From Wikipedia, the free encyclopedia
As dextrinas son un tipo de oligosacáridos ou pequenos polisacáridos formados por glicosa producidos pola hidrólise do amidón [1] ou do glicóxeno [2] e de peso molecular moito menor ca estes. As dextrinas preséntanse como mesturas de polímeros formados por moléculas de glicosa unidas por enlaces O-glicosídicos α-(1→4) ou α-(1→6).
Dextrina | |
---|---|
Identificadores | |
Número CAS | 9004-53-9 |
PubChem | 62698 |
UNII | 2NX48Z0A9G |
KEGG | C00721 |
Propiedades | |
Fórmula molecular | (C6H10O5)n |
Masa molecular | variable |
Aspecto | po amarelo ou branco |
Se non se indica outra cousa, os datos están tomados en condicións estándar de 25 °C e 100 kPa. |
As dextrinas poden producirse a partir do amidón pola acción de encimas amilases, durante a dixestión no corpo humano ou durante o malteado e maceración,[3] ou aplicando calor seca en condicións ácidas (pirólise ou torrado). Este último proceso utilízase industrialmente, e tamén ocorre na superficie do pan durante a súa cocción, contribuíndo a darlle o seu aroma, cor, e frescura. As dextrinas que se producen por quentamento denomínanse tamén pirodextrinas. Durante o proceso de torrado en condicións ácidas o amidón hidrolízase, pero as cadeas resultantes, en parte, volven a formar ramificacións establecendo enlaces α-(1,6) co amidón degradado.[4]
O aspecto das dextrinas é o dun po branco, amarelo ou castaño, que é parcialmente ou totalmente soluble en auga, orixinando solucións de baixa viscosidade e activas opticamente. Xeralmente poden detectarse con solucións de iodo, dando unha cor vermella. Pode distinguirse entre as eritrodextrinas, que se colorean de vermello, e as acrodextrinas, que non se colorean.
As dextrinas poden utilizarse para producir pegamentos.
As dextrinas teñen moitas aplicacións na industria debido á súa falta de toxicidade e ao seu baixo prezo.
As dextrinas amarelas utilízanse como colas hidrosolubles [5] na banda de pegamento dos sobres (para pechalos ao humedecela) ou en tubos, na industria mineira como aditivos para a separación por flotación, na industria da fundición, na industria téxtil en certas técnicas de estampado, e como ligantes da pintura ao gouache.
As dextrinas brancas utilízanse como:
As dextrinas engádense aos artefactos pirotécnicos e bengalas como aglutinante e combustible, que permite que se solidifiquen en gránulos e muxicas ou "estreliñas".
Debido a que no proceso de formación das dextrinas se produce unha nova formación de ramificacións, as dextrinas son pouco dixeribles, pero as dextrinas indixeribles utilízanse como suplementos de fibra solubles en moitos produtos alimenticios.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.