From Wikipedia, the free encyclopedia
Iuri Vladimirovich Andropov (en ruso: Ю́рий Влади́мирович Андро́пов), nado o 15 de xuño de 1914 e finado en Moscova o 9 de febreiro de 1984, foi un político soviético, Secretario Xeral do Partido Comunista da Unión Soviética dende o 12 de novembro de 1982 ata a súa morte, alén de ser xefe do KGB durante quince anos.[1]
Existen moitas dúbidas sobre a orixe familiar de Andropov.[2] Segundo a biografía oficial, naceu en Stanitsa Nagutskaya (na actualidade no krai de Stavropol) o 15 de xuño de 1914.[3][4] O seu pai, Vladimir Konstantinovich Andropov, era un traballador ferroviario descendente de cosacos do Don que faleceu por tifo en 1919. A súa nai, Yevgenia Karlovna Fleckenstein (ningunha fonte oficial menciona o seu nome), foi unha mestra de escola que morreu en 1931.[5][6] Ela nacera na gobernación de Ryazan e fora abandonada na porta dun cidadán finés, un reloxeiro xudeu, Karl Franzevich Fleckenstein, que vivía en Moscova; el e a súa dona, Eudokia Mikhailovna Fleckenstein, adoptárona e criárona.[7][8] Investigacións posteriores descubriron que moitos detalles da biografía de Andropov foron moi falsificadas durante a súa vida, contribuíndo á confusión coa súa familia.
O seu primeiro nome documentado foi Grigory Vladimirovich Andropov-Fyodorov; cambiouno por Yuri Andropov varios anos despois.[9] Aínda que o seu certificado de nacemento orixinal desapareceu, estableceuse que Andropov nacera en Moscova, onde a súa nai traballou nun colexio feminino entre 1913 e 1917.[7][9]
Andropov estudou durante un curto período no Instituto Técnico para o Transporte Acuático de Rybinsk, antes de se xuntar ao Komsomol en 1930. Concluíu a graduación en 1939 e foi o primeiro secretario do Komsomol na república de Carelia, entre 1940 e 1944.[8][10] Trala guerra, mudouse a Moscova en 1951 e entrou na secretaría do partido.[8]
Trala morte de Iosif Stalin en marzo de 1953, Andropov foi rebaixado de posto e enviado a un "exilio" na embaixada soviética en Budapest por Georgi Malenkov. Tivo un papel importante na invasión soviética de Hungría en 1956.
Andropov volveu a Moscova para dirixir o Departamento para Relacións con Países socialistas (1957-1967) e foi promovido para a secretaría do Comité Central do Partido Comunista Soviético en 1962, sucedendo a Mikhail Suslov. En 1967 foi nomeado xefe do KGB. En 1973 converteuse en membro pleno do Politburo, a pesar de non renunciar á dirección da KGB ata 1982.
Envolveuse en rumores e acusacións coa morte sospeitosa do entón líder Leonid Brezhnev o 10 de novembro de 1982. Brezhnev faleceu dunha sobredosa, motivada pola súa enfermeira, que era unha asociada do KGB, dirixido por Andropov. Cando a enfermeira foi declarado inocente e o caso abafado, pasouse a cuestionar a culpa de Andropov na morte de seu antecesor.[11] Días despois, foi nomeado, como era previsto, para o liderado do Partido Comunista, vencendo a Konstantin Chernenko, líder parlamentario dende había tempo. Foi o primeiro xefe do KGB que obtivo ese posto. Herdou tamén de Brezhnev, a presidencia do Consello de Defensa do país.
Durante o seu mandato fixo tentativas de mellorar a economía e de reducir a corrupción. Tamén é lembrado pola súa campaña contra o alcoholismo e polos esforzos para mellorar a disciplina no traballo. As dúas campañas foron conducidas cunha visión administrativa tipicamente soviética, e lembraban vagamente algunhas reminiscencias do stalinismo.
Fixo pouca cousa en termos de política externa, continuando a guerra iniciada trala invasión de Afganistán. O seu goberno tamén estivo marcado pola deterioración das relacións cos Estados Unidos a causa das actitudes fortemente antisoviéticas de Ronald Reagan, exacerbadas polo derrubamento por parte duns cazas soviéticos dun avión civil surcoreano que invadiu o espazo aéreo da URSS o 1 de setembro de 1983 e pola ampliación dos mísiles Pershing en Europa.
En febreiro de 1983, Andropov sufriu un fallo renal total. En agosto foi ingresado no Hospital Clínico Central de Moscova, onde pasou o resto da súa vida. A finais de febreiro de 1984 a súa saúde deteriorouse enormemente e tivo períodos en que perdeu a consciencia. Faleceu o 9 de febreiro de 1984 ás 16:50 no seu cuarto do hospital con 69 anos.[12] Foi sucedido por Konstantin Chernenko, que xa estaba enfermo cando chegou ao poder e pasou tamén tempo no hospital antes de falecer en 1985.
O legado de Andropov aínda é tema de debate, tanto en Rusia como noutros lugares, e tanto entre académicos como nos medios de comunicación. Permanece no foco de varios documentais televisivos e en libros de non ficción, particularmente en datas conmemorativas.
A pesar da súa liña dura en Hungría e de numerosas desterros e intrigas das cales foi responsábel durante a súa longa permanencia na dirección do KGB, foi moi lembrado por varios comentaristas como un reformador. Aapuntan como evidencias o feito de promover a Mikhail Gorbachev no Partido Comunista soviético, e ser considerado un xefe da KGB particularmente tolerante. Tamén é lembrado como menos inclinado ás reformas rápidas do que foi Gorbachev; o punto central das especulacións é se Andropov conseguiría ou non reformar a URSS de xeito tal que evitase o seu colapso.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.