período de tempo entre a chegada dos primeiros homínidos até aproximadamente a romanización From Wikipedia, the free encyclopedia
A prehistoria de Galicia abrangue a prehistoria da historia de Galicia.
Atención: Este artigo ou apartado precisa dun traballo de revisión.
Cando os problemas se resolvan, retire esta mensaxe, pero non quite esta mensaxe ata que estea todo solucionado. De ser posible, sería mellor substituír este marcador por outro máis específico. (Desde abril de 2018) |
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde abril de 2018.) |
A introdución deste artigo precisa dunha ampliación, redución, carece de contexto ou non fornece un resumo axeitado do artigo segundo indica o libro de estilo da Galipedia. Pode axudar a mellorar este artigo e outros en condicións semellantes. |
Prehistoria de Galicia | |
Dolmen de Axeitos. | |
Historia | Historia de Galicia |
Cronoloxía | Cronoloxía de Galicia |
Categoría | Historia de Galicia |
Prehistoria | |
Prehistoria de Galicia Megalitismo en Galicia Idade de Bronce en Galicia Idade do bronce atlántico Idade de Ferro en Galicia Cultura castrexa | |
Idade Antiga | |
Historia antiga de Galicia | |
Idade Media | |
Historia medieval de Galicia | |
Idade Moderna | |
Historia moderna de Galicia | |
Idade Contemporánea | |
Historia contemporánea de Galicia | |
Relacionados | |
Historia | Prehistoria da Península Ibérica |
O período de tempo transcorrido entre a chegada dos primeiros homínidos até a romanización, en que se comezaría a difundira a escritura.[1][2] Os primeiros asentamentos humanos en Galicia evidencian unha antigüidade máxima de 300.000 anos, mentres que o proceso de romanización non se consolidará até o cambio de era.
Os nosos coñecementos da Prehistoria galega están suxeitos ao ritmo dos constantes achados de novos restos, así como das análises que achegan novas conclusións aos antigos achados. As innovacións tecnolóxicas aplicables ás pescudas dos xacementos arqueolóxicos[3] levaron dende as primeiras décadas so século XXI á revisión dos principais achados do século anterior así como á apertura de novas exploracións.[4][5]
No seu inicio, a finais do XIX, a abundancia de restos fixo que a historiografía galega prestase moita atención ao megalitismo ou ao período dos castros. Até os anos sesenta do século XX, cando se sistematizan as escavacións nas Gándaras de Budiño, apenas se dispuña de restos materiais do Paleolítico. Desde entón, e sobre todo desde finais do XX, o traballo multidisciplinar, a implicación e colaboración de institucións e equipos científicos especializados neste eido puxo en cuestión as teses vixentes sobre o poboamento de Galicia así como as datacións de pezas e xacementos acreditadas en base a métodos non fiables actualmente[6].
