club de fútbol galego (1921-1942) From Wikipedia, the free encyclopedia
O Club Coruña, chamado inicialmente Emden FC, foi un club de fútbol galego, fundado na Coruña en 1921, e desaparecido en 1942.
Foi o segundo equipo de fútbol máis importante da Coruña durante as décadas de 1920 e 1930. En 1927 logrou o ascenso á Serie A do Campionato de Galicia e en 1929 entrou na Terceira División, na que foi a primeira edición da competición. En 1930 cambiou a súa denominación por Club Coruña, ao considerarse herdeiro do desaparecido Real Club Coruña. En 1942 xogou unha fase de ascenso á Segunda División, despois da cal o equipo acabou desaparecendo.
Nacido pouco despois da desaparición do histórico Real Club Coruña, fundouse co nome Emden FC, en referencia ao SMS Emden, un famoso cruceiro lixeiro da Mariña Imperial Alemá durante a primeira guerra mundial. Disputou os seus primeiros partidos en 1921 e xogaba como local no Campo de Monelos, con camiseta e pantalón brancos e medias negras.[1]
Na tempada 1926/27 quedou primeiro no Grupo Norte da Serie B galega, polo que se enfrontou polo título ao campión do Grupo Norte, o Rápido de Bouzas. Conseguiu a vitoria por 2-1 no partido de ida disputado no Campo de Riazor, no que o Endem remontou o gol inicial do Rápido con dous tantos de Araújo; e gañou 0-2 na volta no Campo de Coia, con dous goles de Sánchez e dous penaltis parados polo gardameta Rivadulla, proclamándose así campión da categoría.[2][3] Aínda que posteriormente tivo que enfrontarse ao Unión Sporting de Vigo, último clasificado da Serie A, a vitoria contra o Rápido deulle o ascenso á máxima categoría do Campionato de Galicia, pois pasou a ocupar a praza que deixara libre o Pontevedra Athletic ao retirarse antes de comezar a tempada anterior.[4] Con todo, superou tamén ao Unión Sporting, empatando na ida en Riazor (1-1) e gañando o partido de volta en Barreiro (2-1), sendo todos os seus goles obra de Araújo.[5][6][7]
Disputou a tempada 1927/28 contra o Deportivo da Coruña, o Celta de Vigo, o Racing de Ferrol, o Eiriña e o Unión Sporting, ocupando a derradeira posición ao remate da tempada. Volveu rematar último nas tempadas 1928/29 e 1929/30, pero salvando a categoría nas promocións.
Coa creación en 1929 das ligas nacionais, foi incluído a última hora no Grupo I da Terceira División, substituíndo ao Celta de Vigo, que renunciou á súa praza. Formáronse dous subgrupos e foi encadrado no primeiro deles, xunto a Racing de Ferrol e Eiriña. O equpo pasou a xogar como local en Santo Amaro e o 29 de decembro de 1929 disputou o seu primeiro encontro na terceira categoría do fútbol español, contra o Eiriña, aliñando aos seguintes xogadores: Cachaza, Abelardo, Lolito, Barreiro, Celerino, Basterrechea II, Nito, Sánchez, Medín, Lelé e Bouza.[8] A continuación sufriu dúas derrotas seguidas contra o Racing de Manuel Rivera, sendo a segunda delas no Inferniño unha escandalosa goleada por oito a cero, con catro goles de Momán, tres de Varelita e un de Silvosa.[9] Finalmente gañou por 2-3 o derradeiro partido, contra o Eiriña no campo do Progreso, con dous goles de Lelé e un de Franqueira, rematando o campionato na segunda posición.[10]
En 1930 o club decidiu mudar o seu nome polo de "Club Coruña", ao considerárense herdeiros do Real Club Coruña. O cambio foi aprobado pola Federación Galega.[11] Ademais pasou a vestir de negro e amarelo, ao igual que o facía o antigo club da cidade. Xa coa nova denominación, o equipo disputou a tempada 1930/31 do Campionato de Galicia, quedando novamente na última posición, e perdendo a categoría ao non conseguir a permenancia durante o campionato de promoción.[12] Ao fracaso deportivo sumouse a traxedia persoal, ao morrer de septicemia un dos futbolistas do equipo, Enrique Medín.[13]
Tras varios anos na Serie B, o equipo volveu competir na máxima categoría galega na tempada 1934/35, cun renovado cadro de xogadores, como Pedrito e Bebel,[14] e con fichaxes como a de Feliciano, procedente do Atlético de Madrid.[15] Nun campionato no que xa non estaban nin Celta nin Deportivo (por xogaren no Campionato Mancomunado Galaico-Ástur), o Club Coruña acabou na terceira posición, empatado a puntos co Lemos (2º) e a dous puntos do campión, o Unión Sporting. Ao ano seguinte foi subcampión, quedando a un só punto do Lemos. Na tempada 1936/37, en plena guerra civil, descendeu á Serie B.
Trala guerra xogou a derradeira edición da Serie A do Campionato de Galicia (1939/40) e ao ano seguinte proclamouse campión do Campionato Galego de Afeccionados e do Grupo Norte da nova Serie A rexional. Enfrontouse ao FC Vigués polo título absoluto da Serie A, e aínda que gañou 2-1 na ida, o título foi para os vigueses, grazas un 4-2 na volta en Vigo.[16] Na tempada 1941/42 volveu quedar primeiro do Grupo Norte e esta vez si conseguiu proclamarse campión da Serie A rexional, o que lle deu dereito de disputar a fase de promoción a Segunda División.[17][18] Quedou encadrado nun grupo coa Cultural Leonesa, o Real Valladolid, o Real Santander, o Racing de Ferrol e o Langreano, obtendo catro vitorias e seis derrotas, sendo a Cultural o equipo que conseguiu a praza na categoría de prata.
O club desapareceu pouco despois, sendo Antonio Mariño o seu último presidente.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.