Remove ads
From Wikipedia, the free encyclopedia
Chānakya(sánscrito: चाणक्य Cāṇakya támil: சாணக்கியன் Cāṇakiyan ) (c. 350–283 a.C.) foi un conselleiro do primeiro emperador maurya Chandragupta (c. 340–293 a.C.), e foi o arquitecto principal do seu ascenso ao poder. Kautilya e Vishnugupta, os nomes polos que os tratados políticos da Antiga India chamaron ao autor do Arthaśāstra, son atribuídos tradicionalmente a Chanakya.[2] Chanakya foi considerado o pioneiro no eido da economía e ciencia política.[3][4][5][6] No mundo occidental, denomínaselle o Maquiavelo indio, aínda que os traballos de Chanakya preceden aos de Maquiavelo en arredor de 1.800 anos.[7] Chanakya foi profesor no Takṣaśila, un antigo centro de ensino, e foi o responsable da creación do Imperio Maurya, o primeiro da súa clase no subcontinente indio. Os seus traballos perdéronse preto do remate da dinastía Gupta e non foron redescubertos ata 1915.[4]
Impresión dun artista de Chanakya | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (kw) Kauṭilya c. 370 a.C.[1] Taxila, Paquistán (pt) |
Morte | c. 283 a.C.[1] Patliputra |
Catedrático | |
Datos persoais | |
Relixión | Hinduísmo |
Actividade | |
Ocupación | Conselleiro do primeiro emperador |
Período de actividade | (Con vida en: século IV a. C. ) |
Alumnos | Chandragupta Maurya e Bindusara (pt) |
Obra | |
Obras destacables
| |
Descrito pola fonte | Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron |
Sábese que xeralmente chamábaselle Chanakya,[8] pero na súa calidade de autor do Arthashastra, un antigo tratado político indio, adóitaselle denominar Kautilya, que provén da expresión kautil neeti, e que podería ser a súa gotra (nome do clan)[9] e Vishnugupta, que tamén foi tradicionalmente identificado co nome de Chanakya.[10][11] Foi un sagaz mestre da diplomacia. Unha das primeiras referencias da literatura en sánscrito que identifica explicitamente Chanakya con Vishnugupta foi o Panchatantra de Vishnu Sharma, do século III a. C.[12]
K.C. Ojha expresa a opinión de que a identificación tradicional na que se considera que Vishnugupta e Kautilya son o mesmo individuo foi producida por unha confusión de edición e suxire que Vishnugupta foi un redactor da obra orixinal de Kautilya.[10] Thomas Burrow vai aínda máis lonxe e suxire que Chanakya e Kautilya poden ser dúas persoas diferentes.[13]
Os detalles biográficos sobre Chanakya móvense a miúdo no campo da lenda. Thomas R. Trautmann analizou diferentes fontes documentais e enumerou os seguintes elementos comúns das narracións existentes sobre Chanakya:[14]
Bindusara naceu antes de que o seu pai fose emperador e, por tanto, esta lenda non é certa. Aixoka, o fillo, casou no 265 aC e o seu fillo Kunala tiña 18 anos de idade no 269 aC, o cal significa que mesmo os príncipes casaban ben cedo. Aixoka naceu no 310 aC e Bindusara ao redor do 330 aC.
Unha anécdota que mostra a súa intelixencia e gran capacidade de observación é a seguinte: unha vez as forzas mauryes tiveron que esconderse nunha cova fuxindo dos seus inimigos e non tiñan nada para comer. Os soldados tiñan fame e non podían saír da cova, posto que as súas vidas corrían perigo. Chanakya viu unha formiga que traía un gran de arroz, pero non había ningún rastro de alimentos ou de grans en ningún lugar da cova. Ordenou que cociñasen o gran de arroz e a continuación os soldados puxéronse a buscar onde podería atopar a formiga aquel alimento. Atoparon que os seus inimigos estaban a comer nun espazo xusto debaixo da cova. En canto viron isto, e sabendo onde se situaba o inimigo, escaparon e salvaron as vidas.
Cando Bindusara xa foi novo, Chandragupta abandonou o trono e seguiu ao santo Bhadrabahu, ao actual Karnataka, e establecéronse nun lugar coñecido como Shravana Belagola. Viviu como un asceta durante algúns anos e morreu de inanición voluntaria segundo a tradición xainista.
Chanakya mentres tanto mantívose como Primeiro Ministro de Bindusara. Bindusara tamén nomeou como un dos seus ministros a Subandhu, que envexaba a Chanakya. Un día díxolle a Bindusara que Chanakya foi o responsable da morte da súa nai. Bindusara pediu información ás doncelas, que lle confirmaron esta historia, e alporizouse moito con Chanakya. Dise que Chanakya, vendo que o emperador estaba enfadado con el, pensaba que chegara o final da súa vida. Deu tódolos seus bens aos pobres, ás viúvas e ós orfos e sentou sobre un montón de esterco, disposto a morrer mediante a abstinencia total de alimentos e bebidas. Bindusara, mentres, coñeceu a historia completa do seu nacemento pola narración completa das doncelas e afanouse en pedir perdón a Chanakya. Pero Chanakya mantivo a súa decisión. Bindusara virou entón a súa furia contra Subandhu. Subandhu, que aínda odiaba a Chanakya, quería asegurarse que este non volvese á cidade e organizou unha cerimonia de respecto, mentres escondido de todo o mundo, fixo caer unha brasa de carbón ardendo dentro da chea de esterco. Axudado polo vento, o esterco incendiouse rapidamente, e o gran home e o autor do Arthashastra foi queimado ata a morte.
