From Wikipedia, the free encyclopedia
Valfendido (en Sindarin: Imladris, e en Oestron: Karningul) é un posto avanzado élfico da Terra Media creada por J. R. R. Tolkien. Foi fundado por Elrond durante a Segunda Idade da Terra Media (catro ou cinco mil anos antes dos acontecementos descritos n'O Señor dos Aneis), e foi el tamén o seu gobernante. Alén de Elrond e a súa familia, outros notábeis elfos viviron alí, entre eles Glorfindel e Erestor.
Valfendido | |
---|---|
Legendarium de J. R. R. Tolkien | |
Localización de Valfendido na Terra Media | |
Primeira aparición | O hobbit |
Información | |
Tipo | Refuxio dos elfos Refuxio oculto |
Gobernante | Elrond |
Localización | Eriador oriental: un val ao oeste das Montañas Bretemosas |
Outros nomes | Imladris Karningul Derradeiro lar ó leste do Mar |
Valfendido é unha tradución directa ou calco do nome Sindarin Imladris, "val profundo da fenda". Tamén é coñecido como O Derradeiro Lar ao Oeste das montañas, en alusión ao territorio silvestre que se estende alén das Montañas Bretemosas.[T 1]
Valfendido está situado no bordo dunha estreita foz do río Bruinen ou Altauga (un dos accesos principais a Valfendido é a través do próximo vao de Bruinen), mais encóntrase ben agochado entre os páramos e as faldras das Hithaeglir ou Montañas Bretemosas. Contrariamente ao que amosa o mapa da Terra Media occidental publicado n'O Señor dos Aneis, segundo Tolkien, o Gran Camiño do Leste non atravesaba Valfendido, que se mantiña como val agochado e separado do camiño cara ao Paso Alto.[T 2][T 3][T 4] Ao igual que Hobbiton, está aproximadamente á mesma latitude que o lugar de traballo de Tolkien, Oxford.[T 5]
Valfendido foi fundado na Segunda Idade trala destrución da terra élfica de Eregion por parte de Sauron. Valfendido persistiu como o único asentamento élfico en Eriador oriental; Gil-galad deulle a Elrond o anel Vilya, outorgándolle o poder necesario para protexer Valfendido e frear o paso do tempo no seu val oculto: de feito, Valfendido seguía o seu propio calendario.[T 6][T 7][T 8] Na Terceira Idade, Valfendido sobreviviu repetidos ataques dos exércitos do Rei Bruxo de Angmar.[1][T 7] Valfendido albergaba as reliquias dos Montesíos do Norte do reino perdido de Arnor, incluídos os fragmentos de Narsil (a espada de Elendil), o cetro de Annúminas e a Estrela de Elendil. Elrond acolleu os fillos dos herdeiros ao trono de Arnor, o derradeiro dos cales era Aragorn. Durante a súa estada en Valfendido, Aragorn coñeceu e namorouse da filla de Elrond, Arwen, e casou con ela despois de ser coroado rei de Gondor e Arnor.[T 9] Os inimigos de Sauron, entre os que estaba Elrond, congregáronse no Consello Branco, que se reuniu en Valfendido, como cando o Consello decidira expulsar o Nigromante da súa fortaleza de Dol Guldur.[T 10] Os protagonistas d' O hobbit reciben os consellos de Elrond en Valfendido.[T 2] Os protagonistas d' O Señor dos Aneis encóntranse en Valfendido, asisten ao Consello de Elrond e deciden emprender unha misión para destruír o Anel Único. Os ferreiros de Valfendido reforxan a espada de Aragorn co nome de Andúril.[T 8][T 10][T 11] Cando o Anel Único é destruído, o anel de Elrond perde o seu poder, e este abandona Valfendido para partir cara a Valinor.[T 12][T 13]
O val de Valfendido podería estar inspirado no val de Lauterbrunnen en Suíza, onde Tolkien fixera sendeirismo. De feito, Tolkien afirmou que «Dende Valfendido até o outro lado das Montañas Bretemosas, a viaxe ... incluída a baixada a escorregóns de Bilbo e os ananos polo corremento de pedras até os piñeirais ... está baseada nas miñas aventuras en Suíza en 1911».[T 14][2]
