From Wikipedia, the free encyclopedia
A escultura do Renacemento enténdese como un proceso de recuperación da escultura da Antigüidade clásica. Os escultores atoparon nos restos artísticos e nos descubrimentos de sitios arqueolóxicos desa época pasada a inspiración perfecta para as súas obras. Tamén se inspiraron na natureza. Neste contexto hai que ter en conta a excepción dos artistas flamengos no norte de Europa, os cales ademais de superar o estilo figurativo do gótico promoveron un Renacemento alleo do italiano, sobre todo no apartado da pintura.[1] O renacer da antigüidade co abandono do medieval, que para Giorgio Vasari «fora un mundo propio de godos»,[2] e o recoñecemento dos clásicos con tódalas súas variantes e matices foi un fenómeno case exclusivamente desenvolvido en Italia. A arte do Renacemento conseguiu interpretar a natureza e traducila con liberdade e con coñecemento en gran multitude de obras mestras.[3]
A escultura do Renacemento tomou como base e modelo as obras da antigüidade clásica e a súa mitoloxía, cunha nova visión do pensamento humanista e da función da escultura na arte. Como na escultura grega, a representación naturalista do corpo humano espido buscouse cunha técnica moi depurada, grazas ao minucioso estudo da anatomía humana. En Italia convivían os temas profanos cos relixiosos; agás España e Alemaña, onde primaba o tema relixioso.[4]
O corpo humano representaba a beleza absoluta, xa que a correspondencia matemática entre as partes estaba ben definida, e o contrapposto utilizábase constantemente dende Donatello ata Michelangelo. Neste momento produciuse practicamente a liberación da escultura do marco arquitectónico, os relevos foron feitos coas regras da perspectiva e os personaxes mostráronse con expresións dramáticas que provocaron a sensación de gran "terribilidade" nos sentimentos expostos nas esculturas de Michelangelo, como no rostro do seu David.[5]
Un papel fundamental foi a figura dos mecenas, representados pola igrexa e a nobreza que obtiveron, en troques, prestixio social e influencia política, e abranguían todas as materias: relixiosa, retratos mitolóxicos, cotiáns e retratos de personaxes.[6]
No Renacemento reapareceu a glíptica grecorromana, que fora case completamente esquecida durante a Idade Media na talla de pedras preciosas (agás algunhas mostras da arte romana de Oriente), e dende o século XVI labráronse fermosos camefeos de gusto clásico, tan perfectos que ás veces se confunden cos antigos. Malia todo, si que se restabeleceu o uso das tallas de pedras preciosas, tan prezadas polas civilizacións grega e romana. Estes pequenos relevos serviron aos escultores de modelo, unha vez ampliados, para a decoración de grandes medallóns de palacios de Italia e o reino de Francia.[7]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.