novela clásica da literatura xaponesa From Wikipedia, the free encyclopedia
Genji Monogatari (源氏物語?) (A historia de Genji) é unha obra clásica da literatura xaponesa atribuída á nobre xaponesa Murasaki Shikibu[1] de comezos do século xi, no cumio do período Heian. Gran parte da importancia desta obra recae no feito de que é considerada por algúns a primeira novela, ou a primeira novela moderna, ou a primeira novela psicolóxica ou primeira novela considerada un clásico, punto que aínda é un asunto de debate (ver "Importancia").
Genji Monogatari (源氏物語?) | |
---|---|
Ilustración da Genji monogatari. | |
Título orixinal | Genji Monogatari |
Autor/a | Murasaki Shikibu[1] |
Orixe | Xapón |
Lingua | xaponés |
Tema(s) | Mono-no-aware |
Xénero(s) | Novela, romance |
Data de pub. | século xi |
Formato | 54 capítulos |
Páxinas | 4 200 |
[ editar datos en Wikidata ] |
O crítico Harold Bloom inclúe Genji Monogatari na súa lista das 100 obras canónicas mundiais, indicando que equivale ao que Don Quixote representa na literatura occidental. É, aínda que é considerada universalmente coma unha obra-prima, a súa clasificación precisa e influencia nos canons occidental e oriental é un asunto de debate.
Realmente a obra non ten título, polo que recibiu numerosas denominacións, das cales a máis común e aceptada Genji Monogatari (源氏物語?). Non obstante, a obra foi publicada baixo diversos títulos: conto/relato/historia Murasaki no Monogatari (紫の物語 O conto/relato/historia de Murasaki?), Hikaru Genji (光源氏?), Genji (源氏?), Gengo (源語?, palabra formada polo primeiro kanji de Genji e o segundo de monogatari), Shibun (紫文?, palabra formada polos ideogramas de Murasaki e de escrito), entre outros.
Genji Monogatari foi escrito capítulo tras capítulo, en prazos, mentres Murasaki ía repartindo o conto ás mulleres da aristocracia (as yokibito). Ten moitos elementos que se poden atopar nunha novela:
A obra non fai uso dunha trama; en cambio, como na vida real, os acontecementos van pasando e os caracteres da obra evolucionan con eles, van crecendo. Un trazo notable do Genji, e da habilidade de Murasaki, é a súa consistencia interna, malia un dramatis personae de aproximadamente catrocentos personaxes. Por exemplo, todos os personaxes envellecen co paso do tempo, e todas as relacións familiares e feudais son coherentes ao longo de todos os capítulos da obra.
Unha complicación para lectores e tradutores do Genji é que a case ningún personaxe no texto orixinal se lle dá un nome explícito. Os personaxes atribúense, en cambio, pola súa función ou papel (p. ex. Ministro da Esquerda), ou ben un nome honorífico (p. ex. A súa Excelencia), ou pola súa relación con outros personaxes (p. ex. Herdeiro Aparente), e que todo pode cambiar mentres a novela progresa. Esta falta de nomes provén dos xeitos da corte da era Heian que farían inaceptablemente familiar e fóra de sitio mencionar libremente o nome dun dos personaxes. Os lectores modernos e os tradutores teñen, en menor ou maior medida, varios alcumes utilizados para estar ao corrente dos moitos personaxes.
