Friedrich von Schlegel

From Wikipedia, the free encyclopedia

Friedrich von Schlegel

Karl Wilhelm Friedrich von Schlegel, nado en Hannover o 10 de marzo de 1772 e finado en Dresde o 12 de xaneiro de 1829, foi un lingüista, crítico literario, filósofo, hispanista e poeta alemán, un dos fundadores do Romanticismo, irmán do tamén filólogo August Wilhelm von Schlegel.

Véxase tamén: Hans Schlegel.
Datos rápidos Nome orixinal, Biografía ...
Friedrich von Schlegel
Thumb
Nome orixinal(de) Friedrich Schlegel
Biografía
NacementoKarl Wilhelm Friedrich von Schlegel
10 de marzo de 1772
Hannover, Alemaña
Morte12 de xaneiro de 1829 (56 anos)
Dresden, Alemaña
Causa da morteictus
Lugar de sepulturaAntigo Cemitério Católico de Dresden (pt)
RelixiónIgrexa católica
EducaciónUniversidade de Gotinga
Actividade
Lugar de traballo Colonia
Ocupaciónfilósofo, editor literario, poeta, historiador, teórico literario, teórico da arte, profesor universitario, novelista, crítico literario, tradutor, escritor, historiador da arte
EmpregadorUniversidade Técnica de Dresden (pt)
Universidade de Jena
Universidade de Colonia
Xénero artísticoEnsaio
MovementoRomanticismo, Romantismo na Alemanha (pt) e literatura do Romanticismo
Compañeiro profesionalAugust Wilhelm von Schlegel: Schlegel brothers (en)
Dorothea von Schlegel (1799–)
Helmina von Chézy (pt) (1801–)
Helmina von Chézy (pt) (1803–)
Familia
CónxuxeDorothea von Schlegel (1804–)
Dorothea von Schlegel (1799–)
PaiJohann Adolf Schlegel
IrmánsAugust Wilhelm von Schlegel
Premios

Descrito pola fonteNordisk familjebok
Grande Enciclopedia Soviética 1969-1978, (sec:Шлегель Фридрих)
Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron
WikiTree: Schlegel-740
Pechar
Thumb
Friedrich von Schlegel.

Traxectoria

Foi o máis novo dunha familia protestante de sete irmáns. Destinado a ser banqueiro, rexeitou esa vocación e empezou en 1790 os estudos de Dereito na universidade de Gotinga, e proseguiunos en Leipzig. Neste período estableceu amizade co poeta Novalis. En Leipzig empezou a interesarse pola cultura grega. En 1794 viaxou a Dresde, onde estudou a arte e a cultura grecolatina clásica e escribiu o seu ensaio Sobre o estudo da poesía grega, que publicou como introdución a unha obra súa de máis empeño, Die Griechen und Römer («Os gregos e romanos»), 1797.

Viaxou entón a Jena, en cuxa universidade o seu irmán August Wilhelm impartía clases. Alí, influído pola filosofía de Fichte, empezou a desenvolver en Estética o que constituiría o principio teórico do Romanticismo, a ironía romántica ou dicotomía entre a obra creada e imperfecta e a idea do seu autor perfecta; a poesía encerraría pois elementos dunha filosofía, unha mitoloxía e unha relixión. Desde 1797 Schlegel colaborou no Deutschland and Der Deutsche Merkur. Co seu irmán e Ludwig Tieck fundou a revista Athenaeum, («Ateneo»), órgano do movemento romántico alemán, revista que editou entre 1798 e 1800.

Durante eses anos escribiu a novela semiautobiográfica e inacabada Lucinde (1799). En 1800 Schlegel publicou Gespräch über die Poesie, a súa obra máis ampla sobre estética romántica, onde estatuía que Dante Alighieri, Miguel de Cervantes e William Shakespeare eran as maiores figuras da literatura universal. «A historia é unha profecía ó revés», escribiu no Athenaeum. Desa época é a súa traxedia Alarcos (1802), onde sen moita fortuna tentou combinar elementos clásicos e románticos. Cando leu a historia da literatura europea lamentou perder tanto o tempo estudando o período clásico grecolatino. Compuxo entón Geschichte der alten und neuren Literatur (Viena, 1812), unha historia da literatura antiga e moderna.

Entre 1800 e 1801 Schlegel foi lector na Universidade de Jena. Estableceuse en París algúns anos coa escritora e tradutora Dorothea Veit, da que se namorou en Berlín anos antes e que era parente do crítico literario Moses Mendelssohn. En París Schlegel estudou sánscrito e fundou, en 1803, o xornal Europa. Traballou editándoo até 1805. En 1804 casou ó fin con Dorothea Veit, e volveu a Alemaña, en concreto a Colonia (1804-1807). Tras converterse ó catolicismo en 1808 viaxou a Viena, onde traballou no Ministerio de Asuntos Exteriores austríaco. Alí coñeceu ó escritor Joseph von Eichendorff. Serviu no exército austríaco entre 1809 e 1810.

Fundou e editou Deutsches Museum (1812-1813) e publicou o seu Über die Sprache und Weisheit dern Indier («Do idioma e a sabedoría dos indios») (Heidelberg, 1808) onde aplica ó indoeuropeo a metodoloxía da filoloxía comparada, na que se lle considera un pioneiro. Valéndose das observacións de Sir William Jones sobre as similitudes entre o sánscrito e outras linguas, latín, grego e persa, proclamou Schlegel que a India era o berce da civilización occidental. O paralelismo entre lingua e raza fíxolle falar da raza común dos arios que se desprazou a Europa e falaría unha Ursprache nai de tódalas linguas. Nos seus últimos anos sostivo unha grande admiración cara á obra de Goethe, en especial a súa Wilhelm Meister.

Constituíuse no portavoz ideolóxico da liberación alemá do xugo napoleónico e apoiou á Santa Alianza e a Metternich. Desde 1815 a 1818 serviu como secretario da legación austríaca na Confederación Xermánica, en Frankfurt. En Viena preparou a edición das súas obras completas (10 vols.). Entre 1820 e 1823 editou o xornal católico Concordia. Morreu en Dresde o 12 de xaneiro de 1829.

Schlegel foi desde 1798 o principal filósofo e teorizador do primeiro Romanticismo alemán (introduciu de feito o termo romantisch no contexto literario).

Véxase tamén

Ligazóns externas

Wikiwand - on

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.