A súa principal filosofía era: "Unha débeda ten que ser pagada ata o último céntimo; un inimigo ten que ser destruído sen deixar rastro". Ironicamente, o seu principal inimigo, Subandhu, seguiu a súa filosofía e destruíuno sen deixar rastro.
Na sociedade maurya había tres tipos de crentes non tradicionais: xainistas, budistas e aivaquitas. Chanakya era un seguidor de Ajivaka; Nanda era xainista e a súa perda do poder representou a desgraza para todos os seus ministros xainistas. O tío de Chanakya era xainista tamén, e un grupo deles apoiou a Chanakya na súa política de conspiracións para conseguir o poder. Posteriormente, cando abdicou do trono, Chandragupta Maurya converteuse ao xainismo. O seu fillo Bindusara era axivaka. Tamén Ashoka era axivaka pero co ascenso ao trono converteuse ao budismo.
Máis tarde, o axivikismo foi a relixión oficial do imperio a partir da guerra de Kalinga (261 aC) e durante 14 anos. Posteriormente perdeu poder e fusionouse co hinduísmo tradicional. A información que nos chegou é unha mestura de historias budistas contraditorias e lendas xainistas, que son rexeitadas mesmo polas crónicas cingalesas.
É sabido que Chankaya e Chandragupta derrotaron o poderoso Imperio Nanda e estableceron o novo Imperio Maurya.
Mudrarakshasa ("O Selo do Ministro"), unha obra datada, de maneira diversa, a finais do século cuarto ata principios do século oitavo, narra o ascenso de Chandragupta Maurya ao poder: Sakatala, un ministro real descontento, presenta a Chanakya ao rei nanda, sabendo que Chanakya non sería moi tratado na corte. Humillado na corte, Chanakya desatou a sikha e xurou que non o ataría de novo ata que non destruíse o reino nanda. De acordo co Mudrarakshasa, Chandragupta era o fillo dunha concubina real chamada Mura e pasou a súa infancia no palacio dos nanda. Chanakya e Chandragupta asinaron un pacto con Parvataka (identificado como o rei Poros de Hidaspes por algúns estudosos)[19] ao noroeste da India, feito que lles aseguraba a súa vitoria sobre o Imperio Nanda. O seu exército combinado tivo soldados sacas, yavanes (gregos), kirates, kamboges e vahliks.
Despois da súa vitoria, os territorios do Imperio Nanda dividíronse entre Parvataka e o aliado de Chanakya, Chandragupta. Con todo, despois da morte de Parvataka, o seu fillo Malayaketu buscou o control de todos os antigos territorios nanda. Foi apoiado por Rakshasaa, o exministro do reino Nanda. Varios dos intentos de matar a Chandragupta foron frustrados por Chanakya. Como parte da súa estratexia, Chanakya e Chandragupta escenificaron unha brecha entre eles. Nesta farsa, Chandragupta cesou a Chanakya do seu cargo ministerial, mentres declaraba que Rakshasa era mellor que el. Axentes de Chanakya na corte de Malayaketu fixeron que o rei se virase contra Rakshasa ao suxerir que Rakshasa estaba a piques de substituír a Chanakya na corte de Chandragupta. As actividades dos espías de Chanakya ensancharon aínda máis a brecha entre Malayaketu e Rakshasa. Os seus axentes tamén enganaron a Malayaketu ao facerlle crer que cinco dos seus aliados planeaban unirse a Chandragupta, o que conduciu a Malayaketu a ordenar as súas mortes. Ao final, Rakshasa acaba uníndose a Chandragupta e a coalición de Malayaketu resulta completamente desfeita pola estratexia de Chanakya.
