banda estadounidense de hard rock From Wikipedia, the free encyclopedia
Bon Jovi é unha banda estadounidense de Hard Rock, formada en Nova Jersey en 1983. Acadou sona mundial a mediados dos anos 80 con temas como "Livin' on a Prayer", "You Give Love a Bad Name", "Bad Medicine", "Wanted Dead Or Alive" ou "I'll Be There For You".
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde agosto de 2019.) |
Orixe | Sayreville, Nova Jersey, USA |
---|---|
Período | 1983 - presente |
Xénero(s) | hard rock, glam metal, arena rock, pop rock |
Selo(s) discográfico(s) | Polygram Records, Mercury Records, Island Records |
Membros | Jon Bon Jovi (voz e guitarra) Richie Sambora (voz e guitarra) David Bryan (teclados) Tico Torres (batería) Hugh McDonald (baixo desde 1994) |
Antigos membros | Alec John Such (baixo ata 1994) Bobby Bandiera (guitarra na xira 2005-2006 e guitarra na carreira solista de Jon Bon Jovi "Destination Anywhere"-1997) Jeff Kazzee (teclados na xira 2005-2006) |
Na rede | |
www.bonjovi.com | |
|
Foi formada por Jon Bon Jovi (nome artístico de John Francis Bongiovi), con Richie Sambora na guitarra, David Bryan nos teclados, Tico Torres (Héctor Torres) á batería e Alec John Such como baixista (substituído non oficialmente en 1995 por Hugh McDonald). Acadaron grande éxito nas décadas dos 80 e 90, rexurdindo no 2000 co éxito "It's My Life". Na actualidade están promocionando Lost Highway, disco que ocupou o número 1 de álbums na lista de Billboard, sendo un fito histórico para a banda, que xa conta con 24 anos de carreira e arredor de 130 millóns de discos vendidos.
Jon Bon Jovi é fillo de Frank Bongiovi (famoso peiteador estadounidense, fundador da franquía Jon Anthony) e de Carol Sharkey (ex-miss e antiga coelliña de Playboy). De cativo a súa nai intentou introducilo no mundo da música, pero a el non lle interesaba e a súa nai terminou desistindo. Anos máis tarde, na adolescencia, Jon acudiu a un concerto de rock & roll e foi nese momento cando tivo claro o que quería ser, "unha estrela de rock". Antes de acadar o éxito traballou no salón de peiteado do seu pai e limpando pisos de estudios de gravación.
Jon pasou case toda a súa adolescencia escapando do colexio para tocar rock & roll, xeralmente co seu amigo David Rashbaum (David Bryan) co que formou a banda Atlantic City Expressway, que non posuía cancións propias pero que acadou moito éxito nos clubs da zona. En 1980 mudaron o nome por "The Rest". Unha noite, cando se dispuñan a abrir un concerto para Southside Johnny e Billy Squirer no Ritz de Manhattan, foi miralos o seu curmán Tony Bongiovi, un famoso enxeñeiro e produtor de grupos como The Ramones ou Talking Heads, e que era dono dun famoso estudo de gravación no que Jon acostumaba pasar horas axudando no que fose preciso. Tony preguntoulle a Jon como ían as cousas, ó que respondeu: "Odio esta banda, odio esta música, ódiote a ti, pero se podes axudarnos, chámame por teléfono". Días máis tarde, Southside Johnny e Billy Squirer producían a primeira demo de "The Rest". Jon contou despois que iso non era o que el quería, marchando a traballar co seu curmán ós estudos de gravación "Power Station" en Nova York.
A finais dos 70 compartiu o estudio con Steven Tyler, de Aerosmith, David Bowie e Little Steven, gravando algunhas cancións, máis tarde recompiladas no álbum The Power Station Years, do ano 1982.
«Non importa quen estivese gravando no estudo, nunca lles pedín que me deixasen quedar na sesión, pero de cando en cando conectaba con eles e me deixaban quedar. Steven Tyler deixoume estar por alí e velo cantar cando Aeromisth estaba traballando en Rock in a hard place, é algo que nunca esquecerei», .
Tamén coñeceu grandes grupos como The Rolling Stones ou Queen. Estivo facendo presentacións locais, sendo abreconcertos doutras bandas.
