equipo profesional de hóckey sobre xeo de Helsinqui (Finlandia) From Wikipedia, the free encyclopedia
O Helsingin Jokerit, ou sinxelamente Jokerit, é un equipo profesional de hóckey sobre xeo da cidade de Helsinqui, Uusimaa (Finlandia). Competiu de xeito ininterrompido na SM-liiga, máxima categoría do hóckey sobre xeo finlandés dende 1989 ata 2014, competición que gañou en seis ocasións (cinco dende que adoptou a denominación actual). Entre 2014 e 2022 competiu na Kontinental Hockey League (KHL), sendo o primeiro equipo nórdico en disputar a competición.[1] Dende a tempada 2023-24 compite na liga Mestis, a segunda categoría do hóckey sobre xeo masculino en Finlandia, e xoga os seus partidos como local principalmente no Keravan jäähalli, pavillón con capacidade para 1 250 persoas, aínda que tamén disputa algúns partidos no Helsingin jäähalli, con capacidade para 8 200 persoas.
Jokerit | |
---|---|
Fundación | 27 de outubro de 1967 |
Cidade | Helsinqui, Finlandia |
Estadio | Keravan jäähalli Helsingin jäähalli |
Capacidade | 1 250 (Kerava) 8 200 (Helsinqui) |
Liga | Mestis |
Campionatos | SM-liiga/SM-sarja (6) |
Propietario(s) | Jokerit Helsinki Oy |
Director | Antti-Jussi Niemi |
Adestrador | Tero Määttä |
Cores | Azul, vermello, branco, amarelo |
Na rede | |
http://www.jokerit.com/ | |
O Jokerit de Helsinqui foi fundado o 10 de outubro de 1967,[lower-alpha 1] cando se celebrou a xunta constitutiva do club na que o empresario da construción Aimo Mäkinen e os pintores Eino Syrjänen e Reino Vilen asinaron a carta fundación. O novo equipo naceu sobre a base do Töölön Vesa, un club polideportivo que xa existía na capital finlandesa que debido ás dificultades económicas tivo que suprimir a súa sección de hóckey sobre xeo. Segundo as mesmas novas, Mäkinen mercou o club, asumiu a súa débeda e todos os xogadores do Vesa, liderados polo xogador estrela Timo Turunen foron traspasados a Jokerit.[3][4][5] O primeiro partido do novo equipo tivo lugar o 10 de novembro, cando se enfrontaron a Upon Pallo da máxima categoría nun encontro de adestramento, que se saldou coa vitoria de Jokerit (4-3) ante case 700 persoas.[6]
O público en xeral non coñeceu a nova da fundación do novo equipo ata o 6 de novembro dese mesmo ano, cando o xornal en lingua sueca Nya Pressen publicou a primeira noticia sobre o novo equipo de hóckey sobre xeo. Segundo Seppo Aalto, quen escribiu a historia do club, é algo irónico que as novas sobre Jokerit apareceran precisamente ese día, o "día de Suecia" nun xornal en sueco, xa que o tema lingüístico ten sido motivo de controversia no hóckey sobre xeo da capital finlandesa.[5]
O 28 de xuño de 2013, Harry Harkimo convocou unha rolda de prensa na que comunicou que vendera o Hartwall Areena, o pavillón onde o equipo xoga os seus partidos como local, ao empresario ruso-finlandés Gennady Timchenko (presidente do SKA San Petersburgo), Arkady Rotenberg (presidente do HC Dynamo Moscova) e Boris Rotenberg (copropietario do SKA), xunto cunha opción para comprar unha parte do equipo logo da tempada 2013-14 .[7] Timchenko, xunto cos Rotenberg, teñen dobre nacionalidade rusa e finlandesa. Tamén anunciouse que o club deixaría a SM-liiga despois da tempada 2013-14 e comezaría a tempada 2014-15 da Kontinental Hockey League (KHL).[8][9] Harkimo seguiría a ser o propietario maioritario e xerente do equipo,[10] mentres que Jari Kurri foi nomeado novo director xeral.[11]
