From Wikipedia, the free encyclopedia
A cafeteira é un utensilio de cociña usado para preparar a infusión do café, ademais do aparello de cociña que permite preparar o café coma unha bebida quente. Os primeiros aparellos aparecen a finais do século XVIII.[1] Noutrora o café servíase directamente con auga a ferver (café de pota). Polo 1806, Benjamin Thompson inventou un coador para reducir o paso do pouso, mais non conseguiu eliminalos. A comezos do século XX, unha ama de casa de Dresden adicouse a experimentar con diferentes materiais, entre eles un papel secante que utilizaba o seu fillo na escola. O resultado foi perfecto.[2] O complemento da cafeteira é o muíño de café; co que se moe o gran a unha medida concreta para cada clase de cafeteira.
Hai diferentes tipos de cafeteiras, cada unha cunhas características:
A cafeteira de gotexo (con filtro ou coadoiro) consiste nun depósito de auga que se quenta e se fai pasar a través do café moído que está depositado sobre un filtro de papel ou de malla de aluminio ou aceiro. A auga pasa amodo a través do café medianamente mudo, e cae pinga a pinga por gravidade deica o xerro. Usualmente o xerro é de vidro e fica nunha base ou placa eléctrica que o mantén quente. Ideal para preparar varias canecas de café lixeiro ou tipo americano, semellante ao café de pota tradicional galego filtrado cun coadoiro ou lenzo. Funciona con enerxía eléctrica.
A cafeteira expreso (ás veces en italiano espresso) fai pasar auga quente, regularmente 90 °C a presión de 8-15 atmosferas durante 20 a 30 segundos por café mudo moi fino, extraendo o seu sabor e esencia. A preparación básica desta cafeteira é o café expreso. A máquina de café espresso naceu a comezos do século XX, grazas ao enxeñeiro Luigi Bezzera, en Italia, de onde se espallou a toda Europa. Hoxe en día existen diferentes categorías como a manual de panca, hidráulicas e automáticas de errogación continua. É a máis común en restaurantes e cafés en Galiza (tamén en España, Portugal e Italia), aínda que tamén se ten estendido ultimamente nos fogares. Usualmente constan dun portafiltro, filtro, bocal para escumar o leite e o máis importante, a bomba de presión. A presión é a clave e determina a cremosidade do café. A preparación faise logo, menos de dous minutos (de aí o seu nome expreso), e se obtén un café aromático, con corpo e gran sabor. Funciona con enerxía eléctrica.
A cafeteira italiana ou moka consta de dous corpos que se enrodelan pola parte central. A parte inferior é o depósito de auga, que ten unha válvula de seguranza por unha banda e onde se pon un filtro co café, a xeito de funil. A parte superior é o depósito que recibirá o café preparado. A auga ao ferver ceiba vapor, que aumenta a presión dentro do depósito, facendo que a auga suba polo tubo do filtro a través do café moído extraendo a súa esencia e sabor. Ao acadar a parte superior, sae por unha pequena torre furada na punta para evitar que torne abaixo o café preparado e aí se mantén até que todo o café teña saído. Normalmente son fabricadas de aluminio ou aceiro inoxidábel. Úsase un café máis ben fino regular. É un xeito cómodo, rápido e doado de preparar café expreso. Funciona sobre os queimadores da cociña ou lume moderado.
A cafeteira de émbolo, de pistón, francesa ou prensa francesa, permite preparar café de xeito sinxelo e mantendo todos os aceites do café, facéndoo moi suave e delicioso. Esta cafeteira malia ser unha invención italiana, foi popularizada polos franceses, de aí o seu nome. O café require ser moído con gran grande para que non traspase o filtro. A preparación é axiña e sinxela; só se verte auga quente sobre o café moído e se agardan catro minutos. Despois compémese a modo coa prensa ou pistón. Tamén serve para preparar té ou outras infusións de herbas. Non é moi común en Galiza, aínda que pode verse nalgunahs cafetarías para servir tés.
A súa denominación provén de «percoar», que significa facer pasar unha substancia solúbel a través dunha substancia permeábel, especialmente co propósito de crear un composto solúbel.[3] No caso da elaboración de café, a substancia solúbel é a auga, a substancia permeábel é o café moído e o composto solúbel é o café xa elaborado.
Coñecida co nome de cafeteira de baleiro, foi inventada na década de 1830 por Loeff de Berlín.[4]
Moi en voga nos últimos anos, constan de cápsulas individuais que preservan o aroma do café, as máis das veces solúbel. As cápsulas fúranse cun dispositivo mecánico e faise pasar auga a ferver a través delas. Funcionan con enerxía eléctrica e son comúns en fogares domésticos e escritorios. As marcas de café venden gran variedade de aromas.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.