Os xirínidos (Gyrinidae) son unha familia de escaravelos acuáticos que adoitan nadar na superficie da auga cando están tranquilos, aínda que se mergullan baixo a auga cando se senten ameazados. Teñen o hábito de nadar rapidamente en círculos cando están alarmados. Outra característica peculiar é que teñen os ollos divididos, o que se cre lles permite ver tanto por debaixo coma por riba da auga.[1] A familia comprende unhas 700 especies existentes en todo o mundo, distribuídos en 15 xéneros, xunto con algunhas especies fósiles. A maioría das especies son moi similares en aspecto xeral, aínda que varían en tamaño desde os 3 mm aos 18 mm de lonxitude.[2] Adoitan ser aplanados e arredondados, con forma elipsoidal, coas patas e outros apéndices que se axustan ben á súa superficie hidrodinámica.

Máis información Gyrinidae, Clasificación científica ...
Gyrinidae

Gyrinus natator, ilustración de 1909
Clasificación científica
Reino: Animalia
(sen clasif.) Euarthropoda
Clase: Insecta
Orde: Coleoptera
Suborde: Adephaga
Familia: Gyrinidae
Latreille, 1802
Xéneros

Anagyrinus (fósil)
Andogyrus
Angarogyrus (fósil)
Aulonogyrus
Avitortor (fósil)
Baissogyrus (fósil)
Cretotortor (fósil)
Dineutus
Enhydrus
Gyretes
Gyrinoides
Gyrinopsis (fósil)
Gyrinulopsis (fósil)
Gyrinus
Heterogyrus
Macrogyrus
Mesodineutes (fósil)
Mesogyrus (fósil)
Metagyrinus
Miodineutes (fósil)
Orectochilus
Orectogyrus
Porrorhynchus
Protogyrinus
Spanglerogyrus

Pechar

Taxonomía

Os Gyrinidae xeralmente son considerados unha familia dentro de Adephaga, pero están en marcha moitas investigacións para esclarecer as relacións tanto dentro de Adephaga coma dentro de Coleoptera en xeral.[3] Dentro de Adephaga hai bastante confusión tamén, e hai varias propostas rivais en discusión; por exemplo, algúns autores consideran que os Gyrinidae están estreitamente relacionados con familias como os Dytiscidae e outras familias de escaravellos acuáticos predadores, mentres que outras análises indican que Gyrinidae é un grupo irmán do resto dos Adephaga.[4] Algunhas das familias de Adephaga parecen ser polifiléticas, polo que haberá que esperar para facer unha estrutura cladística definitiva a que se fagan análises de ácidos nucleicos máis avanzadas.[5]

Descrición

Os xirínidos son moi distinguibles pola súa sorprendente forma de nadar, describindo xiros. A súa coloración non é rechamante e son difíciles de ver cando están quietos ou baixo a auga. Porén, a maioría das especies están ben coloreadas cun brillo sombrío de gris aceiro ou bronce. O seu tegumento está finamente esculpido con pequenos buratos; é duro e elástico e produce unha capa externa de cera repelente da auga, que é constantemente renovada. Entre outras funcións, a capa lubricante e o perfil liso do corpo fan que sexan moi difíciles de soster se son capturados, xa que esvaran entre os dedos.[6]

As súas antenas son pouco comúns nos escaravellos, xa que son curtas e gordas, e situadas por riba do nivel da auga. Os ollos compostos teñen a particularidade de estar divididos nunha parte superior que está por riba do nivel da auga cando o escaravello está aboiando pasivamente, e unha parte inferior que está por debaixo do nivel da auga.[1] Neste aspecto lembran os ollos divididos horizontalmente dos peixes Anableps, que tamén viven na superficie da auga. As patas medias e aínda máis as traseiras están adaptadas para nadar: están moi aplanadas e beireadas de sedas que se dobran para axudar á acción da natación. Ao contrario, as patas dianteiras son longas e adaptadas a agarrar a comida ou presas. Nos machos os tarsos anteriores teñen ventosas, que se utilizan para suxeitar a escorregadiza femia durante o apareamento.[1]