En 1981 Jon Bon Jovi gravou por primeira vez, coa canción "R2-D2 We Wish You a Merry Christmas" no álbum especial de Nadal Christmas in the Stars, producido por Tony Bongiovi na Power Station.
En 1983 Chip Hobart, director da emisora Wapp FM, lanzou un disco onde se recompilaba unha canción de cada artista novo, e Jon aproveitou para levar o seu sinxelo "Runaway" (canción escrita en 1980 e que gravara ese ano cando o estudio estaba baleiro), sendo a canción que máis destacou dese álbum. Debido á grande acollida que tivo, pedíronlle facer un concerto, pero necesitaba unha banda propia. Polygram, que xa se fixara en Jon, fíxolle un gran contrato dándolle a liberdade de contratar ós músicos que el quixese. Jon recrutou a David Bryan, co que xa tocara , o baixista Alec John Such, membro de The Message, quen chamou a Tico Torres para que se instalase na batería. Logo uniuse Richie Sambora, quen logo de ver á banda nun concerto díxolle a Jon que el sería o novo guitarrista. E así, o 21 de xaneiro de 1984 sae á venda o seu primeiro disco, Bon Jovi, co xa mencionado sinxelo "Runaway", que chegou ó top 40. Tamén incluía temas como "She Don't Know Me", "Love Lies" ou "Roulette".
En 1985 lograron o disco de Ouro co álbum 7800 Degrees Fahrenheit, do que lanzaron os sinxelos "In And Out Of Love", "Silent Night" e "Only Lonely", canción que escribiu Jon pouco despois de romper coa súa moza, cando lle deu a elixir entre a música e ela. O disco logrou certo interese, pero non o éxito que desexaban e esperaban. O desinterese manifestábase debido á presenza de baladas, calidade esta na que máis fincapé fixeron os seus detractores, dándolle unha imaxe falsa e mol do que é o Heavy Metal, xa que, nesa época o público do xénero demandaba un son e unha imaxe que reivindicase posturas de rebeldía. Só dous grupos lograran romper as barreiras entre pesados e suaves: Def Leppard e o propio Bon Jovi.
Ese mesmo ano participaron no festival "Monsters Of Rock", pero non foi suficiente para dar o salto á fama. Non conseguiron asistir ó Live Aid. Ese ano Jon Bon Jovi coñeceu a Cinderella, facendo unha xira xuntos polos Estados Unidos.
Debido a que o seu último álbum acadara un éxito moderado, puxéronse a traballar no lanzamento do seu decisivo terceiro álbum, Slippery When Wet, en 1986, que non só significou o seu lanzamento ó estrelato, senón que foi un dos álbums máis vendidos de 1986 e da década dos 80. Para este lanzamento contaron coa axuda do reputado produtor e compositor Desmond Child. O disco vendeu máis de 12 millóns de copias nos EE.UU, onde os sinxelos "You Give Love A Bad Name" e "Livin' on a Prayer" foron número un. "Livin' On A Prayer" estivo 4 semanas no primeiro lugar da revista Billboard, o álbum estivo no top 5 durante 38 semanas e 46 semanas no top 10. Tamén triunfaron as cancións "Never Say Goodbye", "Raise Your Hands", "Wild In The Streets" e "Wanted Dead Or Alive", que se converteu na insignia da banda).
En outubro o disco chegou ó número 1 nos Estados Unidos, onde estivo 8 semanas. No Canadá logrou 10 discos de platino, dous no Reino Unido, un de ouro en Alemaña, España, Italia, Finlandia, Suecia e o Xapón. A fama chegou a tal punto que Jon asinaba con outro nome nos hoteis onde se aloxaban para pasar desapercibido.
En 1987 Jon participou no show de "Donnington '87" xunto a Bruce Dickinson, vocalista de Iron Maiden, Paul Stanley, vocalista de KISS, e Dee Snider vocalista de Twisted Sister.
En 1988 aparece o exitoso New Jersey. Orixinalmente se pensara nun álbum dobre, pero a idea foi descartada pola compañía discográfica. Vendéronse máis de 16 millóns de copias, editándose cinco sinxelos exitosos, chegando dous deles ó número 1: "Bad Medicine" e "I'll Be There For You". Tamén "Born To Be My Baby", "Lay Your Hands On Me" e "Living In Sin" entraron no top 10. Durante esta época foron os seus abreconcertos grupos como Cinderella ou Vixen.
