From Wikipedia, the free encyclopedia
Cursive é unha banda estadounidense de indie rock procedente de Omaha, Nebrasca e formada no ano 1995 a partir das cinzas do grupo Slowdown Virginia. O grupo acadou a fama co seu álbum do ano 2000 Domestica e conseguiu éxito comercial e da crítica co de 2003 The Ugly Organ.[1] Cursive leva publicados oito álbums de estudio, un recompilatorio e varios sinxelos e EPs dende o ano 1997.
Cursive | |
---|---|
Orixe | Omaha, Nebrasca, |
Período | 1995 - 1998 1999 - presente |
Xénero(s) | post-hardcore, indie rock |
Selo(s) discográfico(s) | Saddle Creek |
Membros | Tim Kasher Matt Maginn Ted Stevens Cully Symington |
Antigos membros | Clint Schnase Gretta Cohn Steve Pedersen Cornbread Compton |
Artistas relacionados | Bright Eyes, Commander Venus, Lullaby for the Working Class, Mayday, Okkervil River, Slowdown Virginia, The Good Life, Tim Kasher |
Na rede | |
cursivetheband.com | |
Entre as influencias de Cursive atópanse bandas como Fugazi, Shudder to Think, Archers of Loaf e Brainiac.[2][3]
A banda formárona na primavera de 1995 Tim Kasher, Matt Maginn, Steve Pedersen e Clint Schnase pouco despois de que Slowdown Virginia se separase. Kasher dixo que o nome do grupo inspirouse nunha pasaxe dun libro de V. S. Naipaul, na cal os británicos forzaban aos indios subxugados a aprender a escribir en inglés con letra cursiva, simbólico dun exercicio sen sentido nin valor, e Kasher compárao coa banda forzando a música como unha disciplina, tomándoo seriamente.[4]
Cun son inicial semellante ao de At the Drive-In,[5] o grupo lanzou en 1996 o EP The Disruption a través do selo Lumberjack Records, seguido en 1997 polo EP Sucker and Dry a través de Zero Hour Records e o seu álbum de estrea Such Blinding Stars for Starving Eyes, publicado por Crank! Records. A principios de 1998 apareceu un novo EP da banda, The Icebreaker, e a finais, despois dun par de anos de xira, Cursive anunciou a súa separación. A principal causa foi o matrimonio de Kasher e a súa mudanza a Portland, Oregón, coa súa muller, aínda que o guitarrista Pedersen tamén tiña en mente deixar a banda e estudar dereito en Carolina do Norte.[6]
Antes de separarse a banda gravouo álbum The Storms of Early Summer: Semantics como despedida, que sería lanzado no outono dese ano a través do selo Saddle Creek Records. The Storms of Early Summer foi o primeiro álbum conceptual de Kasher e Cursive, sendo o tema da primeira parte do álbum "Man vs. Nature" e o da segunda "Man vs. Self". O disco destacou polo seu intricado traballo de guitarra, letras profundas, e os inicios dunha estrutura de cancións math-rock/pop, características que se desenvolverían aínda máis en futuros álbums da banda.[7][8]
No verán de 1999 Cursive volveuse a reunir cando Kasher se divorciou e regresou a Omaha. Pedersen comezara a estudar na escola de dereito e posteriormente formou The White Octave, entón Ted Stevens, anteriormente en Lullaby for the Working Class, uniuse á banda. No ano 2000 publicaron o seu álbum conceptual Domestica, que falaba sobre a disolución dun matrimonio e gañou a atención dos seareiros e da crítica.[9]
Aínda que non se trataba dun relato autobiográfico do seu matrimonio, Kasher recoñeceu que a súa propia experiencia influenciou fortemente o álbum, a pesar de que algúns das dinámicas da relación, como a infidelidade, non eran autobiográficas.[10]
Cursive engadíua á chelista Gretta Cohn no ano 2001 xa que Kasher sentía que a súa inclusión podía axudar a evolucionar o son da banda. As cordas engadíronlle á banda sons complementarios ao seu EP Burst and Bloom, editado ese mesmo ano. En 2002 o grupo lanzou un álbum compartido cos xaponeses Eastern Youth chamado 8 Teeth to Eat You a través do selo Better Looking Records. No ano 2002 participou na xira Take Action Tour, destinada á prevención do suicidio entre a mocidade, ao lado de bandas como Jimmy Eat World, Le Tigre, Thursday, The Promise Ring, The (International) Noise Conspiracy, Cave In, Poison The Well e Anti-Flag.[11]
Saddle Creek Records editou The Ugly Organ no 2003. Rolling Stone deulle unha puntuación de 4 estrelas, mentres que a revista de música alternativa Alternative Press dñeulle unha puntuación de 5 sobre 5. No ano 2004 The Cure elixiu a Cursive para xirar con eles na súa xira Curiosa, xunto con Interpol, The Rapture, Mogwai, Scarling. e The Cooper Temple Clause. Despois diso a banda entrou en hiato sen especificar unha data de regreso.
O selo sacou un recompilatorio de cancións non editadas e caras-b, The Difference Between Houses and Homes, o 9 de agosto do 2005. Gretta deixou a banda a mediados dese ano para adicarse a outros proxectos musicais e formou a banda Twin Thousands, con base en Brooklyn. O grupo non lle buscou substituto e converteuse nun cuarteto.