A medievalista Marjorie Burns escribe que a viaxe de Bilbo para Valfendido se asemella á do autor de fantasía e tradutor de mitoloxía nórdica William Morris a través das rexións agrestes de Islandia até un lugar que el chamaba «Water-dale» (Vatnsdale, «Val de Auga»); os dous pasan por elevacións salpicadas de zonas con vexetación e acaban derreados; logo ambos cruzan engrobas estreitas e brañas; e os dous chegan a un val agochado que ofrece acubillo e acomodo. Noutro lugar, Morris atravesa «un penedo estreito semellante a unha ponte», ao igual que Bilbo se topa cunha «estreita ponte de pedra sen varanda» ao entrar en Valfendido.[3]
Matthew T. Dickerson, en J. R. R. Tolkien Encyclopedia, escribe que Valfendido representa sistematicamente un santuario, un lugar que dá a sensación de fogar, en todo o legendarium.[1] A xornalista Jane Ciabattari sostén que un dos principais motivos da popularidade d’O Señor dos Aneis era o desexo escapista da xeración que viviu a Guerra de Vietnam, comparando o complexo militar-industrial con Mordor, e suxire que estes lectores degoxaban un lugar de paz, do mesmo xeito que a Frodo Bulseiro «invadiulle o corazón un irresistible desexo de descansar e quedar en paz a carón de Bilbo en Valfendido».[5] Burns sinala que Valfendido e o outro reino élfico de Lothlórien son comparábeis ao Outro Mundo celta (en irlandés, Tír na nÓg), porque é difícil de atopar, pero se se dá a benvida ao viaxeiro, este cruza un río, que simboliza a transición espiritual dende o mundo normal, e «o canso aventureriro é transportado a un refuxio de hospitalidade élfica e deleite».[4] Existen varios indicios da transición:
Entrar en Valfendido supón abandonar, durante un tempo, o lóbrego terreo montañoso do norte. Primeiro hai unha baixada empinada ...; as faias e os carballos substitúen os piñeiros; o aire vólvese máis cálido; o primeiro dos elfos saúdaos cunha risada e unha canción, e logo vén o inevitábel paso fluvial que separa o resto da Terra Media do núcleo interno de cada reino élfico.[6]
Burns salienta que as partículas «Val» e «fendido» («Riven» e «dell» no orixinal inglés) evocan un lugar de pouca altitude que require baixar para acceder a el, e que ese descenso é propio dos relatos celtas de entrada no reino subterráneo dos Tuatha Dé Danann, cada un de cuxos xefes goberna un túmulo.[7]
O filólogo e académico especializado en Tolkien Tom Shippey sinala que Tolkien, de credo cristián, era sumamente meticuloso coas datas e cronoloxías, pero que son moi poucos os lectores que se decatan de que a Irmandade parte de Valfendido na súa misión o 25 de decembro, a data do Nadal, e consegue destruír o Anel e provocar a caída de Sauron o 25 de marzo, a data da Crucifixión segundo a tradición anglosaxoa.[8]
O especialista en Tolkien Verlyn Flieger escribe que tanto Frodo como Aragorn reciben a súas renovadas espadas máxicas en Valfendido, o cal os designa como heroes na tradición épica de Sigurd e Artur, ao comezo da súa misión.[9]
Shippey compara as versións da canción O camiño segue e segue interpretadas por Bilbo e Frodo. Bilbo segue o «camiño ... con pé lixero», esperando chegar á paz de Valfendido, retirarse e levar unha vida de repouso; por contra, Frodo di «con pé canso», esperando chegar dalgún xeito a Mordor co Anel, e tentar destruílo nas Fendas do Destino: destinos e tarefas diametralmente opostos.[10] Observa que Valfendido era o lar das cantigas élficas, e cita a afirmación de Tolkien de que a canción que os hobbits ouven en Valfendido, A Elbereth Gilthoniel na que se invoca á semidivina Varda, era un himno que aludía á súa propia devoción católica.[11] Shippey escribe, así mesmo, que Tolkien fixo a Bilbo o autor e intérprete da Canción de Eärendil en Valfendido, facendo uso de diversos recursos poéticos —rima, semirrima interna, aliteración, asonancia aliterativa e unha «variación sintáctica frecuente pero irregular»— para crear un misterioso efecto élfico de «incerteza intensa e continua, un patrón sempre albiscado pero nunca completamente captado»."[12] Rebecca Ankeny comenta que Tolkien tamén usa o verso para denotar o horror dos elfos cando Gandalf pronuncia en voz alta a inscrición do Anel, na lingua negra, ameazando coa destrución de Valfendido.[13]