En 1989 Jon Bon Jovi xunto a Richie Sambora nunha presentación interpretaron a canción "Wanted Dead or Alive" en vivo, pero armados só con dúas guitarras acústicas, nos MTV Video Music Awards. Esta presentación fascinou ós seus seguidores, e provocou a iniciativa de MTV de crear os especiais acústicos chamados MTV Unplugged, que terían moi boa acollida nos anos 90, sendo Bon Jovi pioneiros con "Evening With Bon Jovi".
Posteriormente, cando se editou o video de "Living In Sin", a banda recibiu algunhas críticas en MTV polo seu contido explícito, polo que, a pedido da cadea, a banda tivo que reeditalo. A xira do New Jersey foi tan longa (237 concertos) que acabou deteriorando fisicamente ós membros. No medio da xira Jon casou con Dorothea Hurley (á que coñecera cando estudaba) en segredo en Las Vegas.
Os problemas nas posteriores xiras debidos á tensión e ó desgaste físico, ocasionaron que a banda fixera unha paréntese. A súa inactividade a finais de 1989 e principios dos 90 levou a pensar na disolución da banda. Dita idea viuse alimentada cando en 1990 Jon Bon Jovi, en calidade de solista, editou o seu segundo álbum, Blaze of Glory, que constituíu a banda sonora da película Young Guns II. O director da película solicitara a Jon que presentase "Wanted Dead or Alive", éxito de Slippery When Wet, como tema principal da banda sonora, pero Jon viu mellor facer un novo álbum cunha temática do Oeste.
O seu primeiro sinxelo, "Blaze of Glory", é unha especie de segunda parte de "Wanted Dead or Alive", e foi postulado ó Oscar na categoría de "Mellor Canción orixinal", e gañou un Globo de Ouro como "Canción do Ano". Outros éxitos do álbum foron "Billy Get your Guns", "Dying Ain't Much of a Living" ou "Miracle.
Mentres tanto, Richie quixo probar como solista editando o seu primeiro álbum fóra de Bon Jovi, Stranger in this Town, que tivo unha acollida moderada.
En 1992 reintegrouse o quinteto, lanzando ó mercado o álbum Keep The Faith, co que a banda experimentou un cambio musical, para estar acorde cos novos tempos e manterse en boa brecha, o que provocou moitas críticas. Estas incrementáronse polo cambio radical da súa aparencia.
Ante estas críticas Jon declarou:
«En ocasións penso que é o mellor que fixemos. Keep the Faith ten un montón de temas excelentes; "I'll Sleep When I'm Dead", trata dunha rapaza que baila sobre unha mesa; "Blame it on the Love of Rock n' Roll", fala de cando eramos novos e diciamos "vou tocar no Madison Square Garden" algún día, e os teus amigos contestábante "si, claro, por suposto..."; "Keep the Faith" é un tema máis serio e recoñece o dura que é a década dos noventa. Reflicte a decepción da banda ante a indiferenza cara os problemas e trata de dar unha mensaxe positiva nestes tempos tan difíciles; "I Believe" ten un diálogo moi serio: destrúe o mito da idolatría. "If I was your Mother" trata dun tipo que está obsesionado coa relación que ten coa súa moza. Garantízovos que non é a parte dous ou tres de Slippery ou New Jersey. Non son as mesmas cancións, as mesmas estruturas, pero falamos da mesma banda».
Despois de todo arrasan novamente e amosan a súa calidade en cancións como "Keep the Faith", "Bed Of Roses", "In these arms", "I'll Sleep When I'm Dead", "I Believe" ou "Dry county" (ademais da primeira canción en castelán da banda, "Cama de Rosas"). O álbum logrou vender 10 millóns de copias a nivel mundial, e con el iniciaron outra xira mundial, que os levou por segunda vez a Latinoamérica.