Despois do hiato, Saddle Creek anunciou que Kasher deixara temporalmente de traballar no seu proxecto paralelo, The Good Life, para comezar a gravar un disco con Cursive. O álbum, Happy Hollow, foi editado o 22 de agosto do 2006, e o seu primeiro sinxelo foi "Dorothy at Forty", aparecido o 11 de xullo. Con este álbum, Kasher deixou atrás as súas letras auto-reflexivas para concentrarse na política, as vidas baleiras e a hipocrisía relixiosa.[12] As revistas musicais Spin, URB, Time Out New York e Blender déronlle ao disco catro estrelas, e a Rolling Stone outorgoulle un 3,5,[13] mentres que a revista alternativa Alternative Press deulle un 5 sobre 5.
En outubro, despois da edición, a banda revelou plans de ofrecer ao seu público a posibilidade de que remesturase o tema "Bad Sects" nun concurso a través da súa páxina. O tema do gañador aparecería como cara-b nun novo sinxelo de Cursive.
O sexto álbum de Cursive Mama, I'm Swollen, editouse o 10 de marzo do 2009 a través do selo Saddle Creek Records. Tres días despois Cursive realizou a súa rimeira actuacición en televisión, tocando "From The Hips" no programa Late Show with David Letterman.[14] O álbum foi o primeiro gravado sen o batería Clint Schnase, que deixou a banda en outubro de 2007. Schnase foi substituído por Matt "Cornbread" Compton, que xa xirara anteriormente co grupo.[15]
O seu sétimo álbum, I Am Gemini, foi publicado o 21 de febreiro de 2012 a través de Saddle Creek Records. Cornbread Compton foi substituído por Cully Symington antes da gravación do disco. Cunhas letras descritas por Ian Cohen de Pitchfork Media como un "libreto completo", I Am Gemini está presentado como unha obra de teatro, contando a historia de "irmáns xemelgos separados ao nacer, un bo e outro malo, a súa inesperada reunión nunha casa que non é un fogar inicia unha loita clásica pola alma".[16] O álbum caracterízase por ser de acceso musical difícil, con Tyler Kain de Paste Magazine dicindo "as partes distintivas [de Cursive] aínda están aí con esas partes de guitarra retorcidas e sinuosas, e as liñas de baixo melódicas e aterciopeladas de Matt Maginn. Pero a exploración de cambios extravagantes, tempos divertidos e rupturas próximas ao metal poden facer difícil de escoitar a Gemini de primeiras".
The Ugly Organ foi reeditado por Saddle Creek en 2014, contando con catro temas adicionais editados no álbum compartido 8 Teeth to Eat You e catro máis aparecidos en sinxelos e recompilatorios. Cursive realizou unha breve xira na primavera dese ano para promocionar o lanzamento.[17]
Cursive lanzou o seu propio selo discográfico, chamado 15 Passenger, a principios de 2017. O lanzamento de estrea para o selo foi un novo álbum en solitario de Kasher, No Resolution.[18] A banda reeditou os seus dous primeiros álbums a través de 15 Passenger no outono de 2017, coa intención de seguir reeditando todos os seus lanzamentos a través do selo así como material novo. Ademais do traballo de Cursive e Kasher, 15 Passenger tamén publica material doutros artistas.[19]
En agosto de 2018 Cursive anunciou o seu oitavo álbum de estudo, Vitriola. Tamén se anunciou que Clint Schnase volvería á banda para que o anterior baterista Symington se concentrase na gravación e na xira con Sparta. O álbum tamén conta con contribucións da violonchelista Megan Seibe, que xa realizara unha xira xunto a Kasher nun modo de dúo acústico. Este é o primeiro álbum de Cursive que inclúe violonchelo dende The Ugly Organ. O sinxelo principal do disco, "Life Savings", foi lanzado o mesmo día.[20]
Get Fixed, o noveno álbum de estudo da banda, anunciouse xunto co lanzamento da canción "Stranded Satellite" o 1 de outubro de 2019. Get Fixed publicouse dixitalmente o 11 de outubro de 2019. As versións en vinilo e CD publicáronse o 17 de xaneiro de 2020. As cancións do álbum foron principalmente escritas e gravadas durante as sesións para Vitriola coa intención de lanzar un álbum dobre. A banda acabou planeando as cancións para un segundo disco, e escribiu algún novo material para acompañar as cancións gravadas durante Vitriola.[21] O anuncio do álbum foi precedido polo lanzamento das cancións "Barricades", "Black Hole Town" e "Marigolds" en setembro de 2019.[22]
Álbum | Ano | Selo |
---|---|---|
Such Blinding Stars for Starving Eyes | 1997 | Crank! |
The Storms of Early Summer: Semantics of Song | 1998 | Saddle Creek |
Domestica | 2000 | Saddle Creek |
The Ugly Organ | 2003 | Saddle Creek |
Happy Hollow | 2006 | Saddle Creek |
Mama, I'm Swollen | 2009 | Saddle Creek |
I Am Gemini | 2012 | Saddle Creek, Big Scary Monsters |
Vitriola | 2018 | 15 Passenger |
Get Fixed | 2019 | 15 Passenger |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.