Remove ads
composto químico From Wikipedia, the free encyclopedia
O gliceraldehido 3-fosfato [1][2][3], tamén chamado gliceraldehido-3-fosfato ou 3-fosfogliceraldehido (G3P, GAP, PGAL) é un composto fosfatado de tres carbonos coa fórmula C3H7O6P moi importante no metabolismo. É un éster fosfórico do azucre de 3 carbonos gliceraldehido, que, xunto coa dihidroxiacetona fosfato, forma parte do grupo das triosas fosfato. Intervén na glicólise, gliconeoxénese e no ciclo de Calvin da fotosíntese entre outras rutas metabólicas, onde actúa o estereoisómero D.
Gliceraldehido 3-fosfato | |
---|---|
2-hidroxi-3-oxopropil dihidroxeni fosfato | |
Identificadores | |
Número CAS | 591-59-3 |
PubChem | 729 |
ChemSpider | 709 (Racémico), 393755 (Isómero L), 388314 (Isómero D) |
KEGG | C00661 |
MeSH | Glyceraldehyde+3-Phosphate |
ChEBI | CHEBI:17138 |
Imaxes 3D Jmol | Image 1 |
| |
| |
Propiedades | |
Fórmula molecular | C3H7O6P |
Masa molecular | 170,058 |
Se non se indica outra cousa, os datos están tomados en condicións estándar de 25 °C e 100 kPa. |
Na glicólise o D-gliceraldehido 3-fosfato fórmase pola rotura encimática da frutosa 1,6-difosfato catalizada polo encima frutosa-bisfosfato aldolase. Nesta reacción, que é reversible, orixínase dihidroxiacetona fosfato e gliceraldehido 3-fosfato [4].
+ | ||||
Frutosa 1,6-difosfato | Gliceraldehido 3-fosfato | Dihidroxiacetona fosfato | ||
Frutosa-bisfosfato aldolase |
Despois, a dihidroxiacetona fosfato formada vaise isomerizar reversiblemente a gliceraldehido 3-fosfato pola acción do encima triosa fosfato isomerase. Debido a isto, fórmanse dúas moléculas de gliceraldehido 3-fosfato por cada glicosa que inicia a glicólise, as cales continúan na ruta glicolítica.
Dihidroxiacetona fosfato | Gliceraldehido 3-fosfato | |
Triosa fosfato isomerase |
Na seguinte reacción da glicólise, o gliceraldehido 3-fosfato dá lugar a 1,3-difosfoglicerato en reacción reversible catalizada pola D-gliceraldehido 3-fosfato deshidroxenase, na que se forma NADH e se consome un fosfato do medio, que proporciona o segundo fosfato do produto e orixina un enlace de alta enerxía.
+ NAD+ + Pi NADH + H+ + | ||
Gliceraldehido 3-fosfato | 1,3-difosfoglicerato | |
Gliceraldehido 3-fosfato deshidroxenase |
Na gliconeoxénese o gliceraldehido 3 fosfato realiza as tres reaccións anteriores, pero en sentido inverso, xa que son reversibles.
O gliceraldehido 3-fosfato participa tamén na fase non oxidativa da ruta da pentosa fosfato. Na reacción desta ruta, catalizada pola transcetolase, entre a ribosa 5-fosfato e a xilulosa 5-fosfato orixínase gliceraldehido 3-fosfato e sedoheptulosa 7-fosfato. Despois, o gliceraldehido 3-fosfato e a sedoheptulosa 7-fosfato formados reaccionan, en reacción catalizada pola transaldolase, para dar frutosa 6-fosfato e eritrosa 4-fosfato. Por último, a transcetolase cataliza a reacción entre a eritrosa 4-fosfato e a xilulosa 5-fosfato, que volve a orixinar gliceraldehido 3-fosfato e frutosa 6-fosfato.
No ciclo de Calvin da fase escura da fotosíntese fórmanse moléculas de gliceraldehido 3-fosfato, que formarán o conxunto de triosas fosfato que servirán para rexenerar a ribulosa 1,5-bifosfato que inicia o ciclo, e a glicosa que sae do ciclo como produto neto producido. O gliceraldehido 3-fosfato orixínase a partir do 1,3-difosfoglicerato.
+ NADPH + H+ NADP+ + Pi + | ||
1,3-difosfoglicerato | Gliceraldehido 3-fosfato |
Despois, parte das moléculas de gliceraldehido 3-fosfato isomerízanse a dihidroxiacetona fosfato e o resto reaccionan como tales nas seguintes reaccións do ciclo. Prodúcense as seguintes reaccións:
Se en 6 voltas do ciclo de Calvin se orixinan 12 moléculas de gliceraldehido 3-fosfato, os carbonos de dúas delas vanse utilizar para formar o produto final que sae do ciclo, a glicosa, que é o azucre obtido pola planta. Os carbonos das outras 10 moléculas de gliceraldehido 3 fosfato utilízanse para rexenerar a ribulosa 1,5-difosfato, que é a molécula que inicia o ciclo de Calvin, "fixando" o CO2 atmosférico.
O gliceraldehido 3-fosfato fórmase como un subproduto na vía de síntese do aminoácido esencial triptófano.
O gliceraldehido 3-fosfato participa como un reactivo na vía de biosíntese de tiamina (vitamina B1).
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.