Remove ads
compositor austríaco From Wikipedia, the free encyclopedia
Franz Joseph Haydn ( pronunciación (axuda · info)), coñecido como Joseph Haydn,[nota 1] nado en Rohrau an der Leitha (actualmente en Austria e daquela pertencente ao Sacro Imperio Romano Xermánico) o 31 de marzo[nota 2] de 1732 e finado en Viena o 31 de maio de 1809, foi un compositor austríaco.[1] Considerado un dos compositores máis prolíficos do Clasicismo, é frecuentemente chamado "O Pai da Sinfonía" e "O Pai do Cuarteto de Corda" polas súas importantes achegas a estas formas. Tamén contribuíu ao desenvolvemento instrumental do trío con piano e na evolución da forma sonata.[2][3]
Viviu a meirande parte da súa vida en Austria, e desenvolveu boa parte da súa carreira como músico de corte para a rica familia Esterházy de Hungría, para os que escribiu as súas obras para barítono. Illado doutros compositores e tendencias musicais ata a parte final da súa vida, estivo, segundo dixo, "forzado a ser orixinal".[nota 3] Na época da súa morte, era un dos compositores máis célebres de Europa.[4]
Joseph Haydn era irmán de Michael Haydn, que foi considerado un bo compositor, e Johann Evangelist Haydn, que foi tenor. Mantivo unha estreita amizade con Wolfgang Amadeus Mozart (de quen mesmo se pensa que chegou a ser mentor) e foi mestre de Ludwig van Beethoven.
Joseph Haydn naceu en Rohrau (unha pequena vila próxima a Hungría) o 31 de marzo de 1732 no seo dunha familia humilde, sendo o segundo de 12 irmáns. Seu pai era Mathias Haydn, un fabricante de rodas que tamén servira como Marktrichter, un cargo similar ao de alcalde da vila. Súa nai Maria (nada Koller), traballara anteriormente como cociñeira no pazo do Conde Harrach, o aristócrata que presidía Rohrau. Ningún dos seus pais sabía ler música;[5] non obstante, Mathias era un entusiasta da música tradicional e aprendera a tocar a arpa de xeito autodidacta na época na que traballou de oficial. Segundo os últimos recordos de Haydn, a infancia coa súa familia foi extremadamente musical, e frecuentemente cantaban xuntos e cos seus veciños.[6]
Os pais de Haydn decatáronse de que seu fillo tiña talento para a música e sabían que en Rohrau non tería posibilidade de ter unha formación musical seria. Por esta razón aceptaron a proposición do seu familiar Johann Matthias Frankh, o director de escola e mestre do coro en Hainburg, para que Haydn aprendera na súa casa e se formara como músico. Polo tanto, con seis anos marchou con Frankh a Hainburg (a 12 km da súa cidade natal) e nunca máis volveu vivir cos seus pais.
A vida na casa de Frankh non foi doada para Haydn, quen despois lembraría estar frecuentemente famento[7] así como ser constantemente humillado polo noxento estado da súa roupa.[8] Non obstante, comezou os seus estudos musicais alí, e pronto foi capaz de tocar o clavicémbalo e o violín. A xente de Hainburg escoitábao cantar as partes de tiple no coro da igrexa.
Hai motivos para pensar que o canto de Haydn impresionou a quen o escoitou, xa que en 1739[9] chamou a atención de Georg von Reutter, o mestre de capela da Catedral de Santo Estevo en Viena, que estaba realizando unha viaxe polas provincias buscando novos talentos para o coro de nenos que o levara a visitar Hainburg. Haydn superou a súa audición ante Reutter, e en 1740 trasladouse a Viena, onde traballou durante os nove anos seguintes como corista. Posteriormente, en 1745, o seu irmán máis novo Michael tamén se incorporou como membro do coro.