Segundo os textos budistas, Chandragupta era o fillo do xefe do clan Moriya de Pippalivana. Chanakya veuno dirixindo un grupo de mozos da localidade e quedou moi impresionado. Elixiu a Chandragupta como o líder da revolta anti-Nanda.[19]
Varias adaptacións modernas da lenda narran a historia de Chanakya nunha forma semi-ficticia, e estenden estas lendas. En Chandragupta (1911), unha obra de Dwijendralal Ray, o rei nanda exilia ó seu medio irmán Chandragupta, quen se une ao exército de Alexandre o Grande. Máis tarde, coa axuda de Chanakya e Katyayan (o exprimeiro ministro de Magadha), Chandragupta derrota a nanda, que é condenado a morte por Chanakya.[20]
Obras do século XX, por exemplo Chanakya (2001) de B. K. Chaturvedi[21] e Chanakya'*s Chant (2010) de Ashwin Sanghi tamén presentan relatos de semi-ficción da vida de Chanakya. Segundo estes, o pai de Chanakya, Chanak, era amigo de Xakhtar, o primeiro ministro do reino magadha e Chanakya estimaba a Suvashini, filla de Xakhtar. Este perdera gran parte da súa influencia política en favor doutro cortesán chamado Rakshasa, e unha noite, Xakhtar foi encarcerado polo rei Dhana Nanda. A rivalidade da familia de Chanakya co rei Dhana Nanda empezou cando Chanak criticou abertamente o mal goberno do rei. Despois da execución de Chanak polo rei, o exministro Magadha Katyayan enviou a Chanakya a Acharya Pundarikaksha de Takshashila. Chanakya completou a súa educación en Takshashila e alá converteuse en profesor. Despois dalgúns anos, volveu a Pataliputra para reunirse coa súa nai, pero decátase que xa está morta. Tamén se decata que o goberno nanda deteriorouse aínda máis baixo a crecente influencia de Rakshasa, que fixera de Suvashini a súa amante. Cando Chanakya visita a corte real para dar o seu consello, é insultado e encarcerado polo rei. Chanakya é rescatado polos homes do xeneral Maurya, outra persoa que desprezaba o goberno do rei. Chanakya levou a Chandragupta Maurya a Takshashila, onde se formou o mozo. O rei Ambhi, gobernante de Takshashila, aliouse co invasor Alexandre o Grande para derrotar a Parvataka. Chanakya Chandragupta reuniu un grupo de persoas descontentas co goberno de Ambhi e formaron unha alianza con Parvataka para derrotar o rei nanda. As súas primeiras tentativas de conquistar Magadha resultan infrutuosas. De casualidade, Chanakya atopouse cunha nai que rifaba ó seu fillo por queimarse cando comía unha cunca de avea polo medio, en lugar de facelo polos lados, que estaban máis fríos. Chanakya deuse conta do seu erro estratéxico inicial: atacaba Magadha, o centro do territorio nanda. Despois cambiou de estratexia e centrouse na captura das zonas situadas á periferia do Imperio Nanda. Coa axuda de Suvashini, abriuse unha brecha entre o rei e Rakshasa. Finalmente, derrotou o último rei nanda e estableceu un novo imperio con Chandragupta Maurya como emperador.
A identificación habitual de Kautilya ou de Vixnu Gupta co ministro Chanakya de Chandragupta Maurya fai que a obra poida ser datada no século IV aC. Pero as afinidades cos Smriti e as referencias que serían anacrónicas no século IV aC suxiren que o tratado podería datar do período comprendido entre os séculos II e IV antes da nosa era.
É un escrito esencialmente pragmático, que fai caso omiso, como no caso de Niccolò Machiavelli, de toda consideración moral e describe a maneira de gobernar un reino, tanto nos asuntos internos como na diplomacia vis-a-vis cos veciños, aliados ou inimigos.
Preconiza unha actitude moi activa e a miúdo guerreira: crecemento é sinónimo de conquistas. Se estas últimas son arriscadas, o autor sérvese entón da duplicidade para conseguir os seus obxectivos. A estabilidade non parece pois, esencialmente, máis que unha situación provisional.
A obra está composta por quince libros :
O Neetishastra é un tratado sobre a forma ideal da vida, e mostra o profundo estudo de Chanakya da forma de vida da India. Chanakya tamén desenvolveu Neeti-sutres (aforismos - frases concisas) que lle din á xente como se teñen que comportar. Destas famosas 455 sutres, aproximadamente 216 refírense a mana-neeti (os pros e as contras de funcionamento dun reino). Ao parecer, Chanakya utiliza estes aforismos para preparar a Chandragupta e outros discípulos seleccionados na arte de gobernar un reino.
O Arthashastra é un manual serio sobre a arte de gobernar, sobre como dirixir un estado, informado por un propósito superior, claro e preciso nas súas prescricións, resultado da experiencia práctica do funcionamento dun Estado. Non é só un texto normativo, senón unha descrición realista da arte de dirixir un estado. |
Chanakya é considerado como un grande pensador e diplomático na India. Moitos nacionalistas indios considérano como unha das primeiras persoas que pensou nunha India unida, que alcanzaría a totalidade do subcontinente. O Conselleiro de Seguridade Nacional da India Shiv Shankar Menon eloxiou o Arthashastra de Chanakya polas súas regras claras e precisas que se aplican na actualidade. Ademais, recomendaba a súa lectura para ampliar a visión sobre cuestións estratéxicas.[23]
O enclave diplomático en Nova Deli chámase Chanakyapuri en honra de Chanakya, así como un barco escola. A Universidade de Dereito Nacional de Chanakya, o Instituto Chanakya de Liderado Público e o círculo Chanakya de Mysore foron bautizados así en honra súa.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.