Neste proceso, as datas máis recuadas e mellor documentadas[7]até de agora, atópanse no xacemento de Porto Maior (As Neves), que remontan a presenza humana en terras da actual Galicia á segunda metade do Plistoceno Medio,[8] cunha antigüidade máxima de 300.000 anos e unha mínima de 200.000.[9] Esta primeira etapa está caracterizada polas testemuñas de industrias típicas da cultura acheulense cuxa maior concentración de xacementos atópase ao longo da bacía Sil-Miño e afluentes.[10] [11] Esta cultura lítica espallouse nas mesmas datas noutras grandes concas fluviais da Península Ibérica: Guadalquivir, Guadiana, Texo e Douro.[12]
Estes achados xunto con outras investigacións desenvolvidas no século XXI matizaron a tese[13]dunha suposta humanización serodia e con atraso teconolóxico da prehistoria galega co respecto á do resto de Europa e mesmo da Península Ibérica.[14][15]Ao mesmo tempo confirmaron o poboamento intensivo do territorio da actual Galicia, que terá o seu pulo maior trala aparición da culturas megalítica e sobre todo a castrexa.[13]
As primeiras probas líticas de presenza humana en Galiza remóntanse a uns 300.000 anos, no Paleolítico inferior, durante o Plistoceno Medio e corresponden á cultura achelense.[14][9]A maioría dos xacementos con testemuñas deste período están asociados directa ou indirectamente coa bacía do Miño-Sil, agás o caso do xacemento de Vilaselán (Lugo), máis vinculado co poboamento da rasa cantábrica.[11][16] Estes restos son instrumentos líticos de grandes lascas onde predominan os bifaces como fendedores e triedros feitos sobre unha base de cuarzo ou cuarcita. Para tallar percutíase directamente cun percusor duro sobre outro canto e das lascas que se desprendían obtíñase unha aresta cortante[10]. As últimas pescudas sinalan a utilización de cuarcitas e cuarzos como principais materias primas para as tallas destas primeiras industrias atopadas nos xacementos na conca do río Miño. Delas, a cuarcita é a rocha maioritaria dentro dos achados coñecidos. Salienta a súa presenza no xacemento de Porto Maior (As Neves) onde alcanza o 90% das industrias. Tamén está presente nos xacementos do Cabrón (Arbo) e Gándaras de Budiño, coa particularidade que nestes últimos a cuarcita é allea á xeoloxía dos achados, polo que os antigos habitantes tiveron que forzosamente transportala doutros sitios, no caso de Gándaras de Budiño dende varios quilómetros de distancia.[5]
A falla de restos óseos así como de fauna nos achados do Plistoceno medio en Galicia, impiden acreditar o tipo de homínido que construíu estas primeiras ferramentas.[17] Porén os avances como a recente secuencia sedimentaria cuaternaria desenvolvida na conca baixa do río Miño permitirán a futuro reconstruír aspectos paleobiolóxicos ou xeolóxicos, así como un rexistro máis completo do primeiro poboamento humano de todo o noroeste ibérico.[10]
Deste período son os asentamentos da Piteira (Toén), A Chaira (San Cibrao de Las), Pazos (San Cibrao das Viñas), Chan do Cereixo (A Portavedra, Gondomar), Arbo[18] e as Gándaras de Budiño (Porriño) e Camposancos (A Guarda).
Vivían en hordas, é dicir, grupos de cazadores-recolectores que practicaban o nomadismo. Alimentábanse dos froitos que recollían e da caza (bóvidos, cápridos, équidos e cérvidos), que practicaban en tribos. Tamén botaban man da pesca e da recollida de marisco, cando vivían en zonas nas que podían facelo.
No Paleolítico medio a industria característica é a musteriense, non homoxénea, elaborada polo home de Neandertal, do que se documenta a súa presenza no noroeste peninsular grazas ó achado de restos na Cova Eirós, en Triacastela, con materia orgánica e ferramentas do Paleolítico medio[19]). A este período corresponden parte dos asentamentos das Gándaras de Budiño e do Campo da Mama (A Veiga).
Hai máis datos do Paleolítico superior (30.000 e 8.000 a.C.). Desta época consérvanse instrumentos tanto de pedra como de óso, realizándose neste material puñais, arpóns, agullas etc. En Galiza houbo abundantes abrigos baixo rocha, nos que se atoparon unha industria Aziliense a base de sílex, cristal de rocha, pórfiros cuarcíticos, cuarzos e cuarcitas. As ferramentas máis características son os burís, as tesoiras de dorso rebaixado e as raspadeiras.
Os asentamentos máis importantes deste período son os de Pena Grande (Vilalba), Prado do Inferno I (Muras), Pena Grande de Férvedes (Lousada, Xermade) e as covas de Valdavara (Becerreá) e Cova de Eirós.[20] Deste período son os restos humanos humanos máis antigos que se conservan dos achados en Galiza[21] -no Courel-, así como os primeiros ósos de uro (o antigo boi salvaxe europeo, Bos taurus primigenius, antecesor da vaca doméstica) que se descobren en Galiza. A datación por carbono 14 estimou para os seres humanos unha antigüidade entre 10 000 e 8 000 anos, e para os uros cifrouse nuns 8 000 anos.
