Remove ads
política española From Wikipedia, the free encyclopedia
María del Carmen Calvo Poyato, máis coñecida como Carmen Calvo, nada en Cabra (Córdoba) o 7 de xuño de 1957,[1] é unha xurista constitucionalista, política e docente española. Dende xuño de 2018 é a vicepresidenta e ministra da Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade do Goberno de España presidido por Pedro Sánchez.
Doutora en dereito constitucional, foi conselleira de Cultura da Xunta de Andalucía (1996-2004) e ministra de Cultura (2004-2007) no Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero. Comprometida co feminismo e a igualdade de xénero, é coautora de varios libros, entre eles La mujer en España, Política social para la igualdad de los sexos e Política social y Estado de bienestar.
Estudou no colexio das Nais Escolapias e o Instituto Aguilar y Eslava de Cabra. Licenciouse en Dereito pola Universidade de Sevilla en 1980 e doutorouse en Dereito Constitucional pola Universidade de Córdoba.[2] É profesora titular (en excedencia) desta mesma materia na devandita universidade, onde despois asumiu o cargo de secretaria xeral e tamén o de vicedecana da Facultade de Dereito (1990-1994).[3] De 1992 a 1996 foi secretaria do Instituto Andaluz Interuniversitario de Criminoloxía.[4]
Non é ata mediados dos anos 1990 cando decidiu centrarse na súa carreira política. A súa primeira responsabilidade política foi a de conselleira do Consello Económico e Social de Córdoba, posto que asumiu de 1994 a 1996.[4] O seu interese polos temas sociais —defínese como unha convencida feminista— achegoulle á órbita do Partido Socialista Obreiro Español (PSOE).
En abril de 1996, Carmen Calvo foi nomeada conselleira de Cultura da Xunta de Andalucía na quinta lexislatura autonómica, nun Consello de Goberno rexional presidido por Manuel Chaves. Carmen Calvo, que iniciara a súa traxectoria política en 1994 como independente nas filas do PSOE, afiliouse ao devandito partido en 1999.[4]
No ano 2000 logrou un escano no Parlamento de Andalucía por Córdoba nas eleccións autonómicas de 2000 concorrendo como cabeza de lista do PSOE na circunscrición.[4] Manuel Chaves mantívoa á fronte a Consellería de Cultura ata febreiro de 2004.[3]
Da súa etapa de oito anos como conselleira destacan a inauguración do Museo Picasso Málaga de arte contemporánea en 2003, a creación da Biblioteca Virtual de Andalucía, cunha base superior a 500 documentos dixitalizados de acceso público, dentro da lei do Sistema Andaluz de Bibliotecas e Centros de Documentación, a exposición El esplendor de los Omeyas en Córdoba, presenta o Pacto Andaluz polo Libro, para apoiar e fomentar a lectura e apoia importantes investimentos para reformar igrexas e teatros —como o Teatro da Maestranza de Sevilla— e en funcionamento de máis dun centenar de teatros e bibliotecas ademais de desenvolver do Plan de Calidade dos Museos de Andalucía, que incluía a ampliación do Museo Arqueolóxico de Córdoba. Tamén apoiou á cidade cordobesa como Capital Cultural Europea para o ano 2016.
En 2004 debutou como actriz co director José Luis García Sánchez, que a incluíu na montaxe final da cinta María querida, proxecto que apoiou na súa etapa de conselleira de Cultura en Andalucía.[5]
En xaneiro de 2004 deu o salto á política nacional cando José Luis Rodríguez Zapatero, secretario xeral do partido, elixiuna como unha dos dez membros do seu Comité de notables, unha agrupación de políticos socialistas destacados para asesorar a súa campaña para chegar ao Palacio da Moncloa.[6]
Para as eleccións xerais do 14 de marzo de 2004 foi nomeada de novo cabeza de lista do PSOE para o Congreso dos Deputados por Córdoba[7] e destacou no intento de incentivar o voto dos máis novos, que consideraba clave para o partido socialista. Tras a súa elección como deputada, foi nomeada ministra de Cultura, cargo que ocupou entre abril de 2004 e xullo de 2007. Entre os compromisos electorais en cultura atopábanse a celebración en 2005 do cuarto centenario da publicación de Don Quijote de la Mancha, aumentar o investimento en cultura, crear un Ministerio da Cultura e a Comunicación que englobara as políticas de medios de comunicación, a creación do Consello Estatal das Artes en coordinación con autonomías e cidades ademais dunha Lei de Excepcionalidade Cultural e impulsar unha nova lei de mecenado ou patrocinio cultural.
