Fred MacMurray
actor estadounidense From Wikipedia, the free encyclopedia
Remove ads
Frederick Martin MacMurray, nado en Kankakee (Illinois) o 30 de agosto de 1908 e finado en Santa Monica (California) o 5 de novembro de 1991, foi un actor estadounidense que participou en máis de cen filmes e series de televisión de éxito nunha carreira profesional que se estendeu desde as décadas de 1930 a 1970.
Remove ads
Traxectoria
Tras estudar música, intentou gañar a vida como saxofonista, mais tras unha xira chegou a California, onde abandonou a música para iniciar a súa carreira como actor, primeiro como figurante ata que en 1935 asinou un contrato con Paramount[1] tendo o seu primeiro papel principal en The Gilded Lyly, dirixido por Wesley Ruggles e con grandes estrelas do momento, como Claudette Colbert e Ray Milland.
No seu seguinte filme MacMurray actuou xunto a Katharine Hepburn en Alice Adams, dirixido por George Stevens. Antes de acabar o ano 1935 e a principios de 1936 interveu en dous filmes xunto a outra das grandes estrelas femininas da década, Carole Lombard, en Hands Across the Table de Mitchell Leisen e The Princess Came Across de William K. Howard.
Durante a década de 1930 continuou a participar en comedias, mais a partir de 1940 apareceu tamén en filmes doutros xéneros, como western, drama e cinema negro demostrando a súa versatilidade como actor. Na mesma década destacou noutros filmes dirixidos por Mitchell Leisen como Remember the Night con Barbara Stanwyck, The Lady Is Willing, con Marlene Dietrich, Take a Letter, Darling con Rosalind Russell, e No Time for Love, con Claudette Colbert. Tamén traballou en Too Many Husbands de Wesley Ruggles, con Jean Arthur. Porén, o filme polo que é máis lembrado é Double Indemnity, dirixido por Billy Wilder en 1943, acompañado por Barbara Stanwyck e Edward G. Robinson.[2]
Na década de 1950 a súa estrela foise apagando paseniño e apareceu en producións menores ou en papeis secundarios en filmes grandes. En 1954 actuou en O motín do Caine, de Edward Dmytryk, onde compartiu pantalla con Humphrey Bogart, Van Johnson e José Ferrer.[3] Ese mesmo ano rodou Pushover, de Richard Quine con Kim Novak, en que interpretou unha personaxe similar á de Double Indemnity que realizara once anos antes. En 1955 foi un dos protagonistas de The Far Horizons de Rudolph Maté con Charlton Heston e Donna Reed, onde se recreaba a expedición de Lewis e Clark.
En 1960 actuou en O apartamento, de Billy Wilder, en que MacMurray foi o malvado xefe que se aproveitaba da personaxe interpretada por Jack Lemmon para seducir a ascensorista interpretada por Shirley MacLaine. Nesa década protagonizou varias longametraxes para Disney: The Absent-Minded Professor, a súa secuela Son of Flubber e Follow Me, Boys!, onde interpretou un xefe de boy scouts nunha típica comedia familiar. Finalizou a súa carreira en 1978 co filme O enxame de Irwin Allen.[4]
Despois dunha longa loita contra a leucemia, faleceu aos 83 anos por unha pneumonía en Santa Monica.[5] Foi sepultado no Holy Cross Cemetery de Culver City.
Remove ads
Filmografía
Remove ads
Notas
Véxase tamén
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Remove ads