From Wikipedia, the free encyclopedia
Demetrio de Montferrato (en italiano: Demetrio del Monferrato; grego: Δημήτριος Μομφερρατικός, trans. Dēmētrios Momferratikós), nado en Tesalónica, Grecia en 1205 e finado en Amalfi, Italia, en 1230, foi rei de Tesalónica desde 1207 até 1224. Foi o fillo de Bonifacio de Montferrato e a súa segunda esposa Margarida de Hungría. Sucedeu ao seu pai en 1207 como rei de Tesalónica, baixo a rexencia da súa nai. A rexencia foi tomada por Oberto II de Biandrate que se negou a xurar lealdade a Henrique I emperador latino de Constantinopla, quen invadiu Tesalónica para impor a súa autoridade, capturando a Oberto e coroando a Demetrio o 6 de xaneiro de 1209. Teodoro Comneno Ducas de Epiro atacou o reino de Tesalónica, que se debilitou cando moitos dos seus cabaleiros regresaran a Europa occidental, e entrou na cidade en decembro de 1224, depondo a Demetrio. Demetrio legou os dereitos de Tesalónica a Frederico II de Alemaña (aínda que este último renunciou aos seus dereitos en favor do marqués Bonifacio II de Montferrato) e regresou a Italia, onde morreu en 1230.
Nome orixinal | (it) Demetrio di Monferrato |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 1205 Tesalónica, Grecia |
Morte | 1230 (Gregoriano) (24/25 anos) Amalfi, Italia |
Rei | |
Datos persoais | |
Relixión | Catolicismo |
Actividade | |
Ocupación | gobernante |
Outro | |
Título | Margrave |
Familia | Aleramici (pt) |
Pais | Bonifacio de Montferrato e Margarida de Hungría |
Irmáns | Guilherme VI de Monferrato John Angelus of Syrmia |
Demetrio foi o fillo do marqués Bonifacio de Montferrato con Margarida de Hungría, a viúva do emperador bizantino Isaac II Anxo[1][2]. A consecuencia da Cuarta Cruzada Bonifacio conseguira para si o reino de Tesalónica na repartición do botín[3]. Casando coa antiga emperatriz bizantina, resultoulle máis fácil de conseguir o apoio dos membros da aristocracia bizantina[4]. Cando o fillo de Bonifacio naceu en 1205, levou o nome de San Demetrio, o patrón de Tesalónica.
Bonifacio foi morto nunha batalla contra os búlgaros en 1207, e Kaloyan de Bulgaria inmediatamente cercou Tesalónica[5]. O cerco terminou co asasinato de Kaloyan, pero o goberno de Demetrio non estaba seguro. Os magnates máis influentes do reino conspiraron na súa contra, planeando substituír o gobernante infante co seu medio irmán, o marqués Guillerme VI de Montferrato. O emperador latino Henrique de Flandres decidiuse a deter este movemento e avanzou sobre Tesalónica en decembro de 1208[6]. Os baróns, acaudillados polo conde Oberto II de Biandrate, pecharon as portas da cidade ante o emperador e presentaron varias demandas pouco razoábeis[7]. O emperador finxiu aceptar os termos de Biandrate (a condición de que Margarida os aceptase) o tempo suficiente para que puidese entrar á cidade. Margarida recibiu instrucións de facer caso omiso dos termos e Henrique coroou rei ao mozo Demetrio o 6 de xaneiro de 1209 e obtivo xuramento de vasalaxe dos baróns lombardos[8]. As accións do emperador foron confirmadas polo papa Inocencio III.
Os dereitos do novo rei estaban ameazados polas guarnicións lombardas de Biandrate en importantes fortalezas como Serres e Kavala. Henrique tomou Serres, pero Kavala resistiu. Coa esperanza de chegar a unha reconciliación, o emperador convocou á nobreza do reino de Tesalónica a un parlamento en Ravennika, pero moitos señores non se someteron. Despois dunha maior acción militar, Henrique obtivo a submisión de Biandrate e do resto dos señores lombardos. Repeleu o ataque epirota sobre Tesalónica en 1210 e deixou ao seu irmán máis novo Eustaquio como rexente do rei Demetrio. A situación cambiou de novo á morte de Henrique en 1216.[9]
O novo emperador latino, Pedro de Courtenay, foi convencido polos señores lombardos e outorgou a Guillerme de Montferrato o reino antes de abandonar Italia[10]. A raíña nai Margarida fuxiu a Hungría, pero Demetrio aparentemente permaneceu no seu lugar, mentres que o emperador Pedro foi capturado e finalmente executado por Teodoro Comneno Ducas en Epiro[11].
O gobernante de Epiro, Teodoro Comneno Ducas, explotou a disensión entre a nobreza de Tesalónica para conquistar gradualmente as cidades fortificadas do reino unha tras outra[12]. Aínda que Guillerme de Montferrato se mostrou remiso a desposuír ao seu medio irmán, estivo de acordo en levar unha cruzada para axudar a Tesalónica en 1222, e preparouse para partir, enviando previamente a Oberto de Biandrate[13]. Antes de que a forza principal desta cruzada chegase a Tesalónica, con todo, Teodoro forzou a rendición da cidade en decembro de 1224[14]. Xunto co arcebispo latino, o rei Demetrio fuxiu á corte do emperador Frederico II Hohenstaufen en Italia. Demetrio participou na cruzada de Frederico no Levante, e morreu en 1230 en Amalfi, despois de ceder os seus dereitos sobre Tesalónica a Frederico II[15][16].
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.