Remove ads
From Wikipedia, the free encyclopedia
Os escavados ou Excavata son un grupo importante de protistas, que se consideran un reino nalgunhas clasificacións modernas, formado por organismos eucariotas unicelulares [1][2]. A categoría filoxenética Excavata foi proposta por Cavalier-Smith en 2002, e contén unha variedade de formas de vida libre e simbióticas e algúns parasitos humanos importantes (Trypanosoma, Giardia, Trichomonas).
Escavados | |||||
---|---|---|---|---|---|
Giardia intestinalis (sinónimo G. lamblia), unha diplomónada parasita | |||||
Clasificación científica | |||||
| |||||
Filo | |||||
|
Moitos Excavata carecen das mitocondrias típicas, polo que ás veces se denominan "amitocondriados", aínda que a maioría, quizais todos, conservan un orgánulo de natureza mitocondrial, que é unha mitocondria moi modificada (hidroxenosoma, mitosoma). Outros teñen mitocondrias con cristas tubulares, discoidais, ou nalgúns casos, laminares. A maioría dos Excavata teñen dous ou máis flaxelos [3] e moitos teñen un suco ventral para a alimentación cunha ultraestrutura característica, sostido por microtúbulos.[4] Porén, varios grupos que carecen desas características poden considerarse Excavata baseándose nas probas xenéticas (principalmente árbores filoxenéticas de secuencias moleculares).
Algúns Excavata están próximos á multicelularidade, como é o caso dos Acrasidae, que forman agrupacións con aspecto de mofos mucilaxinososo. Estes organismos pasan a maior parte da súa vida en forma unicelular, pero xúntanse en determinados momentos formando grandes agrupacións.
A clasificación dos Excavata é un pouco vacilante, como ocorre en xeral cos protistas modernamente. Os excavata poden clasificarse en seis grandes subgrupos co nivel de filo/clase, tal como se mostra na táboa.
Superfilo | Filo/Clase | Xénero representativo | Descrición |
---|---|---|---|
Discoba ou JEH | Euglenozoa | e.g. Euglena, Trypanosoma | Moitos parasitos importantes, un grupo numeroso con plastos (cloroplastos) |
Heterolobosea (Percolozoa) | e.g. Naegleria, Acrasis | A maioría alternan entre formas flaxeladas e ameboides. | |
Jakobea | e.g. Jakoba, Reclinomonas | De vida libre, ás veces flaxelados loricados, con xenomas mitocondriais moi ricos. | |
Metamonada ou POD | Preaxostyla | Por exemplo, Oxymonads, Trimastix | Amitocondriados flaxelados, de vida libre (Trimastix) ou habitantes dos intestinos de insectos. |
Fornicata | Por exemplo, Giardia, Carpediemonas | Amitocondriados, principalmente simbiontes e parasitos de animais. | |
Parabasalia | Por exemplo, Trichomonas | Amitocondriados flaxelados, xeralmente comensais intestinais de insectos. Algúns son patóxenos humanos. |
Os Euglenozoa e Heterolobosea (Percolozoa) parecen emparentados bastante estreitamente, e coinciden na posesión de cristas discoidais nas mitocondrias (superfilo Discicristata). Máis recentemente estableceuse a existencia dunha relación estreita entre os Discicristata e os Jakobida,[5] estes últimos con cristas tubulares como a maioría dos outros protistas, e en consecuencia foron agrupados no taxon Discoba, que foi proposto para este grupo aparentemente monofilético.[2]
As metamónadas son peculiares por teren perdido as mitocondrias clásicas; no seu lugar teñen orgánulos chamados hidroxenosomas, mitosomas ou orgánulos non caracterizados, que se cre que se orixinaron a partir da dexeneración de mitocondrias.
As relacións entre os Excavata son inseguras. É posible que non sexan un grupo monofilético. Aínda que o monofiletismo da totalidade deles está lonxe de ser claro, si parece que hai varios clados de Excavata que son monofiléticos.[6]
Certos Excavata son con frecuencia considerados como uns dos eucariotas máis primitivos, baseándose parcialmente na súa posición en moitas árbores evolutivas. Isto apoia as propostas que os consideran un grupo parafilético que inclúe os antepasados de todos os eucariotas vivos. Porén, a posición de certos Excavata como "pólas temperás" nas árbores evolutivas pode ser un artefacto da análise causado pola chamada atracción das pólas longas, como xa se ten visto noutros grupos, como os microsporidios.
Ademais dos grupos mencionados na táboa anterior, o xénero Malawimonas é xeralmente considerado un Excavata por ter a típica morfoloxía do grupo, e pola súa afinidade filoxenética con eles nalgunhas filoxenias moleculares. Porén, a súa posición entre os Excavata non é totalmente segura.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.