Donald Olging Hebb, nado en Chester (Nova Escocia) o 22 de xullo de 1904 e finado na mesma cidade o 20 de agosto de 1985, foi un psicólogo canadense que influíu na área da neuropsicoloxía, en que tratou de entender como contribuía o funcionamento das neuronas nos procesos psicolóxicos, como a aprendizaxe. É coñecido pola súa teoría da aprendizaxe hebbiana, que presentou na súa obra The Organization of Behavior.[1] Foi descrito como o pai da neuropsicoloxía e das redes neuronais.[2] Un estudo de Review of General Psychology publicado en 2002, situou a Hebb como o décimo noveno psicólogo máis citado do século XX.[3] Os seus puntos de vista sobre a aprendizaxe describiron o comportamento e o pensamento en termos de funcións cerebrais, explicando os procesos cognitivos en función das conexións entre ensamblamentos de neuronas.
Traxectoria
Hebb naceu en Nova Escocia. Aspiraba a escribir novelas mais escolleu o campo da educación e converteuse nun director escolar na provincia do Quebec. Os escritos de James, Freud e Watson estimularon o seu interese pola psicoloxía. Estando como estudante graduado de tempo parcial na Universidade McGill, coñeceu os traballos de Pavlov.
Foi traballar con Karl Lashley e en 1936 obtivo un doutoramento en Harvard estudando os efectos que se producen nas ratas na percepción do tamaño e o brillo. Posteriormente, estudou o impacto da cirurxía e o dano cerebral, probas de intelixencia animal ou procesos emocionais en chimpancés, entre outros. Volveu ao Canadá desenvolvendo a súa actividade na Universidade McGill.
Hebb e a biopsicoloxía
O estudo da bioloxía do comportamento dos animais, ten unha longa historia, mais a biopsicoloxía non se converteu nunha disciplina neurocientífica importante ata o século XX. Aínda que non sexa posible determinar a data exacta do nacemento desta ciencia, a publicación de The Organization of Behavior en 1949 desempeñou un papel fundamental na súa aparición.
No seu libro, Hebb desenvolveu a primeira teoría comprensíbel sobre o modo en que os fenómenos psicolóxicos tan complexos como as percepcións, as emocións, os pensamentos e a memoria, poden ser producidos pola actividade cerebral. Ao facelo, a súa teoría fixo moito por desacreditar a idea de que o funcionamento psicolóxico é demasiado complexo como para atopar as súas raíces na fisioloxía e a química do cerebro.
Hebb baseou a súa teoría en experimentos, tanto con seres humanos como con animais de laboratorio, en estudos clínicos e en argumentos lóxicos desenvolvidos a partir das súas propias observacións da vida. Este enfoque ecléctico converteuse nunha marca distintiva da investigación en biopsicoloxía.[4]
Principio básico
A súa principal achega relaciónase coa formación de ensamblamentos neuronais rexidos polo seguinte principio:
Cando o axón dunha célula A está o suficientemente preto dunha célula B como para estimulala e participa repetida ou persistentemente no seu disparo, ocorre algún proceso de crecemento ou cambio metabólico, nunha ou en ambas as células, de tal xeito que a eficacia de A en disparar a B vese aumentada.
Este principio (ou lei de Hebb), en ciencia cognitiva, denomínase “regra de Hebb” e proporciona o algoritmo básico de aprendizaxe mediante redes neuronais artificiais.
Asembleas neuronais
Para elaborar unha lembranza, a rede neuronal inmortaliza a asociación dun grupo en particular fortalecendo os seus enlaces anteriormente débiles. As conxuncións reforzadas permiten que as súas neuronas disparen xuntas outra vez. Cando unhas cantas se disparan, lanzan as súas compañeiras inactivas polos camiños lixeiramente gastados que as separan. Como unha ringleira de pezas de dominó, caen arrastrándose unhas a outras cara a un destino común. Rexuvenécese a antiga pauta, e con iso, faise unha recapitulación da imaxe orixinal.
