai naceu o 20 de novembro dese ano. Kenyatta comezou a súa carreira política no ano 1924 cando se incorporou á Kikuyu Central Association (KCA, Asociación Central Kikuyu). No ano 1928, comezou a editar o xornal Muigwithania (Reconciliador).
No 1929, a KCA enviou a Kenyatta a Londres para apoiar os seus puntos de vista sobre os asuntos das terras ancestrais kĩkũyũ. Escribiu artigos sobre este asunto en diversos xornais británicos. Regresou a Kenya en 1930 para loitar contra a circuncisión feminina. En 1931, volveu ao Reino Unido e matriculouse no centro de estudos Woodbrooke Quaker College de Birmingham.
Entre 1932 e 1933, estudou brevemente Economía en Moscova ata que o seu patrocinador, George Padmore, se enfrontou aos anfitrións soviéticos, o que obrigou a Kenyatta a volver a Londres. En 1934, matriculouse no University College de Londres, e no 1937 cursou Antropoloxía na London School of Economics. Durante esta época, continuou o seu activismo a favor dos dereitos sobre as terras dos kĩkũyũ. Os xornais ingleses cualificábano como señor da morte. Posto á cabeza da poboación kikuyu desposuída da terra, defendía a necesidade de arrincarlla das mans dos colonos brancos. O seu nome, que significa lanza flamexante de Kenya, inspirou sobre todo a seita do Mau-Mau que desencadeou verdadeiros estragos.
Escribiu Facing Mount Kenya ("Fronte ao Monte Kenya") en 1938 baixo o seu novo nome "Jomo Kenyatta". Eloxiada polo grande etnólogo Bronislaw Malinowski, nela Kenyatta non só describía, senón que xustificaba toda a organización tribal dos kikuyu.
Durante a segunda guerra mundial, traballou nunha granxa británica e como actor de películas, protagonizando o filme Sanders of the River xunto a Paul Robeson. Casou coa inglesa Edna Clarke, quen deu a luz ao seu fillo Peter Magana en 1943. Máis adiante, Kenyatta abandonaríaa.
No 1946, Kenyatta fundou a Pan-African Federation (Federación Panafricana) con Kwame Nkrumah. Ese mesmo ano, regresou a Kenya e casou por terceira vez, con Grace Wanjiku. Converteuse no director do centro de formación de profesores Kenya Teachers College (Escola de Mestres de Kenya). No 1947, converteuse no presidente da Kenya African Union (KAU, Unión Africana de Kenya), e empezou a recibir ameazas de morte de colonos brancos.
Grace Wanjiku morreu durante un parto en 1950 cando deu a luz á súa filla Jane Wambui. No 1951, Kenyatta casou con Ngina Muhoho.
A súa reputación ante o goberno británico deteriorouse pola súa suposta implicación na rebelión dos Mau Mau. Foi arrestado en outubro de 1952, acusado de organizar aos Mau Mau, e o 8 de abril de 1953 foi condenado a sete anos de prisión e traballos forzados. A opinión xeneralizada naquela época vinculábao aos Mau Mau, pero investigacións posteriores parecen desmentir tal vinculación. Kenyatta permaneceu no cárcere ata 1959. Foi entón enviado ao exilio en [Lodwar], unha zona remota de Kenya.
En decembro do 1960 levantouse o estado de emerxencia. No 1961, os dous partidos sucesores do antigo KAU, a Kenya African National Union (KANU, Unión Nacional Africana de Kenya) e a Kenya African Democratic Union (KADU, Unión Democrática Africana de Kenya) esixiron a liberación de Kenyatta. O 14 de maio de 1960, Kenyatta foi elixido presidente da KANU in absentia. Foi liberado definitivamente o 21 de agosto do 1961. Ao ano seguinte incorporouse ao Consello Lexislativo cando un membro lle entregou o seu escano, e contribuíu á redacción da nova constitución. O seu intento de reunificar a KAU fracasou.
Nas eleccións de maio do 1963 a KANU de Kenyatta obtivo 83 escaños dun total de 124. O 1 de xuño, Kenyatta converteuse no primeiro ministro do goberno autónomo kenyano, e foi coñecido como mzee (unha palabra suahili que significa "home maior"). Nese momento, pediu aos colonos brancos que non abandonasen Kenya e apoiou a reconciliación nacional. Conservou o cargo de primeiro ministro cando se declarou a independencia o 12 de decembro de 1963. No 1964, Kenya converteuse nunha república, e Kenyatta pasou a ser o presidente executivo.
A política de Kenyatta, ao contrario ca de Julius Nyerere en Tanzania, tivo un carácter conciliador e mantivo a moitos dos antigos funcionarios coloniais nos seus postos. O socialismo africano que desenvolveu tiña bases estritamente nacionais e non estaba ligado aos movementos panafricanos de fondo revolucionario. As reformas que promoveu foron executadas con extrema lentitude e prudenza para non ferir os intereses dos brancos e conservar para o seu país as fortísimas axudas británicas e norteamericana, e tivo que pedir axuda ás tropas británicas para sufocar as revoltas somalís no nordeste e unha rebelión militar en Nairobi en xaneiro de 1964. Algunhas tropas británicas permaneceron no país tras a independencia. O 10 de novembro de 1964, os representantes da KADU incorporáronse ás filas da KANU, formando un único partido.
Kenyatta levou a cabo unha reforma agraria relativamente pacífica, e supervisou a incorporación de Kenya ás Nacións Unidas, e pechou acordos comerciais coa Uganda de Milton Obote e coa Tanzania de Julius Nyerere. Seguiu unha política internacional non aliñada. A estabilidade trouxo consigo o investimento estranxeiro e foi unha figura influente en toda África. A pesar dos seus moitos éxitos, a súa política autoritaria levantou críticas e rexeitamento. A á máis radical do seu partido, encabezada por Oginda Odinga que máis tarde acabaría no cárcere, constituíuse en partido no 1966.
Kenyatta foi reelixido no 1966 e ao ano seguinte adquiriu novos poderes. Durante este novo mandato, agraváronse os conflitos fronteirizos con Somalia e aumentou a oposición política. Kenyatta fixo do KANU, liderado polos kĩkũyũ, practicamente o único partido político de Kenya. As súas forzas de seguridade perseguiron aos disidentes e foron acusadas de varios asasinatos de membros da oposición. Kenyatta foi reelixido unha vez máis en 1974. Faleceu o 22 de agosto do ano 1978 en Mombasa, na costa índica de Kenya, e foi soterrado o 31 de agosto en Nairobi.
Kenyatta foi unha personaxe pintoresca e controvertida. Á súa morte deixou á República de Kenya unha vez máis sumida en rivalidades étnicas. Foi sucedido coma presidente por Daniel arap Moi.
Presidentes de Kenya | ||
---|---|---|
Segue a: - |
Jomo Kenyatta | Precede a: Daniel arap Moi |
KANU |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.