Unha das novidades máis relevantes do período é a aparición dos primeiros obxectos artísticos. Trátase de exemplos de arte moble, no que destacan os colgantes, realizados con dentes de animais ou cunchas de moluscos. Así mesmo, no ano 2012 atopáronse os primeiros exemplos de pinturas rupestres en territorio galego. Nunha das salas da Cova de Eirós atopáronse gravados e pinturas en negro que representan cuadrúpedes, como uros e cabalos.
O Mesolítico, que tamén é chamado Epipaleolítico, sitúase aproximadamente entre o 8000 a.C. e o 5000 a.C. Prodúcense importantes cambios no clima, que se fixo máis cálido e húmido, recúan os glaciais e desaparecen a meirande parte dos animais de caza maior, coma o bisonte. Aparecen bosques, sobe o nivel do mar e mudan flora e fauna.
Como o bisonte era o animal que lles proporcionara maiores usos[Cómpre referencia] (para alimento, confeccionar pezas de pel etc.), tiveron que mudar os seus métodos e perfeccionar a caza, facer máis variada a recolección de froitos e verduras, e incrementar a pesca e o marisqueo. Prodúcense tamén os primeiros ensaios da agricultura e da gandería.
Atopáronse asentamentos adxudicados a esta etapa na zona limítrofe entre as provincias da Coruña e Lugo. No val de Arnela existen lugares que proporcionaron burís, perforadores e raspadoiros. Desta época hai arte moble, probabelmente relacionada coa concepción relixiosa que tiñan os habitantes daquela época da nosa terra.
Desenvólvese entre o 5000 e o 3000 a.C. o período denominado Neolítico, caracterizado principalmente polo nacemento da agricultura e a domesticación de animais, ademais da cerámica. Ao cultivar os alimentos e criar animais, houbo máis posibilidades de se alimentar, co que aumentou a poboación.
O clima fíxose aínda máis cálido e húmido, o que favoreceu o crecemento da vexetación. Os habitantes da Galiza desta época ocuparon zonas altas, por ter unha vexetación menos frondosa, e ser a terra menos dura para traballala. A vexetación predominante estaba composta de carballeiras, sobreiras, ulmos, freixos, abeleiras...
Desta época data o Megalitismo, é dicir, a construción de grandes monumentos de pedra. Estes monumentos atopámolos por toda Galiza, dende a beiramar ata as altas montañas orientais. Atópanse dous tipos de construcións megalíticas, os dolmens e menhires, repartidos por toda a comunidade.
Estas xentes deberon practicar unha agricultura itinerante de roza, o que fala dun seminomadismo. Tamén debía ser importante a gandería, sobre todo de ovellas, cabras e vacas, así como a caza, xa que no interior das antas se atoparon puntas de frecha, empregadas especialmente na actividade venatoria. Tamén debeu ser importante para a súa alimentación o marisqueo na beiramar.
Foron uns grandes especialistas no traballo da pedra, empregando granitos ou lousas para edificar, mentres que para os obxectos pulimentados prefiren as rochas metamórficas, e para adornos ou como materiais rituais utilizan acibeches ou blenda.
Os materiais máis abondosos desta época son de pedra, con instrumentos como puntas de frecha, machados, lascas, ciceis, coitelos, aixadas, mazas...
Tamén se puideron atopar contas de colar de cor verde, placas perforadas, prismas de seixo cristalizado e idoliños. Sábese que facían obxectos cerámicos, que presentaban unha decoración impresa con cunchas de bivalvos.
No Dolmen de Dombate ou no de Axeitos atopáronse ídolos ou representacións de antepasados, ou dos vivos que están presentes, sen estar clara aínda a súa función.
