Este artigo trata sobre a planta, para o doce de masa de follado, véxase o artigo Milfollas (doce).
Milfollas Achillea millefolium | |||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Achillea millefolium | |||||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||||
Achilea millefolium L., 1753 | |||||||||||||||||||||
Subespecies | |||||||||||||||||||||
|
O milfollas[1] ou herba dos carpinteiros[2] (Achilleae millefollium), é unha planta herbácea perenne nativa do hemisferio norte e que tradicionalmente se empregaba para curar feridas. Consómese como parte de caldos.
Distribución e hábitat
Probabelmente procede de Eurasia. Medra principalmente en Asia e a zona mediterránea de Europa, aínda que é menos abundante e incluso inexistente en rexións coma Andalucía e o sur de Portugal. Mora tamén noutros sitios en América a causa da dispersión accidental que fixeron os humanos.
Medra en prados incultos, no beiril dos camiños e regueiros, en xeral en lugares húmidos.
Ecoloxía
De xeito natural, o milfollas medra en zonas non demasiado secas e ben drenadas. Pódese atopar en pastos, en leiras cultivadas ou non e a miúdo par das estradas, en abas de montaña e en zonas boscosas. Pódese atopar entre os 0 e 2.400 m de altitude, aínda que prefire altitudes inferiores aos 1.500 m. A partir dos 1.000 m cara a arriba ten un porte máis pequeno e máis recendo.
Aínda que é unha planta moi tolerante a calquera tipo de clima, require unhas condicións temperadas ou temperadas-frías. Resiste ben as xeadas (até -15 °C) e á seca. Normalmente quere condicións de pleno sol.
En canto ao tipo de solo, en xeral se pode dicir que se axeita ben a todo tipo de solos (acedos ou básicos, calcarios, secos), sempre que estean ben drenados xa que non resiste o asolagamento. Polo tanto, prefire solos areentos e frescos antes que solos arxilosos e compactos. Medra ben en solos pobres.
Historia
Identificada nun xacemento de restos de Neanderthal, podería ter formado parte dunha primitiva farmacoloxía desta cultura. Os gregos déronlle o nome de aquilea por Aquiles, sonado pola súa invulnerabilidade ás feridas, que segundo unha lenda sandou con ela a seu amigo Télefo. Os guerreiros levábana coma un remedio case milagreiro nas súas mochilas, polo que foi tamén coñecida coma herba dos soldados.[3]
Usos en xardinaría
As plantas do xénero Achillea é moi utilizado en xardinaxe tanto polas súas flores como polo seu recendo. Especialmente utilizado en arriates con boa resistencia aos solos pobres. Soportan ben a seca.
Propiedades
Usos en farmacia
Dioscórides comenta: «É moi útil esta herba contra as efusións de sangue, contra as chagas recentes, antigas e efistoladas». En bótica popular úsanse as cabezas florais ou corimbos en infusión para lavar as feridas externamente. Crese que o milfollas é unha planta poderosa para a maxia alquímica. De aí na antigüidade fora das herbas máis apreciadas polas bruxas, meigas e feiticeiras.
Como non produce sono nin diminúe as facultades, resulta moi aconsellábel para todas as situacións que impliquen tensión, mais que requiren unha mente despexada e en plena forma, como ante un exame, unha proba ou unha entrevista de traballo ou en calquera ocasión na que nos atopemos perante alguén que nos poña nerviosos. [3]
Modo de emprego
Tisana: preparar unha infusión de dúas culleres de flores por cunca de auga. Tomar dúas ou tres infusións ao día.
Principios activos
Contén aceite esencial (0,3-1%): azulenos (20-50%), alfa e beta-pineno, cariofileno; polifenois: flavonoides (luteolina, apixenina), ácido cafeico, lactonas sesquiterpénicas (leucodina, deacetilmatricina, milefina, dihidropartenólido), aquileína (betonicina), vestixios de heterósidos cianoxénicos (prunasósido). Outras fontes analizan: Aquileína (glicósidos), colina, ácido valeriánico, ácido fórmico, alcohol metílico, esencia composta por limoneno, pireno, tuión, borneol, cineol, azuleno, tanino, fitosferina, resinas.[3]
Indicacións
O azuleno dálle propiedades coma antiinflamatorio. As lactonas sesquiterpénicas reforzan esta acción e son responsábeis do efecto aperitivo, eupéptico, colerético, hipoglucemiante suave e antimicrobiano. Os taninos, aínda que presentes en baixa proporción, teñen un efecto hemostático, cicatrizante. Os flavonoides, e os seus heterósidos fornecen propiedades de antiespasmódico. Atrubúeselle, ademais, unha actividade coma diurético e antipirético. As follas son máis adstrinxentes que as flores. Indicado para anorexia non nerviosa, inapetencia, gastrite, dispepsias hiposecretoras e os seus síntomas asociados (sensación de plenitude gástrica, aerofaxia, flatulencia); espasmos dixestivos, náuseas, vómitos; dispepsias, discinesias e litiase biliar; colelitiase, disquinesias hepatobiliares, colecistite, flebite, varices, hemorroides. Coadxuvante no tratamento da diabetes. Dismenorrea, síndrome premenstrual e espasmo uterino. En uso tópico: feridas, úlceras dérmicas, queimaduras, hemorroides.[3][4]
Taxonomía
Achillea millefolium foi descrita por Carl von Linné e publicado en Species Plantarum 2: 899. 1753.[5]
|
|
Nome vulgar
En galego recibe varios nomes comúns coma: herba dos carpinteiros, milfollas, herba da rula, herba do soldado ou aquilea (máis formal)[2].
En portugués recibe os nomes de mil-em-rama, mil-folhas e milefólio.
Notas
Véxase tamén
Wikiwand in your browser!
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.