rei de Arabia Saudita From Wikipedia, the free encyclopedia
Fahd bin Abdul Al-Aziz (فهد بن عبد العزيز en árabe), tamén chamado Fahad bin Abdul Aziz ou Fahd bin Abdelaziz Al Saud, nado en Riad en 1921 e finado na mesma cidade o 1 de agosto de 2005, foi o quinto rei de Arabia Saudita desde a súa creación en 1934.
Fahd é o sexto fillo (dos aproximadamente corenta) de Ibn Saud, primeiro monarca e fundador da actual Arabia Saudita. Foi o primeiro dos fillos da muller favorita deste, Hassa bin Ahmed al Sudari e o irmán favorito do futuro rei Faisal. En 1932, con nove anos, asistiu á sinatura do Tratado de Jedda por parte do seu pai.
Recibiu a súa educación no Colexio para Príncipes de Riyadh, unha escola fundada por Ibn Saud co obxectivo de educar os membros da Casa de Saud. Continuou os seus estudos no Instituto de Educación Relixiosa da Meca, onde estudou islam wahhabista.
En 1945 Fahd fixo a súa primeira visita de estado a Nova York para asistir á sesión de apertura da Asemblea Xeral das Nacións Unidas. En 1953, foi nomeado Ministro de Educación. Tamén nese ano acudiu á coroación da raíña Isabel II do Reino Unido en representación da Casa de Saud. Anos despois dirixiu a delegación saudita na Liga Árabe en 1959, debido á súa crecente relevancia e importancia dentro da Casa de Saud.
En 1962 foi finalmente nomeado Ministro de Interior. Tres anos despois, tras a destitución do rei Saud e o acceso ao trono do seu irmán, o rei Faisal, foi nomeado Vicepresidente segundo, un posto moi significativo dentro do goberno saudita. Dirixiu os Consellos Superiores de Petróleo, Universidade, da Seguranza Nacional e da Peregrinación á Meca. Durante esta etapa mostrou especial interese polos asuntos internacionais e representou a Arabia Saudita no estranxeiro en diversas ocasións. En 1967 foi recibido por Charles de Gaulle en París; en 1974 asinou un importante acordo económico cos Estados Unidos, país co que mantén boas relacións.
O 25 de marzo de 1975, tralo asasinato do rei Faisal e a coroación do rei Khalid, Fahd converteuse en Príncipe Herdeiro e Primeiro Vice-Primeiro Ministro, actuando como rei na sombra. Desempeñou un papel moderador na crise do petróleo e nos conflitos do Oriente Medio.
Cando o rei Khalid morreu o 13 de xuño de 1982, Fahd foi coroado rei.
A pesar da súa amizade cos Estados Unidos, acabou por condenar os Acordos de Camp David de 1978 entre Exipto e Israel, ao tempo que tentaba conter a vaga antiexipcia que se estendía polo mundo árabe. Protector da OLP e amigo de Yasser Arafat, foi autor dun proxecto, o Plan Fahd, para a solución negociada no Oriente Medio. En xullo de 1990 restableceu relacións diplomáticas coa China e o 2 de agosto do mesmo ano, cando Iraq invadiu Kuwait, tomou a decisión histórica de permitir que Arabia Saudita se convertese no cuartel xeral dos 400.000 soldados dos Estados Unidos e os seus aliados. Durante a Guerra do Golfo, Arabia Saudita foi a principal base de operacións militares aliadas e o seu territorio chegou a ser atacado con míseis Scud iraquís.
Durante o seu reinado fixo numerosas doazóns para a construción de mesquitas por todo o mundo. En maio de 2003 permitiu avanzar nas reformas das estruturas políticas e propiciar a participación popular na vida política. Desde os atentados do 11 de setembro de 2001 nos Estados Unidos, procurou mostrar unha visión máis amábel de Arabia Saudita, xa que 15 dos 19 autores eran precisamente sauditas.
En 1995 sufriu unha embolia cerebral polo que dende entón o seu medio-irmán, Abdullah, actúa coma rexente do reino. A pesar de que dende entón a súa actividade como monarca foi case inexistente, continuou atendendo a algunhas das delegacións estranxeiras. Tralos atentados terroristas cometidos o 12 de maio do 2003 en Riyadh, comprometeuse a tratar con man de ferro ós terroristas. En xuño de 1989 practicóuselle un transplante de ril a causa dun cancro e en marzo de 1998 tívoselle que extirpar a vesícula debido a unha infección. Padecía tamén diabetes e artrose.
O 27 de maio de 2005 o goberno saudita informou de que o rei Fahd fora hospitalizado e algunhas fontes aseguraron que estaba en estado crítico. O Washington Times incluso informou da súa morte. As autoridades sauditas apresuráronse a desmentilo e informaron de que o rei tiña febre e auga nos pulmóns, e por iso fora hospitalizado. Fontes médicas revelaron que o rei tiña unha infección pulmonar e que debería permanecer hospitalizado un ou dous días.
O rei Fahd tiña varias esposas. A súa primeira muller, a princesa Urdu, morreu o 8 de marzo de 1998. A riqueza da súa familia era tan fabulosa que, por exemplo, no verán de 1999, nunha estancia de dous meses en Marbella, gastou 99 millóns de euros.
Precedido por: |
Reis de Arabia Saudita e Líderes da Casa de Saud |
Sucedido por: |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.