cepa de virus H1N1 de gripe From Wikipedia, the free encyclopedia
A gripe A (H1N1) é unha infección por unha nova cepa de virus H1N1 de gripe que se comezou a detectar en marzo de 2009 nos Estados Unidos, pero que tivo as súas primeiras pegadas severas en abril dese ano en México, e xerou unha pandemia. A cepa de virus da gripe A (H1N1) deriva parcialmente de catro subtipos de virus, un de gripe humana, outro de gripe aviaria e dous de gripe porcina[1] e transmítese directamente entre humanos.
A gripe é unha enfermidade vírica que causa entre 250.000 e 500.000 mortes cada ano, fundamentalmente entre a xente máis anciá, persoas con enfermidades crónicas e cativos. A gripe está causada por distintos subtipos de virus que mutan con facilidade. No caso concreto da gripe A (H1N1) non está clara a súa orixe. Unha teoría apunta a que cepas euroasiáticas de gripe aviaria viaxaran transportadas por aves migratorias ou por persoas ata Norteamérica e que alí se combinaron con cepas de gripe porcina en granxas. De aí saltarían posteriormente aos traballadores das granxas[2]. As autoridades sanitarias mexicanas estableceron[3] que o inicial vector propagador da enfermidade foron as moscas das pozas próximas ás granxas de porcos Carroll, en Perote (Veracruz), que pertencen a unha filial da compañía estadounidense Smithfield Foods[4].
O 28 e o 30 de marzo de 2009 dous nenos de 10 e 9 anos que vivían en San Diego e en Imperial (ambos os dous condados de California), caeron enfermos[5] de algo primeiramente identificado como gripe porcina, se ben non tiveran contacto con porcos. Esa nova cepa foi axiña confirmada no veciño México, con distintos casos de sintomatoloxía semellante á gripe porcina. O primeiro falecemento relacionado coa gripe H1N1 do que se ten constancia tivo lugar no estado de Oaxaca o 13 de abril de 2009[6].
Entre marzo e abril de 2009 foron detectados uns mil casos de posíbel gripe H1N1 nos Estados Unidos e en México, e foi particularmente letal neste segundo país, onde causou posiblemente 103 mortes, se ben só se confirmou que fosen causadas por este virus 20. A OMS advertiu nese mes de abril o risco de que a gripe H1N1 se convertese nunha pandemia. A finais do mes había xa unha cincuentena de posibles casos en Europa, Suramérica, Oriente Medio e Oceanía. Os primeiros países en sufrir casos comprobados foron México, Estados Unidos e o Canadá, e o primeiro país cun caso confirmado fóra de Norteamérica foi España. Tamén foi España o primeiro país en Europa onde se rexistrou un caso confirmado que non fose contaxiado directamente en México (o 29 de abril)[7].
Finalmente, en agosto de 2010, a OMS declarou o fin da pandemia, quedando naquela data casos unicamente en Nova Zelandia e a India. Nos 16 meses que durou a epidemia de gripe A producíronse 18.449 mortes confirmadas en 214 países .
A rápida aparición desta enfermidade na vida pública levou a que coexistisen diversas denominacións para ela, máis ou menos inexactas: gripe porcina, gripe norteamericana, gripe americana, gripe H1N1, gripe humana de orixe porcina, gripe de orixe porcina,[8] nova gripe[8], gripe A(H1N1), nova gripe A(H1N1)[9] etc.
As autoridades estadounidenses identificaron que o virus da gripe A (H1N1) fora producido por unha infrecuente mestura de catro secuencias xenéticas: gripe humana, gripe porcina norteamericana, gripe porcina euroasiática e gripe aviaria norteamericana[10]. Esta mestura houbo de producirse nos porcos, dado que xa se demostrara previamente a facilidade coa que se producían estas mesturas de virus nestes animais[11]. A causa desta remestura sería posiblemente a superinfección dun humano. O virus da gripe remestúrase con facilidade porque o seu xenoma está repartido en oito pezas.
O GISAID, Global Initiative on Sharing Avian Influenza Data, publicou rapidamente as secuencias do xenoma do virus detectado nos casos estadounidenses[12]. As primeiras análises xenéticas detectaron que o xene da hemaglutinina (HA) era semellante ao da gripe porcina presente nos Estados Unidos dende 1999, pero que a neuraminidase (NA) e a matriz proteínica semella a de poboacións illadas de gripe porcina europea. Os xenomas identificados polo GISAID sinalan a presenza de gripe porcina, aviaria e humana na confección do novo virus, e moi probabelmente cepas distintas deses virus procedentes de diferentes áreas xeográficas[13].
Ao mesmo tempo, parecen existir diferenzas de comportamento do virus entre os casos rexistrados nos Estados Unidos e os rexistrados en México: mentres que no país anglosaxón non se produciron vítimas mortais e a gripe ten unha virulencia media, en México producíronse numerosos falecementos e a virulencia sería moi forte, ata sete veces a dunha gripe estacional normal.
