From Wikipedia, the free encyclopedia
O falansterio ou falanxe é a comunidade de produción, consumo e residencia teorizada polo socialista utópico francés Charles Fourier como base do seu sistema social igualitarista.[1] Eran de carácter agrícola e estaban formados por grupos de 1.620 persoas.[1] Nestas comunidades a competitividade económica estaba abolida, non había salarios nin propiedade privada.[1]
Fundábanse na idea de que cada individuo traballaría de acordo coas súas paixóns e non existiría un concepto abstracto e artificial de propiedade, privada ou común. Todos os individuos participarían da propiedade da terra e dos medios de produción.[1]
Fourier afirmaba que o progreso da humanidade sería a través de sete fases que levarían á harmonía definitiva: a confusión, o salvaxismo, o patriarcado e a barbarie eran as primeiras; o período contemporáneo á súa época era a fase da civilización, a cal se caracterizaba pola anarquía individual e era unha etapa de transición até chegar aos últimos estados, o garantismo (sexta fase) e a harmonía (sétima).[2]
Esta fase tería o obxectivo de superar a desorde das cidades da época, mais non chegaría aínda á fase ideal. A cidade garantista estaría formada por tres coroas concéntricas: a primeira contén a cidade comercial e administrativa (central), a cidade industrial ao redor da primeira (arrabaldes) e na periferia a cidade agrícola (suburbio). A densidade do construído iría decrecendo desde o centro cara a fóra. É dicir que, na primeira coroa a superficie libre será igual á ocupada, na segunda, o duplo e na terceira, o triplo.
Co Garantismo comezará o verdadeiro progreso -material, moral e amoroso- que culminará na Harmonía, co Falansterio como unidade harmónica.
A fase harmónica sería a última, na que os seres humanos erradicarían por fin as inxustizas, o sufrimento, e alcanzado, todos, a particular forma de dita á que aspiraban.
Sobor do papel da arquitectura sostiña que: "Á arquitectura foille dado un papel como axente do cambio social". Ao alcanzar a fase da Harmonía, a falanxe ou o falansterio sería o edificio pabellonario que representaría o logro da arquitectura como unidade social. Para Fourier, a vida e a propiedade deben estar completamente colectivizadas:
"Se existe unidade no sistema do universo, deberá existir tamén unha teoría da harmonía xeométrica no mundo social así como para o mundo material."[3]"
O Falansterio é o edificio colectivo mixto de produción e residencia. Estaría conformado por trescentas a catrocentas familias, unhas mil oitocentas persoas, que substituirían a familia como a institución básica da organización social. Esta sociedade iríase formando de maneira gradual, voluntaria e pacífica. Cada persoa podería decidir libremente e cando quixese se quería pertencer ou retirarse do establecemento. A Falanxe non obedecía a un patrón único, que se reproduciría de forma repetitiva, senón que variaría segundo as preferencias dos seus habitantes co obxectivo de crear un espazo estimulante, onde o traballo fose unha fonte de diversión e pracer e non un elemento opresivo. A agricultura sería o eixo principal para o traballo e o abastecemento. Os membros do Falansterio consumirían o que eles mesmos producirían. Os traballos serían de libre elección, segundo o rol que quixese desempeñar cada persoa, e rotativos, para que nunca resultasen tarefas aburridas.
O edificio estaría conformado por un espazo central destinado ás funcións públicas, como comedores, salas de estudo, biblioteca e lugares para asembleas. Unha das ás contería espazos ruidosos e grandes salas especializadas, tales como obradoiros de carpintaría e cociñas, mentres que na outra se situarían os baños e os lugares de relacións con persoas alleas. Contaría tamén cun xardín de inverno, teatro, igrexa, depósitos e cortellos. As grandes galerías facilitarían reunións e a circulación de todos os individuos. Outros sectores estarían destinados á privacidade dos departamentos. Está regulado por un minucioso código da edificación que define distancias entre as unidades habitacionais en relación coas alturas, as larguras das rúas e as formas dos tellados. A súa proposta de harmonía non permite a construción de casas pequenas, senón só casas colectivas que favorecerían a concentración dos servizos e das relacións. Cada familia viviría no seu propio apartamento, e utilizaría os restaurantes e salóns comúns. Os pisos terían dimensións distintas dependendo das necesidades e os gustos, así como diferenzas económicas entre as distintas familias.