Adaptacións morfolóxicas e de comportamento

Os Gyrinidae son preferentemente nadadores de superficie. Realizan xiros sorprendentes e rápidos para nadar e para o seu comportamento gregario. A maioría das especies tamén poden voar ben, incluso levantan o voo desde a auga se é necesario. A combinación das dúas cousas constitúe unha estratexia de supervivencia que lles axuda a evitar a predación e aproveitar as oportunidades de apareamento. En xeral os adultos ocupan áreas nas que a auga flúe constantemente pero non moi rápido, como en pequenos rápidos e estreitamentos en regatos lentos. Tales lugares proporcionan unha boa subministración de detritos flotantes e insectos ou outros pequenos animais que caeron na corrente e loitan por salvarse.

As posicións que ocupan os individuos nun grupo están determinadas por diversos factores, que se cre inclúen a fame, o sexo, a especie, a temperatura da auga, a idade, o nivel de parasitos e de estrés. Están realizándose investigacións sobre o seu comportamento enfocadas a estudar a importancia da defensa química en relación coa súa posición no grupo. Ditos estudos interesan en nanotecnoloxía porque o movemento dos escaravellos se espera que sirva para saber como deberían coordinar os seus movementos grupos de robots.

En particular, os escaravellos teñen solucións de compromiso de comportamento que afectan as súas preferencias de posición dentro do grupo. Por exemplo, os escaravellos relativamente famentos sitúanse no exterior do grupo, onde hai menos competición para buscar comida pero maior risco de encontrarse con predadores. Os machos é máís probable encontralos no exterior dos grupos (aínda que o agrupamento non é relevante para o comportamento de apareamento nesta familia). O aforro de enerxía que poden facer os escaravellos por axustar axeitadamente as súas posicións dentro do grupo é importante cando os individuos nadan contra a corrente dun regato. Ao nadaren detrás doutros escaravellos poden aproveitar as pequenas correntes de arrastre cara a adiante creadas polo movemento dos outros. A determinación de situarse adiante ou atrás nun grupo vese afectada dunha maneira complexa por unha combinaciónn de factores como a velocidade da auga, sexo e tipo de predador (ave ou peixe) que o escaravello observou máis recentemente.

Os escaravellos adultos transportan unha burbulla de aire atrapada baixo os seus élitros. Isto permítelles mergullarse e nadar en auga ben oxixenada durante períodos indefinidos se for necesario. O mecanismo é sofisticado e equivale ao que se chama unha branquia física. Porén, na práctica, as súas adaptacións ecolóxicas están dirixidas a que os adultos busquen prea e cacen na superficie da auga, polo que raramente permanecen moito tempo baixo a auga. As larvas teñen pares de branquias traqueais plumosas en cada un dos primeiros oitos segmentos abdominais.

Xeralmente os xirínidos poñen os ovos baixo a auga, adheridos a plantas acuáticas, normalmente en ringleiras. As larvas, igual que os adultos, son predadores activos, maiormente habitantes bentónicos dos leitos dos ríos e sobre plantas acuáticas. Teñen longas patas torácicas con pares de garras. As súas mandíbulas son curvadas, bicudas, e perforadas cunha canle succionadora. Nisto lembran as larvas de moitos outros escaravellos acuáticos predadores, como os Dytiscidae. As larvas pupan nun casulo que tamén está adherido a plantas acuáticas.

Thumb
Larva e adulto
Thumb
Cabeza dun xirino, aspecto lateral mostrando a situación das antenas e o ollo composto dividido
Thumb
Pata traseira de Gyrinus
Thumb
Antenas de Gyrinus

Notas

Véxase tamén

Wikiwand in your browser!

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.

Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.

Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.