En 1994 tomouse en consideración a posibilidade de publicar un recompilatorio dobre en directo, pero ó final lanzouse ó mercado o álbum recompilatorio Crossroad 14 classic grooves, que contén ademais dous temas novos: "Always" e "Someday I'll Be Saturday Night", cos que arrasaron novamente coas listas europeas e americanas. O álbum vendeu 25 millóns de copias a nivel mundial. No mesmo ano Alec John Such abandonou a banda, sendo substituído de forma non oficial por un vello amigo, o baixista Hugh McDonald, que xa gravara con Jon e a banda The All Star Review o seu primeiro éxito, "Runaway", en 1982.
En 1995 lanzaron ó mercado o álbum These Days, con temas máis escuros que nas súas anteriores producións, sobre todo as cancións "Hey God" e "Something To Believe In", cunhas letras que deron moito que falar. These Days foi un disco moi vendido en Europa, se ben nos Estados Unidos tivo un éxito moderado. Deste álbum editáronse os sinxelos "Hey god", "Something for the pain", "Hearts Breaking Even", "Damned", "These days", "This is ain't love song" ("Como Yo Nadie Te Ha Amado" na versión en castelán) e a suave "Lie to me".
En xuño dese ano a banda tocou no mítico Estadio de Wembley, en Londres. Foron os días 23, 24 e 25, con cheos absolutos de 72.000 persoas por noite. A terceira noite foi gravada e editada en vídeo como Live From London, con 11 temas dos máis de 20 que tocaron.
Logo da emisión de These Days, cando a banda aínda non terminara a xira de Crossroad e trala saída de Alec, Jon manifestou:
"Tivemos álbums enormes, como tivemos álbums non tan enormes; con tal de que eu estivese contento con eles non me importaba. Eu estou moi contento de que o álbum dos mellores éxitos fose tan enorme; iso si é un gran pracer, pero o que é importante é que a nós nos gustan as cancións e tamén ó público que as escoita; These Days é a continuación dunha aventura da banda. Ninguén sabe onde terminará, pero eu sei que non estamos retrocedendo".
En 1996 continúa a xira mundial de These Days, percorrendo case toda Europa, América e o Xapón con cheos totais.
Nestes tempos Richie casou coa actriz Heather Locklear; a esposa de David tivo xemelgos e Tico, que era tamén pintor e piloto, casou coa modelo Eva Herzigova; por todo isto a banda decidiu facer unha nova paréntese, separándose despois do seu tour por Londres en 1996.
En 1997 Jon Bon Jovi editou o seu terceiro álbum como solista, Destination Anywhere, onde aparecen bos temas de pop, como "Janie, Don't take your Love to Town", "Naked", "Midnight in Chelsea", "Destination Anywhere", "Queen of New Orleans" ou a canción en castelán "Miro a tu Ventana". Son temas escritos en distintas partes do mundo. Richie Sambora, pola súa parte, edita Undiscovered Soul, o seu segundo álbum como solista, con temas como "Hard Times Come Easy" ou "Made in America". David Bryan tamén editou nese ano o seu primeiro disco en solitario, Lunar Eclipse, con temas instrumentais (todas a piano e creadas por el), máis o éxito do 92 "In These Arms" en versión cantada por el.
Nestes anos Jon converteuse en modelo e artista de cine, participando en películas como "Little City", "Moonlight and Valentino" e "Destination Anywhere" onde comparte o protagonismo con Demi Moore.
O 31 de xaneiro de 1998 houbo un concerto chamado "Jon Bon Jovi and Friends Come Together", en homenaxe a Patrick King, que fora asasinado o 20 de novembro de 1997. Logo Jon participou no evento humanitario "Pavarotti and Friends", onde interpreta xunto a Luciano Pavarotti a canción "Let it Rain".
En 1999 editouse o videoclip da canción "Real Life", onde aparece toda a banda xunta (a excepción de David Bryan, que sufrira un accidente onde case perdeu a man) como banda sonora da película Ed TV, e como aviso de que a banda regresaba novamente.
No 2000 lanzaron o esperado Crush, álbum que significou a reaparición da banda, gravado no estudio de Jon Bon Jovi. Foi un dos discos máis vendidos e escoitados dese ano, con sinxelos como "It's my life", que conseguiu grandes vendas e se consolidou como a canción do ano nos premios VH1. Tamén tiveron boa acollida os sinxelos "Say Isn't So", "Thank You For Loving Me" e "One Wild Night", canción que se aproveitou para titular o primeiro disco en vivo do grupo en case 20 anos de carreira. A madurez compositiva do grupo aumentou con temas tan diferentes no seu repertorio como "Next 100 years", "Two story town" ou "Just Older. O álbum vendeu máis de 13 millóns de copias a nivel mundial, e logrou dobre disco deplatino nos Estados Unidos.