En xuño de 2005, Sophie H. Hall, xuíz do Xulgado de Cook (Illinois, Estados Unidos), declarou en rebeldía por un delito de desacato a Calvo e a outros 25 políticos españois membros do consello de administración do Fórum Universal das Culturas 2004 por non comparecer a unha citación xudicial de marzo de 2005 relativa a unha sentenza ditada en 2004 sobre o Fórum de Barcelona orixinada pola falta de pagamento a unha produtora de cinema norteamericana.[8]
O 6 de xullo de 2007 foi anunciado o seu relevo á fronte do Ministerio de Cultura, sendo o seu sucesor César Antonio Molina, quen xurou o seu cargo o 9 de xullo de 2007.
Tras o seu cesamento, foi vicepresidenta do Congreso dos Deputados e da Deputación Permanente ata o final da lexislatura. Nas eleccións de 2008 volveu ser cabeza de lista por Córdoba e elixida deputada. Durante a lexislatura 2008-2011 foi presidenta da Comisión de Igualdade do Congreso dos Deputados e vogal das comisións de Defensa e de Políticas Integrais da Discapacidade.
En 2011 abandonou temporalmente a primeira liña da política e regresou a dar clases á universidade despois de que José Antonio Griñán decidise apostar pola excomunista Rosa Aguilar, con quen historicamente Calvo mantivo diferenzas políticas, para encabezar a lista do PSOE no Congreso dos Deputados por Córdoba.[9]
En 2012, no contexto das primarias socialistas defendeu a candidatura de Carme Chacón fronte ao finalmente vencedor Alfredo Pérez Rubalcaba.[10] Desde entón Calvo dedicou o seu tempo no partido para crear debates e reflexión na Fundación Alfonso Perales. Entre as súas achegas realizou unha proposta federalista para España.
Nas primarias socialistas de 2017 entre Pedro Sánchez e Susana Díaz, decantouse publicamente por Sánchez en abril sinalando que o que máis lle interesaba de Pedro Sánchez era a súa idea de incrementar e potenciar a democracia interna no PSOE, o que se interpretou como unha crítica a Susana Díaz.[11][12] Na campaña foi unha das coordinadoras da parte dedicada a políticas sociais do proxecto estratéxico de Sánchez Por una nueva socialdemocracia defendendo que o PSOE se posicione en contra dos chamados «ventres de alugueiro».[13]
O 18 de xuño de 2017 foi elixida secretaria de Igualdade da nova executiva do PSOE liderada por Sánchez, en substitución de Carmen Montón.[14]
Calvo, doutora en Dereito Constitucional, foi a persoa de confianza de Pedro Sánchez para pactar a aplicación do 155 sobre Cataluña sendo a portavoz do PSOE na devandita negociación, xunto coa deputada Meritxell Batet e José Enrique Serrano.[15]
Calvo foi elixida por Pedro Sánchez como vicepresidenta do seu novo goberno, tras o éxito da moción de censura que o PSOE presentou contra o anterior goberno de Mariano Rajoy (PP) en xuño de 2018. Ademais do cargo de vicepresidenta, Calvo asumiu as carteiras de ministra da Presidencia e Relacións coas Cortes e de Igualdade, sendo a primeira persoa que ocupa o devandito ministerio mentres exerce a vicepresidencia.[16]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.