A proposta central continuou a ser unha teoría ata a chegada das técnicas experimentais que permitían tomar medidas eléctricas das células cerebrais individuais. Nunha refrescante afirmación física da abstracción matemática, os datos demostran que as neuronas do cerebro vivo se comportan como predixo Hebb. O cerebro elabora lembranzas intensificando os apareamentos entre as neuronas que disparan de forma concorrente.[5]
A teoría de Hebb
A partir do principio mencionado, Hebb establece unha teoría psicolóxica que seguiu de preto os avances na investigación neurofisiolóxica. No seu libro presenta unha teoría da conduta baseada na fisioloxía do sistema nervioso e tenta atopar algo en común nas concepcións psicolóxicas e neurolóxicas.
Afirma que a psicoloxía ten unha relación íntima coas outras ciencias biolóxicas e pode atopar axuda nelas. Hai unha superposición considerable nos problemas da psicoloxía e os da neurofisioloxía; de aí a posibilidade (ou necesidade) da axuda recíproca.
O problema de comprender a conduta é o problema de comprender a acción do sistema nervioso, e viceversa. Non é loxicamente posible que un sexa determinista en física, química e bioloxía, e místico en psicoloxía.
Respondendo os fortes ataques de que é obxecto a psicoloxía “fisioloxizante”, Hebb escribe que estes se orixinan nos intentos realizados anos atrás, que pretendían reducir a psicoloxía a unha neurofisioloxía demasiado simple e incompleta. Cos grandes progresos da investigación neurofisiolóxica acontecidos durante as últimas décadas, as condicións cambiaron totalmente.[6]
Aprendizaxe de Hebb
Para ilustrar a idea básica, pódese considerar a clásica experiencia de Ivan Pavlov sobre a resposta condicionada dun can. Considéranse tres neuronas A, C e B. A neurona A recibe son dende unha campaíña, a neurona C recibe a imaxe da comida ofrecida ao can, mentres que a neurona B, ao quedar excitada, activa o proceso de salivación no can: Entrada de son → A → B → Salivación Entrada visual →→ C → ∕
Supóñase que a excitación de C, causada pola visualización da comida, é suficiente para excitar a B, dando lugar á salivación. Supóñase, ademais, que en ausencia de estímulo adicional, a excitación de A, ao ouvir a campaíña, non abonda para dar lugar ao disparo de B.
Permítase que C dea lugar a que B dispare amosando comida ao suxeito, e, mentres B continúa a disparar, estimúlese A facendo soar unha campaíña. Dado que B continúa a disparar, A participa agora na excitación de B, aínda cando por si soa A non sería suficiente para dar lugar a que B dispare.
Nesta situación, a suposición de Hebb determina que se produce algún cambio entre A e B, de tal xeito que a influencia de A sobre B se ve incrementada. Se o experimento se repite con suficiente frecuencia, A será capaz de lograr, eventualmente, que se dispare B mesmo en ausencia da estimulación visual procedente de C. Entón, se se fai soar a campaíña, mais non se amosa a comida, continuará a producirse a salivación, porque a excitación debida unicamente a A é agora suficiente para lograr que B dispare.
Dado que a conexión entre neuronas se fai a través das sinapses, é razoable supor que calquera cambio que poida ter lugar durante a aprendizaxe deberá producirse nelas. Hebb sostiña a teoría de que aumentaba a área da unión sináptica. Teorías máis recentes afirman que o responsable é un incremento da velocidade con que se libera o neurotransmisor na célula presináptica.
En todo caso, certamente hai cambios que se producen na sinapsis. Tanto se a célula presináptica como a postsináptica resultasen alteradas na súa totalidade, poderíanse reforzar outras respostas que non estivesen relacionadas co experimento condicionante.[7]
Polémica
Donald Hebb é sinalado como o autor dos estudos iniciais sobre a privación sensorial, dos que se sospeita que foron posiblemente a base de sustentación empírica para a redacción dos manuais para torturar da CIA.[8][9]
Publicacións
- The Organization of Behaviour. 1949. John Wiley & Sons. ISBN 978-0-471-36727-7
- Essays on Mind. 1980. Lawrence Erlbaum. ISBN 978-0-89859-017-3.
- Textbook of Psychology, Textbook of Psychology Students' Handbook (with Don C. Donderi). 1995. Kendall Hunt Pub Co. ISBN 978-0-7872-1103-5 archive.org
Notas
Véxase tamén
Wikiwand in your browser!
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.