Deste xeito, o Jokerit convertíase no 29º equipo da KHL,[12] e deixaba a máxima competición finlandesa no medio das protestas da liga e mesmo de sectores dos seus propios seareiros.[13] A nova da marcha do club á KHL provocou tamén o descontento nos demais clubs da SM-liiga, e mesmo algúns ameazaron ao Jokerit con impedirlle participar na tempada 2013-14 se se unía á KHL, xa que a marcha do equipo de Helsinqui comportaría para os demais clubs numerosas perdas de ingresos por entradas e dereitos de televisión. Finalmente especulouse con que o Jokerit debería pagar aos outros clubs da SM-liiga 5 millóns de Euros como compensación, se ben os termos finais do acordo non foron revelados.[14]
En febreiro de 2022, ante a escalada de violencia no leste de Ucraína, xurdiron presións para que Jokerit abandonara a KHL. O martes 22 de febreiro o grupo de seareiros Eteläpääty esixiu que o equipo deixara a competición de xeito inmediato. O director executivo da entidade, Sami Kauhanen, sinalaba entón que Jokerit tiña acordos e obrigas coa liga que debían cumprir.[15][16] Segundo o comentarista deportivo ruso Lev Lukin, entre os motivos de Jokerit para non abandonar a KHL estarían o feito de competir na mellor liga de Europa e que o seu estadio, Hartwall Arena, pertence a Gennady Timchenko e á familia Rotenberg dende 2013, polo que o equipo non podería seguir xogando no estadio.[17] Coincidindo co inicio da guerra en Ucraína o 24 de febreiro, varias empresas colaboradoras de Jokerit anunciaron o fin da súa cooperación co equipo a causa da situación en Ucraína, e a empresa Hartwall, principal patrocinador do estadio, anunciou que estaba a valorar se retiraba o seu apoio.[18] Na mañá do 25 de febreiro o equipo emitiu un comunicado no seu sitio web no que anunciaba que suspendía a tempada 2021-22, afirmando que "na situación mundial actual, continuar coa tempada tería sido imposble". O anuncio produciuse despois de que Jari Kurri, director xeral de Jokerit, mantivera conversas coa KHL. Deste xeito o equipo de Helsinqui puña punto e final á tempada antes de comezar os play-offs, nos que debía enfrontarse ao Spartak de Moscova a partir do 1 de marzo.[19]
Logo de retirarse da tempada na KHL o equipo comezou a ofrecer os seus xogadores a equipos da liga finlandesa, entre eles os campións olímpicos con Finlandia Iiro Pakarinen, Petteri Lindbohm, Marko Anttila, Hannes Björninen e Niklas Friman.[20][21] O 27 de febreiro confirmouse a saída do adestrador Lauri Marjamäki logo de que este asinara con Kärpät, equipo que xa dirixira entre 2013 e 2016,[22] conseguindo co equipo de Oulu dúas ligas (2014 e 2015).[23] O 28 de febreiro anunciouse o traspaso do capitán de Jokerit, Marko Anttila, a Ilves da Liiga.[24]