Haydn viviu na Kapellhaus, ao carón da catedral, xunto con Reutter, a familia de Reutter, e outros nenos do coro.[10] Foi instruído en latín e outras materias escolares, así como en canto, violín e teclado.[11] Reutter foi de pouca axuda para Haydn nas áreas de teoría musical e composición, dándolle tan só dúas leccións na súa etapa como corista.[12] Non obstante, como Santo Estevo era un dos principais centros musicais de Europa, Haydn foi capaz de aprender ao servir aos músicos profesionais que se encontraban alí.[13]
Como Frankh antes que el, Reutter non sempre se aseguraba de que Haydn estivera alimentado de xeito correcto. Segundo afirmou posteriormente ao biógrafo Albert Christoph Dies, Haydn foi motivado para cantar moi ben, coa esperanza de conseguir máis invitacións para cantar ante audiencias de aristócratas, onde se adoitaban servir refrixerios para os cantantes.[14]
En 1749, Haydn madurara fisicamente ata o punto que non podía cantar máis as partes agudas das obras corais, a Emperatriz queixárase a Reutter do seu canto, chamándolle "canto".[15] Un día, Haydn levou a cabo unha broma, cortando a coleta dun compañeiro seu do coro.[15] Isto foi abondo para Reutter: Haydn foi golpeado cun pau, logo despedido e mandado á rúa sen casa a onde ir.[16] Non obstante tivo a gran sorte de atoparse cun amigo, Johann Michael Spangler, con quen compartiu un cuarto no atestado faiado da súa familia durante uns meses. Haydn inmediatamente comezou a súa carreira como músico independente.
Durante eses tempos difíciles, Haydn exerceu diversos traballos: como profesor de música, como cantante de serenatas na rúa, e eventualmente, en 1752, como servente e acompañante do compositor italiano Nicola Porpora, de quen posteriormente diría que aprendeu "os verdadeiros fundamentos da composición".[17] Tamén foi empregado do Conde Friedrich Wilhelm von Haugwitz, tocando o órgano na capela da Chancelería de Bohemia na Judenplatz.[18]
Cando era corista, Haydn non recibiu unha formación seria en teoría da música e en composición, o que el percibiu como unha gran deficiencia. Para paliala, traballou nese sentido con exercicios de contrapunto sobre o texto Gradus ad Parnassum de Johann Joseph Fux, e estudou coidadosamente a obra de Carl Philipp Emanuel Bach, a quen posteriormente recoñecería como unha importante influencia.[19]
Co aumento das súas habilidades, Haydn comezou a adquirir reputación pública, primeiro como compositor dunha ópera, Der krumme Teufel (O Demo coxo), escrita para o actor cómico Johann Joseph Felix Kurz, cuxo nome artístico era "Bernardon". A obra foi estreada con éxito en 1753, mais pronto foi retirada polos censores.[20] Haydn tamén notou, aparentemente sen molestia, que as obras que dera sen recibir remuneración algunha foran publicadas e vendidas en tendas de música locais.[21] Entre 1754 e 1756 Haydn tamén traballou como músico independente para a corte en Viena. Foi un dos músicos que foron pagados polos seus servizos como músicos de reforzo nos bailes ofrecidos aos nenos da corte imperial durante a tempada de entroido, e como cantante de reforzo na Hofkapelle (capela imperial) en Coresma e Semana Santa.[22]
Co incremento da súa reputación, Haydn obtivo eventualmente o mecenado dun aristócrata, algo crucial para a carreira dun compositor na época. A Condesa Thun,[nota 4] logo de ver unha composición de Haydn, chamouno e contratouno como o seu profesor de canto e teclado.[nota 5] En 1756, o Barón Carl Josef Fürnberg contratou a Haydn para a súa herdade no campo, Weinzierl, onde o compositor compuxo os seus primeiros cuartetos de corda. Posteriormente Fürnberg recomendoulle ao Conde Morzin, quen, en 1757,[nota 6] se converteu no seu primeiro xefe a tempo completo.[23]
Tras pasar polo servizo de varios grandes señores austríacos, en 1761 entrou na casa do príncipe Esterházy, onde realizaría a maior parte da súa carreira de compositor. Foi nestes anos (1762-1775) que por encomenda do príncipe Nikolaus escribiu 175 pezas para baritón, entre elas 126 tríos, sendo das poucas obras que hai escritas para este instrumento, que tanto el mesmo coma o príncipe tocaban. En 1790, cando era un célebre autor, o príncipe autorizouno a que puidese aceptar outros traballos, e froito disto apareceron obras coma as sinfonías de Londres ou de París.