Aínda que distintos países do mundo poden identificar o virus de forma negativa, por contraste con outras cepas, só hai dous centros no planeta que poden confirmar o virus cun procedemento de análise positiva: son o National Microbiology Laboratory de Winnipeg (Canadá) e mais o Center for Disease Control and Prevention (CDC) de Atlanta (Estados Unidos)
A vacina estacional de gripe humana (H1N1) non debería servir para a inmunización fronte á gripe H1N1[14]. O virus é resistente á amantadine e rimantadine, pero pódese combater con oseltamivir e zanamivir[15].
Mentres que a gripe humana tradicional ten unha mortalidade do 1 % (falece o 1 % das persoas enfermas infectadas polo virus), a taxa de mortalidade desta enfermidade en México estaría en torno ao 6,5 %. Como referencia, a gripe española de 1918, que matou 50 millóns de persoas en todo o mundo, tiña unha taxa de mortalidade do 2 %.
A gripe A (H1N1) tivo probablemente a súa orixe en México e este país tamén foi o máis afectado nos primeiros días. Ao cabo de quince días dende a primeira morte rexistrada (o 13 de abril), en México xa se superaran as 2.500 persoas probabelmente afectadas, e o país rexistraba o 75% dos posíbeis casos e a práctica totalidade dos falecementos: o 29 de abril foran confirmados 7 falecementos por esta causa e supúñase a causa de 152 falecementos máis. O epicentro da enfermidade é a costa atlántica do centro do país, Tamaulipas e Veracruz, e mais os estados lindeiros: Aguascalientes, San Luis Potosí, Zacatecas, Hidalgo, Oaxaca, Estado de México, Cidade de México e Morelos.
Norteamérica concentrou a maior parte de casos sospeitosos, un 84%, a maior parte deles en México. Porén, foi nos Estados Unidos e no Canadá onde a maior calidade dos sistemas de detección puido confirmar as sospeitas de virus en máis ocasións, e onde se rexistraron o maior número de casos probados: 55% do total mundial, contra o 25% de México. Ademais, en Texas produciuse o primeiro falecemento confirmado fóra de México, dun bebé de 22 meses, se ben vivía en México e cruzárono pola fronteira para ser curado. Nesas dúas primeiras semanas a maior parte dos casos se concentraban no estado de Nova York, que agrupaba a metade dos casos confirmados e a quinta parte dos casos posíbeis.
O 27 de abril de 2009 as autoridades sanitarias españolas confirmaron[16] o primeiro caso nese país, o dun mozo que estivera de viaxe en México. Tamén en España se rexistrou o 29 de abril o primeiro caso de transmisión indirecta fóra de Norteamérica, é dicir, sen que a persoa afectada viaxase a México[7].
Ademais, confirmaron a existencia de casos probados o Reino Unido, Alemaña, Austria, Suíza, Irlanda, Dinamarca, Italia, Francia e os Países Baixos.
O primeiro caso de gripe A (H1N1) en Galicia foi rexistrado o 29 de abril de 2009 en Ourense,[17] se ben non se confirmou ata varios días máis tarde[18]. A paciente era unha moza que viñera de México.
Con anterioridade e posterioridade rexistráronse casos de sintomatoloxía semellante, que durante un tempo foron considerados como casos posibles. O primeiro detectouse en Mos[19] o 27 de abril de 2009, nun paciente masculino de mediana idade[20], que regresara uns días antes de México. O mesmo día confirmárase o primeiro caso de gripe mexicana en España, en Almansa (Albacete), pero non estaban relacionados. O 1 de maio apareceu outro novo caso sospeitoso na Coruña,[21] tamén dunha persoa procedente do país norteamericano. Días despois confirmouse que os casos de Mos e da Coruña non gardaban relación coa gripe mexicana[22].
Un dos países con máis casos durante as primeiras semanas foi Nova Zelandia, que foi o primeiro país fóra de Norteamérica tanto polo número de casos probados como polo número de casos posíbeis, e o primeiro estado do hemisferio sur en rexistrar a enfermidade.
Nos países asiáticos o virus tivo pouca presenza nas semanas iniciais, e moi poucos países informaran da existencia de posíbeis casos. Israel foi o primeiro país en confirmar un caso, séguelle Corea do Sur, e ata o 1 de maio non se confirmou o primeiro caso na China (en Hong Kong).
Nas primeiras semanas non houbo casos confirmados da enfermidade en África, e apenas sospeitas en Suráfrica.
A fronteira sur de México foi máis resistente ao paso dos virus nas primeiras semanas. Os únicos países da área que confirmaran casos neses primeiros días foron Costa Rica e o Perú, se ben o caso peruano foi rexeitado posteriormente, e sempre como consecuencia de viaxes a México.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.