A situación do equipo é confusa e a afección pregúntase sobre o futuro do equipo. Un grupo de afeccionadas e afeccionados no equipo crearon na rede social Facebook un grupo privado baixo o nome Jokerit takaisin liigaan! (en galego "Jokerit de volta á liga!"), en alusión ao campionato finlandés, integrada por unhas 6 800 persoas. Nunha enquisa realizada no grupo, o regreso do equipo á Liiga recibiu a maior parte dos apoios (490 votos), seguida do ingreso do equipo na Mestis, mentres que a opción de continuar na KHL tan só recibiu 16 votos. Do mesmo xeito sinalábase que o equipo mantén contratos coa KHL.[25]
A principios de abril Jokerit anunciaba na súa conta de Twitter que abandonaba a KHL. Con todo, no momento do anuncio o futuro deportivo do equipo era aínda unha incógnita, se ben especulouse co seu regreso á Liiga, o presidente de SM-liiga Oy sinalaba nesas datas que non houbera negociacións e que a Liiga tería antes que saber cal sería a organización e a propiedade do club, así como o estadio no que podería xogar, aínda que tamén indicou que "non hai oposición en principio".[26][27]
Os Jokerit debutaron na Mestis o 21 de setembro de 2023 fronte o K-Espoo, vixente campión da competición, cunha vitoria na prórroga. O equipo de Espoo chegou poñerse por diante 2-0 no segundo terzo, mais os goles de Alexander Forslund (autor do primeiro gol dos jókers na Mestis) e Emil Oksanen (en superioridade) igualaron a contenda, que caeu do lado capitalino grazas ao gol na prórroga de Leevi Lemberg.[28] O partido, no que antes do inicio celebrouse a cerimonia na que se elevou o bandeirín de campión da tempada 2022-23 do K-Espoo, bateu o récord de asistencia a un xogo da segunda categoría do hóckey sobre xeo finés con 6 982 persoas nas bancadas, superando a asistencia rexistrada o 22 de abril de 2023 durante o terceiro partido das finais entre o K-Espoo e o Ketterä no mesmo escenario.[29]
O debut dos Jokerit na súa pista tivo lugar o 22 de setembro de 2022 coa visita do KOOVEE ao Keravan jäähalli, que rexistrou un cheo con 1 240 persoas nas bancadas. O partido finalizou coa vitoria do equipo de Tampere (2-3), que anotou todos os seus goles no primeiro terzo. O primeiro gol na casa do equipo de Helsinqui foi obra de Mathias Hänninen.[30]
Jokerit xogou os seus partidos como local no Helsingin jäähalli entre 1967 e 1997, este pavillón encóntrase en Nordenskiöldinkatu, no barrio de Taka-Töölö.[31][32]
Dende 1997 o pavillón do Jokerit e Hartwall Arena, localizado no distrito de Keski-Pasila.[31] O pavillón foi remodelado en 2006 e ten unha capacidade para 13 349 espectadores.[33]
Dende que se trasladou ao Artwall Areena, o Jokerit conta coa asistencia media máis alta de toda a SM-liiga, chegando na mellor tempada a unha media de 12.232 espectadores por partido para un pavillón con capacidade para 13.665 espectadores na tempada 1997-98. Dende o último título ligueiro conseguido polo equipo en 2002, a media de asistencia ao pavillón foi diminuíndo (con lixeiros ascensos respecto á tempada precedente en 2005 e 2007) ata chegar á media máis baixa dende que o equipo abandonara o Helsingin jäähalli en 1997 con 8.295 espectadores por partido en 2010, dende aquela a asistencia non parou de medrar, situandose por riba dos 9.000 espectadores por partido nas dúas últimas tempadas.[34]
Os diferentes xogadores que teñen sido capitáns do equipo ao longo da súa historia son:[35]
|
|
