Friedrich Engels, nado en Barmen (Prusia) o 28 de novembro de 1820 e finado en Londres o 5 de agosto de 1895, foi un empresario, economista e pensador alemán, principal colaborador e coautor da maioría das obras de Karl Marx, xunto co que desenvolveu a teoría comunista.

Traxectoria

Engels naceu no seo dunha familia adiñeirada. A pesar disto, debeu abandonar cedo os seus estudos para dedicarse a traballar de dependente. Porén, comezou a estudar de xeito autodidacta no tempo libre que lle concedían o seu traballo e a súa familia. Ao igual que sucede con Marx, a filosofía hegeliana exerce unha grande influencia sobre el. En 1842 coñece a Marx, feito que cambiaría radicalmente a súa concepción das teorías revolucionarias e socialistas existentes até o momento. Nestes anos, tamén, retoma aos seus estudos oficiais, en concreto de economía política. A liña ideolóxica do seu pensamento resúmese en A situación da clase obreira en Inglaterra, que publica en 1844. Neste mesmo ano trasládase a París, onde se entrevista con Marx. A posta en común das súas ideas, moi próximas, lévaos a colaborar definitivamente a partir desa data. Esta amizade perduraría até a morte de Marx en 1883.

Se Marx se ocupou dos aspectos políticos, Engels inclinouse polo estudo da economía política. En colaboración con este publicou A Sagrada Familia, A ideoloxía alemá e o Manifesto do Partido Comunista, obra de gran repercusión nos séculos XIX e XX.

A familia e a opresión da muller

Marx e Engels seguiron as ideas de Fourier en La sagrada familia, onde se sosteñen que “os progresos sociais e os cambios de períodos opéranse en razón directa do progreso das mulleres cara á liberdade; e as decadencias de orde social opéranse en razón do decrecemento da liberdade das mulleres”.[1]Retomaron no Manifesto do Partido Comunista que o capitalismo tende a destruír os lazos familiares na clase obreira.

XXI. Que influencia exercerá o réxime social comunista na familia? As relacións entre os sexos terán un carácter puramente privado, pertencente só ás persoas que toman parte nelas, sen o menor motivo para a inxerencia da sociedade. Iso é posible mercé á supresión da propiedade privada e á educación dos nenos pola sociedade, co cal se destrúen as dúas bases do matrimonio actual ligadas á propiedade privada: a dependencia da muller respecto do home e a dependencia dos fillos respecto dos pais. Niso reside, precisamente, a resposta aos alaridos altamente moralistas dos burguesotes con motivo da comunidade das mulleres, que, segundo estes, queren implantar os comunistas. A comunidade das mulleres é un fenómeno que pertence enteiramente á sociedade burguesa e existe hoxe plenamente baixo a forma de prostitución. Pero, a prostitución descansa na propiedade privada e desaparecerá xunto con ela. Por conseguinte, a organización comunista, en lugar de implantar a comunidade das mulleres, suprimiraa. F. Engels (1847), "Principios do Comunismo"

Engels escribiu sobre a histórica opresión das mulleres por parte do Estado e a relación matrimonial na orixe da familia, a propiedade privada e o Estado. Expresou que coa orixe da monogamia "o home empuñou tamén as rendas na casa; a muller viuse degradada, convertida na servidora, na escrava da luxuria do home, nun simple instrumento de reprodución [...] se a mata, non fai máis que exercer o seu dereito." Na familia burguesa, "o home é o burgués e a muller representa ao proletario"[2].Esta obra é considerada unha obra crave para o feminismo socialista.[3]

Notas

Véxase tamén

Wikiwand in your browser!

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.

Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.

Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.