O título que ostentou Haydn na etapa na que traballou para o Conde Morzin foi o de Kapellmeister (mestre de capela), é dicir, director musical. Dirixiu a pequena orquestra do conde e compuxo as súas primeiras sinfonías para esta agrupación. En 1760, coa seguridade do posto de Kapellmeister, Haydn casou. O nome de solteira da súa muller era Maria Anna Aloysia Apollonia Keller (1729–1800), a irmá de Therese (n. 1733), de quen Haydn estivera anteriormente namorado. Haydn e a súa dona tiveron un matrimonio completamente infeliz,[24] as leis da época non lles permitían separarse, polo que os dous tiveron amantes,[nota 7] e non tiveron fillos.
O Conde Morzin pronto tivo dificultades económicas que o obrigaron a disolver a súa compañía musical. Non obstante Haydn non tardou en recibiu unha oferta para un traballo similar (1761) polo Príncipe Paul Anton, cabeza da familia Esterházy, unha das máis ricas e influentes familias do Imperio austríaco que durante o inverno residía en Viena e que no verán se trasladaba a dous palacios da súa propiedade, un ao sur da capital e outro en Hungría. O posto de Haydn foi só de Vice-Kapellmeister, mais pronto foi posto ao cargo da meirande parte da produción musical dos Esterházy, co vello Kapellmeister, Gregor Werner, conservando a autoridade única para a música relixiosa. Cando Werner morreu en 1766, Haydn ascendeu ao posto de Kapellmeister.
Como "membro do servizo" da casa de Esterházy, Haydn vestía librea e seguiu á familia cando se trasladaban aos seus distintos palacios, sobre todo ao máis importante deles, o ancestral Schloss Esterházy en Eisenstadt, e despois en Eszterháza, un novo gran palacio construído na Hungría rural dos anos 1760. Haydn tiña moitas responsabilidades, entre as que se incluían a composición, a dirección da orquestra, interpretar música de cámara para e coa familia, e ás veces a montaxe de producións operísticas. A pesar desta gran carga de traballo,[25] este foi en termos artísticos unha moi boa oportunidade para el.[26] Os príncipes de Esterházy (Paul Anton, logo dende 1762–1790 Nikolaus I) eran amantes e coñecedores da música que apreciaban o seu traballo e deron a Haydn todo o apoio que precisaba para o seu labor, mesmo a súa propia pequena orquestra. Durante os case trinta anos que Haydn traballou na corte dos Esterházy, realizou un gran número de obras, o seu estilo musical seguiu a desenvolverse, e a súa popularidade foi medrando.
1779 foi un ano decisivo para Haydn, que renegociou o seu contrato: mentres que antes todas as súas composicións eran propiedade da familia Esterházy, agora se lle permitía escribir para outros e vender as súas obras aos editores. Haydn pronto cambiou o seu énfase na composición para reflectir isto (menos óperas, e máis cuartetos e sinfonías) e negociou con varios editores, tanto autríacos como estranxeiros. Sobre o novo contrato de traballo de Haydn, Jones escribiu:
Este documento actuou como un catalizador na seguinte etapa da carreira de Haydn, o logro da súa popularidade internacional. En 1790 Haydn estaba na paradoxal, se non estraña, posición de ser o compositor máis importante de Europa, a pesar de ser alguén que desenvolvera a súa carreira como Kapellmeister nun remoto palacio na Hungría rural.[27]
A nova campaña de publicación dou como resultado a composición dun gran número de novos cuartetos de corda (os conxuntos de seis cuartetos Op. 33, 50, 54/55, e 64). Haydn tamén compuxo obras en resposta a encargos externos: as Sinfonías de París (1785–1786) e a versión orixinal para orquestra de Die sieben letzten Worte unseres Erlösers am Kreuze (As sete últimas palabras de Cristo na Cruz, 1786), un encargo de Cádiz, España.