Dende 2016 o adestrador do equipo é Jukka Jalonen, que asinou un contrato que o vincula ao equipo de Helsinqui ata o ano 2018.[36] O Jokerit tivo os seguintes adestradores ao longo da súa historia:[37]
Nome(s) | Período |
---|---|
Jorma Salmi | 1967–1968 |
Martti Sarlin, Jorma Kyntölä | 1968–1969 |
Aulis Hirvonen | 1969–1970 |
Matti Lampainen | 1970–1973 |
Rauli Virtanen, Matti Lampainen | 1973–1974 |
Boris Maiorov | 1974–1976 |
Jorma Borgström | 1976–1977 |
Jorma Borgström, Pentti Katainen, Timo Turunen | 1977–1978 |
Matti Väisänen | 1978–1980 |
Olli J. Hietanen | 1980–1982 |
Reino Ruotsalainen | 1982–1985 |
Matti Väisänen | 1985–1987 |
Henry Leppä | 1987–1988 |
Kari Mäkinen | 1988–1990 |
Kari Mäkinen, Boris Maiorov | 1990–1991 |
Boris Maiorov | 1991–1993 |
Alpo Suhonen, Leo Äikäs, Hannu Aravirta | 1993–1994 |
Hannu Aravirta | 1994–1996 |
Curt Lundmark | 1996–1997 |
Sakari Pietilä, Curt Lundmark, Hannu Kapanen | 1997–1998 |
Hannu Kapanen, Leo Äikäs, Timo Lahtinen | 1998–1999 |
Erkka Westerlund | 1999–2001 |
Raimo Summanen | 2001–2003 |
Hannu Jortikka | 2003–2005 |
Waltteri Immonen, Curt Lindström | 2005–2006 |
Doug Shedden | 2006–2008 |
Glen Hanlon | 2008–2009 |
Hannu Aravirta, Hannu Jortikka | 2009–2010 |
Hannu Jortikka, Erkka Westerlund | 2010–2011 |
Erkka Westerlund | 2011–2012 |
Tomi Lämsä | 2012–2013 |
Tomi Lämsä, Tomek Valtonen | 2013–2014 |
Erkka Westerlund | 2014-2016 |
Jukka Jalonen | 2016-2018 |
Lauri Marjamäki | 2018-2022 |
Un único xogador do Jokerit foi introducido no Hockey Hall of Fame ata 2016, trátase de Jari Pekka Kurri,[38] que foi introducido en 2001 logo de xogar 17 tempadas na National Hockey League nas que se converteu no máximo anotador nado en Europa con 601 goles, 797 asistencias, e 1.398 puntos.[39][40]
Dende que se creou o "Salón da Fama" do hóckey sobre xeo finlandés en 1985 (os denominados Suomen Jääkiekkoleijonista ou Leóns do Hóckey sobre Xeo Finlandés en galego), 31 xogadores que defenderon a camisola de Jokerit foron introducidos:[41]
Nome(s) | Ano de introdución | Período(s) |
---|---|---|
Matti Keinonen | 1987 | 1973-75 |
Ilpo Koskela | 1989 | 1969-75 |
Jorma Valtonen | 1989 | 1972-74 |
Veli-Pekka Ketola | 1990 | 1969-70 |
Lauri Mononen | 1991 | 1969-71, 1972-73 |
Timo Sutinen | 1991 | 1969-75 |
Seppo Suoraniemi | 1992 | 1972-74 |
Henry Leppä | 1996 | 1969-76, 1977-81 |
Jari Kurri | 1998 | 1977-80, 1994-95 |
Hannu Kamppuri | 1998 | 1975-79 |
Timo Blomqvist | 2002 | 1977-80 |
Raimo Summanen | 2004 | 1993-94 |
Esa Tikkanen | 2004 | 1999-00 |
Timo Turunen | 2004 | 1967-76, 1977-78 |
Hannu Kapanen | 2005 | 1974-77 |
Markus Ketterer | 2005 | 1985-88, 1991-93, 1997-99 |
Jari Lindroos | 2005 | 1981-87, 1995-97 |
Mika Nieminen | 2005 | 1997-98 |
Pekka Järvelä | 2006 | 1982-83, 1990-93 |
Hannu Järvenpää | 2006 | 1992-93 |
Timo Saarikoski | 2006 | 1993-99, 2000-01 |
Otakar Janecky | 2006 | 1991-99 |
Antti Törmänen | 2007 | 1990-95, 1996-98, 2000-02 |
Erik Hämäläinen | 2009 | 1992-95 |
Tero Lehterä | 2009 | 1995-97, 1999-00 |
Juha Ylönen | 2009 | 1993-96 |
Mika Strömberg | 2011 | 1987-99, 2002-03, 2007-08 |
Juha Lind | 2012 | 1992-97, 1998-99, 2004-05, 2008-10 |
Pasi Nurminen | 2012 | 1999-01 |
Ari Sulander | 2013 | 1987-98 |
Petri Varis | 2013 | 1993-97, 1999-01, 2004-09 |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.