Genji Monogatari, na tradución feita por Arthur Waley, está escrita cunha naturalidade sorprendente, e o que nos interesa non é o exotismo - a horrible palabra - senón as paixóns humanas da novela. Este interese está xustificado: a obra de Murasaki é o que se pode chamar con precisión unha novela psicolóxica. [...] Reto a ler este libro a todos aqueles que len os meus. A tradución inglesa que inspirou esta breve e insuficiente nota chamase The Talle of Genji.Jorge Luis Borges The Total Library
Genji Monogatari é unha importante obra de ficción da literatura xaponesa, e numerosos autores modernos citárona como unha fonte de inspiración. É digno de mención pola súa consistencia interna, descrición psicolóxica e caracterización. O novelista Yasunari Kawabata dixo no seu discurso durante a entrega dos Premios Nobel: «Genji Monogatari é o punto culminante da literatura xaponesa. Aínda hoxe en día non houbo unha obra de ficción comparable a ela». [2]
Referimonos a miúdo o Genji como a "primeira novela», aínda que hai un considerable debate sobre este tema; unha parte do debate é se Genji pode ser considerada unha novela. Algúns consideran que a introspección psicolóxica, a complexidade e a unidade deste traballo cualifícana para obter o status de «novela», mentres descualifican algúns traballos previos da prosa de ficción.[3] Outros ven estes argumentos como subxectivos e pouco convincentes. Declaracións relacionadas, talvez nun intento de esquivar este debate, están encaradas a que Genji Monogatari é a «primeira novela psicolóxica", a primeira novela para ser considerada un clásico ou outros termos máis cualificados . Afirmar que é a primeira novela do mundo inevitablemente nega as reclamacións de "Dafnis e Cloe" e "Aethiopica" en grego, que Longo e Heliodoro de Émesa respectivamente escribiron, ambos ao redor do século III, e en latín, o "Satiricón" de Petronio no século I e "O asno de ouro" de Lucius Apuleius no século II, así como Kādambarī en sánscrito que Banabhatta escribiu no século VII. O debate tamén existe en xaponés, coa comparación entre os termos monogatari - conto - e shōsetsu - novela.[4]
A novela e outros traballos de Murasaki Shikibu son estándares básicos no currículo das escolas xaponesas. O Banco do Xapón editou billetes de 2.000 iens no seu honor, mostrando unha escena da novela baseada no rolo ilustrado do século duodécimo.
O debate sobre que parte do Genji foi realmente escrita por Murasaki Shikibu estivo vixente durante centurias e seguramente, nunca finalizará a menos que se realice un gran descubrimento histórico. Está aceptado de forma xeral que o conto finalizou, na forma que o podemos ver actualmente, o ano 1021, cando a autora de Sarashina Nikki escribiu unha coñecida entrada no seu diario sobre a ledicia que lle producía o feito de adquirir unha copia completa do conto. Ela escribiu que eran aproximadamente cincuenta capítulos e menciona un personaxe introducido cara ao final do traballo; xa que logo, se outros autores separadamente de Murasaki Shikibu traballaron no conto, o traballo foi realizado nunha data moi próxima ao momento en que se escribiu a entrada do diario. O mesmo diario de Murasaki Shikibu inclúe referencias á obra en cuestión, e de feito, destaca a aplicación en si mesma do nome de Murasaki aludindo ao personaxe feminino principal da obra. Esta entrada do diario confirma que unha parte, se non toda a obra, estaba dispoñible no 1008 cando evidencias internas suxiren de forma convincente que a entrada foi escrita.[5]
Akiko Yosano, a primeira autora en realizar unha tradución moderna do Genji, cría que Murasaki Shikibu só escribira os capítulos que van desde o principio ata o trixésimo terceiro, e que os capítulos do trinta e cinco ao cincuenta e catro foron escritos pola súa filla Daini. A presenza dun dos poucos erros de continuidade no capítulo corenta e catro tamén fixo dubidar sobre a autoría destes últimos capítulos.
De acordo coa introdución de Royall Tyler no seu traballo de tradución ao inglés, análises informáticas recentes fixeron aumentar de forma «estatisticamente significante» as discrepancias de estilo entre os capítulos 45-54 e o resto , e tamén entre os primeiros capítulos.[6] Pero esta discrepancia tamén se pode explicar por un cambio na actitude do autor a medida que ía crecendo e pensouse a miúdo que os capítulos iniciais foron editados coa forma actual un tempo despois do que realmente se escribiron.
Un dos argumentos máis frecuentes que se usan en contra a hipótese da múltiple autoría é que o Genji é unha obra de tal xenialidade que o feito de que alguén coa mesma ou superior xenialidade que Murasaki é inverosímil que continuase a obra.
