From Wikipedia, the free encyclopedia
Els Quatre Gats (en galego: Os catro gatos) é un bar e restaurante situado na planta baixa da Casa Martí (Edificio modernista de 1896 de Josep Puig i Cadafalch), no Barrio Gótico de Barcelona, en España. Destaca por ser, a finais do século XIX e principios do XX, un punto de encontro de artistas do modernismo catalán.
A cervexaría cabaret orixinal abriuse o 14 de xuño de 1897.[1] Durante os seis anos que permaneceu activo, até 1903, foi un dos principais centros do modernismo catalán.
Foi creado e xestionado por Pere Romeu i Borràs, un promotor local do deporte,[2] que fora camareiro no cabaret Le Chat Noir de París. Romeu decidiu crear un ambiente vangardista e bohemio en Barcelona. Os financiadores foron os pintores Ramon Casas, Santiago Rusiñol, Pompeu Gener, Joaquín Mir Trinxet e Miquel Utrillo, o dramaturgo Maties Ardèniz e o banqueiro Manuel Girona.[3] O nome da casa era tanto unha referencia ao bar Le Chat Noir (do francés, "O gato negro") de París, como unha broma sobre o posible escaso número de clientes da nova casa: só catro gatos.[4]
Axiña converteuse nun punto de encontro de artistas e personaxes insólitos, como Rusiñol, Casas, Utrillo, Enric Granados, Isaac Albéniz, Lluís Millet, Antoni Gaudí ou Ricard Opisso, sumándose á tradición de tertulia da cidade. Houbo actos literarios, espectáculos de teatro de sombras e monicreques, actuacións musicais informais de Granados, Malats, Albéniz, Darío de Regoyos, Miquel Llobet etc., lecturas poéticas e sobre todo, exposicións de arte de Regoyos, Isidre Nonell, Ramon Pichot i Gironès, Xavier Gosé i Rovira, Eveli Torent i Marsans e Picasso. As dúas primeiras exposicións individuais que alí tiveron lugar foron en febreiro e xullo de 1900. A exposición de febreiro foi tamén a primeira exposición individual de Picasso.
Durante 1899 publicáronse quince números da revista Quatre Gats.
En xuño de 1903, o establecemento pechou as súas portas por mor das débedas. Sobre todo porque Pere Romeu non era empresario, e permitía que os seus amigos pagasen prezos reducidos, moitas veces nin sequera cobrando nada. Pero o recordo da casa mantívose grazas ao esforzo de Ramón Casas e Miguel Utrillo, que seguiron editando unha revista literaria co nome da casa durante cinco anos máis despois da súa clausura.
De 1903 a 1936, o espazo foi a sede do Círculo Artístico de San Lucas, organización de promoción da actividade cultural e artística de inspiración católica. Curiosamente, unha orientación ideolóxica oposta ao ambiente modernista libertario que antes imperaba en Els Quatre Gats. En 1936, co estalido da guerra civil española, o espazo foi pechado.[5]
A partir dos anos 70, baixo a dirección dos empresarios Pere Moto, Ricard Alsina e Ana Verdaguer, volveu funcionar como bar e restaurante, conservando a decoración, fotografías e gravados da época orixinal. En 1989, a dirección do establecemento pasou a mans de Josep María Ferré. [6]
O filme de Woody Allen Vicky Cristina Barcelona (2008) tivo algunhas escenas rodadas no Els Quatre Gats.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.