O académico especializado en Tolkien Gergely Nagy sinala que Tolkien quería presentar o complexo conxunto de escritos d’O Silmarillion como unha compilación de aparencia real que recollese relatos e mitos no marco da súa Terra Media ficticia; modificou O Señor dos Aneis para atribuír os documentos a Bilbo, escritos supostamente durante os anos que pasou en Valfendido, e preservados no ficticio Libro Vermello da Fronteira do Oeste, cuxo nome alude ao Libro Vermello de Hergest.[14]
Burns escribe que Valfendido, «o derradeiro lar ó leste do Mar»,[T 8] representa un fogar acolledor, repetindo o patrón definido tanto n’O hobbit como n’O Señor dos Aneis de «compracencia de solteiro, relaxada pero pulcra» dende o burato-hobbit de Bilbo, Vila Bulsa, en adiante; malia a presenza de Arwen, non hai case nada «relativo á feminidade».[15]
No filme The Lord of the Rings: The Fellowship of the Ring de 2001 de Peter Jackson, Valfendido está ambientado no Kaitoke Regional Park de Nova Zelandia, coa adición das fervenzas mediante imaxes xeradas por ordenador.[16] Brian Rosebury comenta que Jackson presenta os elfos como un pobo sofisticado, mentres que Tolkien os describía como seres máis afíns á natureza. Con todo, escribe, no Valfendido cinematográfico «os motivos naturais dominan a arquitectura e a ornamentación», o cal suxire unha «integración coa natureza, cun distanciamento mínimo», algo que casa ben coa «contorna idílica similar a Portmeirion» do Valfendido da pantalla. Rosebury describe o deseño como "post-ruskiniano", ao xeito dos cadros prerrafaelistas, os deseños de estilo Arts and Crafts de William Morris e os detalles arquitectónicos do Art Nouveau. Estes aspectos difiren das ilustracións do propio Tolkien, pero Rosebury suxire que, en certo sentido, a Tolkien teríanlles gustado porque son acordes á súa aversión pola fabricación industrializada.[17]
Durante o período de contracultura no mundo occidental das décadas de 1960 e 1970, fundouse unha comuna chamada Maos Lyst (O Deleite de Mao) na illa de Zelandia, Dinamarca, en 1968, e os seus habitantes mudaron os seus apelidos por Kløvedal, o nome de Valfendido en dinamarqués. Máis adiante, varios deles convertéronse en personalidades culturais ben coñecidas no país.[18][5] A adega The Rivendell Winery operou dende 1987 até 2008 no Val do Hudson de Nova York.[19] The Tolkien Ensemble compuxo música para todas as cancións d’O Señor dos Aneis, publicada en catro CD entre 1997 e 2005, todos eles con «Rivendell» (Valfendido no orixinal inglés) no seu título.[20] A compositora de música clásica sueca Anna-Lena Laurin compuxo unha obra para dúas guitarras chamada «Rivendell».[21] A banda canadense de rock progresivo Rush conmemorou o santuario élfico na canción «Rivendell» pertencente ao seu álbum de estudio de 1975 Fly by Night. A canción céntrase na tranquilidade e aparente infinidade temporal que un viaxeiro podía atopar alí, con pasaxes como «Elfin songs and endless nights / Sweet wine and soft relaxing lights / Time will never touch you / Here in this enchanted place» (Cancións élficas e noites infinitas / Viño doce e tenues luces relaxantes / O tempo nunca te tocará / Aquí neste lugar encantado).[22][5]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.