Genji monogatari é unha extensísima narración que refire a vida e aventuras amorosas do ficticio príncipe Hikaru Genji ("príncipe Brillante") e dos seus descendentes ao longo de 54 capítulos que ocupan un total de 4 200 páxinas. Os primeiros 41 capítulos comezan cos amores entre o emperador Kiritsubo e unha dama de rango inferior na súa corte, dos que nace o protagonista, Genji. Este mantén unha ilícita aventura coa súa madrasta, a dama Fujitsubo, que conclúe ao morrer Murasaki, a muller que máis significou na súa vida. Á par desenvólvese a historia do ascenso social de Genji na corte e a súa caída en desgraza, seguida do seu exilio e retorno. Os 13 capítulos restantes (3 capítulos transitorios e os denominados 10 capítulos Uji) contan a historia dos descendentes de Genji: o seu fillo Kaoru e mais o seu neto, o príncipe Niou. Os amores e rivalidades destes personaxes continuarán as peripecias de Genji sen conseguir a brillantez anterior[Cómpre referencia]. Porén, este relato está trufado de todo tipo narracións episódicas que converten a obra nun vasto fresco da sociedade da época.
Da novela extráese unha melancolía existencial motivada polo contraste entre o refinamento aristocrático e as fermosuras da natureza cos sufrimentos e miserias orixinadas e impostas aos sentimentos dos personaxes femininos, vítimas dunha sociedade poligámica. O sentimento do efémero, que confire á narración a filosofía budista, acentúase no final da obra e contribúe a esa sensación melancólica. A novela esta inxerida de pequenos poemas (acostuman ser de catro versos), e a miúdo constitúen a parte máis importante dos diálogos dos personaxes, que os envían entre si por escrito ou os recitan mutuamente nos momentos máis emotivos.
Como a obra foi escrita para o entretemento da corte xaponesa do século undécimo, o traballo presenta varias dificultades para os lectores modernos. Primeiramente, e seguramente o punto máis importante, é a lingua que usa Murasaki: na corte xaponesa do período Heian a lingua contiña numerosas declinacións e unha gramática certamente complexa. Outro dos problemas que nos atopamos é que na sociedade cortesá Heian considerábase rudo e descortés o feito de nomear os nomes das persoas, e por tanto, ningún dos personaxes é nomeado ao longo da obra; en lugar diso, o narrador refírese aos homes segundo o seu rango ou o punto da vida onde se atopan, e as mulleres a miúdo refírese pola cor da súa roupa, polas palabras usadas nun encontro, ou ben polo rango dun parente masculino prominente. E todo isto resulta cunha descrición diferente para un mesmo personaxe segundo o capítulo da obra.
Outro aspecto da linguaxe usada é a importancia de utilizar poesía nas conversacións. Modificar ou reescribir un poema clásico de acordo coa situación actual era o comportamento esperado na vida da corte Heian, e a miúdo, servía para comunicar finas alusións de forma oculta. Os poemas en Genji aparecen a miúdo na forma Tanka da clásica poesía xaponesa Waka. Moitos dos poemas son ben coñecidos polo público, e xeralmente só ao ler as primeiras liñas xa se dá por suposto que o lector será capaz de completar o texto en por si, da mesma forma que hoxe en día se se di «se vas a Roma ... » e deixar de forma tácita o resto da frase (« ... fai como os romanos »).
Como a maioría da literatura Heian, o Genji probablemente foi escrito na gran maioría (ou mesmo na súa totalidade) en kana (a escritura fonética xaponesa) e non cos caracteres chineses, porque foi escrito por unha muller e destinado a un público feminino, limitándose principalmente a palabras puras do xaponés.
Deixando de lado o vocabulario referente á política e ao budismo, o Genji contén moi poucas palabras prestadas do chinés. Isto ten o efecto de dar á historia, mesmo de forma moi clara, moita fluidez. Con todo, tamén leva á confusión: hai unha serie de palabras do vocabulario en «puro» xaponés, que teñen moitos significados diferentes e, para os lectores modernos, o contexto non sempre é suficiente para determinar o sentido que se pretendía.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.