A lonxanía de Esterháza, que estaba máis lonxe de Viena que Eisenstadt, levou a Haydn a sentirse gradualmente máis illado e só,[28] e anhelaba visitar Viena polos amigos que tiña alí.[29] Desas amizades, unha particularmente importante foi con Maria Anna von Genzinger (1754–93), a muller do médico persoal do príncipe Nikolaus en Viena, que comezou unha estreita e platónica relación co compositor en 1789. Haydn escribiu frecuentemente á señora Genzinger, expresando a súa soidade en Eszterháza e a súa felicidade polas poucas ocasións nas que podía visitala en Viena; posteriormente, Haydn escribiulle frecuentemente dende Londres. A súa prematura morte en 1793 foi un duro golpe para Haydn, e as súas Variacións en Fa menor para piano, Hob. XVII:6, pode que foran escritas como reacción á súa morte.[30]
Outro amigo de Haydn en Viena foi Wolfgang Amadeus Mozart, a que coñecera en torno a 1784. Segundo o testemuño posterior de Michael Kelly e outros, os dous compositores tocaban xuntos cuartetos de corda ocasionalmente. Haydn estaba enormemente impresionado polas obras de Mozart e eloxiábao prodigamente ante outras persoas. Mozart evidentemente devolveulle os honores, como se ve na súa dedicatoria dun grupo de cuartetos, actualmente chamados Cuartetos "Haydn", ao seu amigo. Os dous pertenceron á mesma loxa masónica na capital austríaca.[31]
En 1790, un ano despois da Revolución francesa de 1789 que conmocionou a toda Europa, o príncipe Nikolaus morreu e foi sucedido polo seu fillo Anton. O novo patrón de Haydn resultou ser un home sen interese na música e seguindo a tendencia da época,[32] Anton buscou o xeito de economizar despedindo á meirande parte dos músicos da corte. Haydn mantivo un acordo nominal con Anton, cun salario reducido de 400 floríns, así como unha pensión de 1.000 floríns de Nikolaus.[33] Dado que Anton tiña pouca necesidade dos servizos de Haydn, permitiulle realizar viaxes a outros lugares, e o compositor aceptou unha lucrativa oferta de Johann Peter Salomon, un impresario alemán, para viaxar a Inglaterra e dirixir novas sinfonías cunha grande orquestra.
A primeira visita (1791–92), e unha nova visita ao país posterior (1794–95), foi un grande éxito. Os espectadores acudiron aos concertos de Haydn, aumentando a súa fama e reportándolle grandes ganancias e seguridade económica.[nota 8] Foi nomeado Doutor Honoris Causa pola Universidade de Oxford, e, en 1792, tamén contribuíu a salvar o honor do seu amigo, o editor musical William Napier. Charles Burney describiu a impresión que lle produciu o primeiro concerto coas seguintes palabras:
O propio Haydn dirixiu dende o pianoforte; e a visión daquel renomeado compositor enalteceu á audiencia, e provocou tal excitación, atención e pracer como ningún músico conseguira.[34]
Musicalmente, as visitas a Inglaterra xeraron algunhas das obras máis coñecidas de Haydn, que inclúen as Sinfonías de Londres (Sorpresa, Militar, Drumroll, e Londres), o cuarteto Rider, e o trío con piano Rondó Xitano. O único paso en falso durante as súas viaxes a Inglaterra foi unha ópera, L'anima del filosofo, para cuxa composición Haydn fora contratado, pero cuxa estrea foi bloqueada polas intrigas.[nota 9] Haydn fixo máis amizades en Londres e durante un tempo foi relacionado sentimentalmente con Rebecca Schroeter.
Mentres viaxaba a Londres en 1790, Haydn coñeceu a un xove Ludwig van Beethoven en Bonn. Ao regreso de Haydn, Beethoven foi a Viena e durante o tempo que pasou ata a segunda visita de Haydn a Londres, Haydn foi o seu profesor.[35] Beethoven mostrouse insatisfeito co labor de Haydn como profesor e buscou a axuda doutros; a relación entre ambos foi en ocasións tensa.[36]
Haydn regresou a Viena en 1795. O príncipe Anton morrera, e o seu sucesor Nikolaus II propuxo que se reavivara a actividade musical en Esterházy con Haydn como Kapellmeister. Haydn tomou o cargo, mais só de xeito parcial. Pasaba os veráns cos Esterházy en Eisenstadt, e co paso dos anos escribiu seis misas para eles. Mais para aquel tempo Haydn xa se convertera nunha figura pública en Viena. Pasaba moito tempo na súa casa, unha gran casa no suburbio de Windmühle,[37] e escribía obras para a súa interpretación en público. En colaboración co seu libretista e mentor Gottfried van Swieten, e co financiamento da asociación promovida por Swieten Gesellschaft der Associierten, Haydn compuxo os seus dous grandes oratorios Die Schöpfung (A creación, 1798) e Die Jahreszeiten (As estacións, 1801). Os dous oratorios foron recibidos con moito entusiasmo. Haydn apareceu frecuentemente ante o público, decotío dirixindo as interpretacións de Die Schöpfung con fins benéficos. Tamén compuxo música instrumental: o popular concerto para trompeta e os nove últimos cuartetos, incluíndo o Quinten, o Kaiser, e o Sonnenaufgang.