Algunhas antas apareceron cos chantos da cámara ou, nalguns casos, do corredor, cunha decoracións gravadas, sendo posíbel que algunhas estivesen pintadas. Os motivos son irregulares ou ondulados, circos concéntricos, idoliformes, cruciformes...
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
O estudo e a ensinanza deste tema é algo moi complexo, debido sobre todo á opinión persistente, tan divulgada como errónea, de que esta rexión fora a máis celtizada da Península Ibérica. Os arqueólogos, historiadores e investigadores de todas as épocas, á vista dos achados arqueolóxicos e coa axuda dos escritos de gregos e romanos, contan como puido ser e en que consistiu a chegada de certos grupos célticos a esta rexión. Son estudosos da historia que foron directamente ás poucas fontes que poden manexar, sen conformarse con traducións anteriores, moitas veces mal interpretadas e que puideron ver as numerosas pegadas deixadas polos celtas, ó longo e ancho de Galiza, como os castros.
Semella que algúns grupos do pobo celta que chegara ata o sur da Península Ibérica non atoparon acomodo nestas terras e iniciaron outra viaxe migratoria, en distintas etapas xa tardías, cara ó norte, a través de terras lusitanas. Esta situación de emigrantes celtas dende o sur, polo oeste, cara ó norte, é bastante inqueda e non chegan a estabilizarse na rexión galaica ata o século I a.C., cando xa se atopaba bastante hispanizada. É o grupo coñecido como sefes, que se move cara ao século III a.C. e que van situándose algúns entre o río Texo e o río Douro e outros, como xa se dixo, os que seguen cara Galiza.
Ao mesmo tempo que isto ocorría, producíase nas costas galaicas o desembarco de xentes nórdicas procedentes da Bretaña. A arqueoloxía acreditao así a través dos achados de punta Neixón na ría de Arousa, na provincia da Coruña.
Os celtas sefes atoparon estas terras bastante poboadas. Estrabón asegura que había unhas 50 tribos de pobos diferentes, mentres que Plinio di que eran máis de 65. O profesor (historiador, arqueólogo e escritor) Florentino López Cuevillas na súa obra La civilización céltica en Galicia (Porto y C.ía Editores, 1953), despois de expoñer un estudo exhaustivo sobre o aspecto político e xeográfico, asegura que todas estas tribos, na maior parte, non eran celtas. A relación de tribos pre-célticas que se pode dar é bastante extensa:
Este é fondo da poboación precéltica, que é a mesma que a normanda, inglesa e irlandesa. Destes poboadores proceden as semellanzas étnicas entre estes pobos e non da chegada dos celtas. As analoxías entre galegos e irlandeses actuais non veñen dun parentesco céltico, senón dunha comunidade étnica anterior que se remonta a 2.000 anos atrás.
As tribos celtas dos sefes acabados de chegar superpuxéronse a estoutras máis antigas e adaptáronse bastante ben, crese que polo seu carácter afín indoeuropeo. Foron os celtas os que se acomodaron e a súa influencia foi, na maioría dos casos, tardía e esporádica, segundo se pode saber pola confirmación do estudo da arquitectura e a metalurxia. A dita poboación autóctona máis antiga conservou a súa destacada personalidade lingüística e cultural e tamén soubo intercambiar aspectos culturais coa civilización céltica. Houbo un verdadeiro troco de costumes e de coñecementos.
Sábese que en Galiza houbo asentamentos de poboación dende épocas prehistóricas que se remontan 300.000 anos no pasado.
Os gregos (así o constata Estrabón, c. 63 a.C. - c. 24 d.C.) coñecían os habitantes deste extremo peninsular co nome de Kallaikoi. Os romanos integraron no seu imperio este territorio serodiamente, xa a finais do século I a.C e máis tarde aínda, co emperador Diocleciano, no século III, designouse como provincia romana co nome de Gallaecia, seguindo o topónimo antigo. Non hai que confundir os pobos kallaikoi cos galos da latina Gallia. Son asentamentos completamente distintos.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.