Fourier non defende a igualdade económica total, nin tampouco se opón ao capitalismo, senón que, ao contrario, ve a posibilidade de que o capitalista que estivese disposto a investir na realización do Falansterio se convertese nun dirixente a quen se lle tentaría modificar a súa forma de pensar. Por outra banda, segundo a súa análise, a principal causa do conflito social nas cidades era a pobreza, e non a desigualdade económica-cultural. Por tanto, de se garantiren as necesidades mínimas de todos, incluíndo os menos podentes, a sociedade viviría en equilibrio, aínda habendo diferenzas de clases.[4]
Nos séculos posteriores, houbo varios intentos de pór en práctica o estilo de vida exposto polo Falansterio, en particular o caso do Familisterio en Guisa.
O Familisterio foi un experimento de vivenda social creado por Jean-Baptiste Godin, construído en Guisa entre 1859 e 1876. A súa creación estivo inspirada na proposta de Fourier, mais tomando certas liberdades arquitectónicas e sociais. O palais social de Godin confórmase por tres bloques de vivendas, cada un conta cun patio central con cuberta de vidro, sendo este o espazo colectivo que substitúe as rues intérieures do Falansterio.
Este proxecto presentaba unha proposta máis realista do cooperativismo, o que permitiu materializalo e mantelo activo até o século XXI.
Ademais, houbo outro intento de crear un falansterio en España, promovido por Joaquín Abreu en Tempul, próximo a Jerez de la Frontera (España).[5] En Europa a importancia do fourierismo declinou rapidamente, mais en Norteamérica tivo unha boa acollida e gozou de certo prestixio intelectual. A idea dunha forma de vida cooperativa resultou atractiva para moita xente nunha época de depresión económica. En pouco tempo creáronse entre 40 e 50 falansterios, aínda que só tres sobreviviron máis de dous anos. O máis exitoso foi o chamado North American, que se disolveu despois dun aparatoso incendio que acabou cos seus bens. Como no caso das comunidades owenitas, o fracaso destes falansterios, máis aló das súas dificultades intrínsecas, debeuse ao seu rápido crecemento, que atraeu en pouco tempo a gran cantidade de persoas pouco preparadas e aínda menos comprometidas.[6]
Na República Arxentina, Jean Joseph Durando[7] estabeleceu en 1857 un falansterio en terreos doados polo facendado Luis Hugues, no que se chamou Colonia Hugues, preto de Colón, provincia de Entre Ríos. Formábana 530 inmigrantes suízos, saboianos e alemáns. Durando, un personaxe con gran poder de sugestión e penetración psicolóxica que nacera no cantón de Valais, logrou unha comunidade rural con adiantos tecnolóxicos e autosuficiente.
Foi o modelo no que se inspiraron as comunidades hippys[8] e os kibbutz, que desenvolveron un modo de vida comunal que atraeu o interese da opinión pública mundial.
Segundo Friedrich Engels, un dos puntos débiles dos utopistas era desenvolver propostas detallando até o máis mínimo dos aspectos, mais sen lograr explicar como levar o proxecto á realidade. Este foi o caso de Fourier, que na súa descrición do Falansterio non deixa nada ao azar, especificando o referido á arquitectura, o mobiliario, a indumentaria, os horarios destinados a cada actividade, entre outras, mais non logra aclarar moi ben como se podería pór en práctica o modelo. É talvez ese un dos motivos polo cal non se chegou a materializar.[9]
Ademais, Engels criticou o carácter anti-urbano desta e outras utopías pola súa abstracción da realidade, porque, por unha banda, situábanse fóra da cidade e eran sistemas completamente autónomos que non se relacionaban co existente. Doutra banda, Fourier non deixaba marxe para o libre crecemento destes asentamentos, porque a única forma posíbel de desenvolverse unha vez alcanzada a fase harmónica sería só a través da repetición do organismo elemental, a Falanxe. Ademais, esta proposta non beneficiaba directamente ao proletariado como clase social nin representaba en particular os intereses desta clase, senón que se dirixía de forma moi xeral á totalidade da humanidade.
Mario Vargas Llosa cuestionou a posibilidade dunha organización tan libre, tendo en conta os fracasos de intentos, e expón a posibilidade de que, levado á práctica, a "revolución falansteriana" podería ter degenerado en anarquía ou nun sistema represor, que fose o único capaz de evitar a súa disolución.[10]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.