Durante os últimos anos deste exitoso período, Haydn estaba fronte á vellez incipiente e unha saúde flutuante, e tivo que loitar por finalizar as súas últimas obras. En torno a 1802, a súa situación empeorou ata o punto de chegar a ser fisicamente incapaz de compor.[nota 10] Isto foi sen dúbida moi difícil para el, xa que, como recoñeceu, o fluxo de ideas musicais frescas para realizar composicións non cesaron. Haydn foi ben coidado polos seus serventes, e recibiu numerosas visitas e recoñecementos públicos nos seus últimos anos, mais non foron anos felices para el. Durante a súa enfermidade, Haydn frecuentemente atopou consolo sentando ao piano e tocando Gott erhalte Franz den Kaiser, que compuxera como obra patriótica en 1797.[38] Esta melodía foi posteriormente empregada para os himnos nacionais de Austria e Alemaña.
O 27 de marzo de 1808, realizouse un concerto en honor de Haydn no que se interpretou Die Schöpfung. O compositor, moi feble daquela, foi levado á sala de concertos nunha butaca ao son de trompetas e tambores, e foi recibido por Beethoven, por Salieri (quen dirixiu o concerto), e por outros músicos e membros da aristocracia. O traslado ao que foi sometido provocou o seu esgotamento e tivo que abandonar a sala no intermedio.[39]
Haydn aínda viviu un ano máis. Morreu aos 77 anos, a finais de maio de 1809, mentres a cidade de Viena era atacada polas tropas francesas de Napoleón. Entre as súas últimas palabras houbo un intento de calmar e tranquilizar aos seus serventes cando se sentiu o disparo dun canón na veciñanza:[40] "Meus nenos, non teñades medo, onde está Haydn, non pode haber dano". Dúas semanas despois, o 15 de xuño de 1809, tivo lugar un servizo fúnebre na Schottenkirche no que se tocou o Réquiem de Mozart.
As súas obras presentan un equilibrio clásico, pero están construídas con elementos progresistas da época. É considerado coma o "pai da sinfonía", non por ser o creador senón por fixar o esquema de sonata. Sintetizou os estilos italiano, alemán e francés, e revalorizou o contrapunto, que se atopaba en decadencia por mor do auxe do melodismo da escola italiana.
| |||||||||||||||||||||
Problemas coa escoita destes ficheiros? Vexa a páxina de axuda. |
Foi o autor máis prolífico neste xénero en toda a historia da música, conservándose cento catro das súas sinfonías. As primeiras presentan unha forte influencia da sonata da chiesa. Entre 1766 e 1774 compuxo as sinfonías do seu período Sturm und Drang (tormenta e paixón), movemento literario que anticipa o Romanticismo. A partir de 1780, Esterhazy interesouse máis pola ópera bufa, e Haydn apenas compuxo música instrumental para el, polo que as sinfonías deste momento fíxoas para encargos exteriores, coma as sinfonías París. Unha vez abandonou o príncipe, destacan as doce Sinfonías de Londres (entre as que se inclúe a súa derradeira sinfonía) que avanzan o estilo das primeiras de Beethoven, discípulo seu.
Por favor, axuda na mellora deste artigo ou sección ampliando a información que achega. Se cadra, podes atopar máis información na páxina de conversa. |
Por favor, axuda na mellora deste artigo ou sección ampliando a información que achega. Se cadra, podes atopar máis información na páxina de conversa. |
Por favor, axuda na mellora deste artigo ou sección ampliando a información que achega. Se cadra, podes atopar máis información na páxina de conversa. |
Cultivou practicamente todos os xéneros, tanto relixiosos coma profanos. Dentro da música relixiosa, destacan as súas misas, os oratorios A Creación, As estacións ou As sete palabras de Cristo na Cruz. Haydn tamén compuxo para todos os xéneros dramáticos: ópera seria, ópera bufa e singspiel. Parte destas obras desapareceron no incendio dun teatro de Esterházy en 1776.
Por favor, axuda na mellora deste artigo ou sección ampliando a información que achega. Se cadra, podes atopar máis información na páxina de conversa. |
Por favor, axuda na mellora deste artigo ou sección ampliando a información que achega. Se cadra, podes atopar máis información na páxina de conversa. |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.