A banda tocou por primeira vez no teito dun edificio no programa "The Late Show with David Letterman". Recibiu os nomeamentos ó Grammy por "Mellor álbum de rock", "mellor interpretación de rock de grupo ou dúo" por "It´s My Life". Ese mesmo ano Bon Jovi logrou o premio "My VH-1 Award" por "O meu Video Favorito", e realizou dous concertos con cheos absolutos no Wembley Stadium de Londres, antes de que fora derrubado.
Desde entón lanzaron discos con sinxelos de boa recepción nas radios, como "One Wild Night" (2001), unha recompilación de cancións gravadas de concertos en vivo entre 1985 e o 2001. Este disco non gustou a algúns seguidores, xa que nel se incluíron temas como "I Don't Like Mondays" ou "Rockin' In The Free World", deixando de lado clásicos como "Lay Your Hands On Me", "Born To Be My Baby" ou "Always", e sobre todo, por que o álbum reunía actuacións en vivo da banda ó longo da súa historia e non un concerto íntegro da última xira como se esperaba. A banda realizou unha xira de 54 shows por 15 países ante máis de 2 millóns de persoas.
No 2002 lanzaron o disco Bounce, inspirado nos atentados do 11 de setembro. Foi un disco exitoso, do que se despreden os sinxelos "Everyday", "Misunderstood", "Undivided" e "All about Loving you". Un disco guitarreiro e metaleiro pero que non chegou a enganchar masivamente como se esperaba en Europa, pero si en América e o Xapón. Tamén se desprenden temas bos como "Bounce", "The distance" ou "Hook me up. O álbum vendeu aproximadamente 8 millóns de copias e de novo supuxo unha gran xira mundial de grande éxito, con concertos acústicos en varias cidades previos ás grandes actuacións.
No 2003 editouse This Left Feels Right, unha antoloxía dos seus mellores éxitos pero cun estilo totalmente diferente e, ademais, nun formato case acústico. No seu lugar pensábase realizar un disco acústico, gravado en Iocoama (Xapón) no 2003 xunto a unha orquestra, pero á hora de mesturar as cancións pensaron que o mellor era gravalas todas de novo, pero cun xiro á esquerda. Unha vez no estudio a banda considerou que un álbum acústico en directo non achegaba nada significativo a Bon Jovi naquel momento, o que os motivou a coller os éxitos e traballar sobre eles dándolles un novo punto de vista. Jon sinalou:
«Creo que a mellor definición para este álbum é "ecléctico", sabes?, o título "Esta esquerda séntese dereita" (ou correcta, ben...), isto é o que é o noso novo álbum, unha re-introdución a vellos amigos, un disco moi diferente, que ós seguidores lles gustará moito e que tentará a nova xente que nunca escoitou á banda antes a escoitarnos».
O dobre DVD que recolle o concerto no Casino Borgata bateu récords de vendas na súa primeira semana. Porén, o álbum non conseguiu as metas esperadas. Jon, nunha entrevista realizada a principios do 2007, deu a coñecer a súa desconformidade con este proxecto:
«Gravamos o disco de grandes éxitos e eu sentíame realmente artístico con este novo traballo, sabes? Era algo inédito, e o sacamos á venta. Foi un fracaso, un total fracaso. Os críticos dixeron: «Non xoguen cos nosos recordos nin coas nosas memorias». Foi un duro golpe sobre a miña cabeza, como un martelazo! Aquilo foi un espertar para min. Eu chamábao arte cando en realidade non o era. Os críticos cuestionábanme, onde estaba a arte? Se a verdadeiro arte estaba nos éxitos orixinais, iso foi unha crítica construtiva moi boa. Definitivamente, non o faría de novo.».
No 2004, en agradecemento á gran cantidade de seguidores, sacan o seu Box Set chamado 100'000,000 Bon Jovi Fans Can't be Wrong, unha colección de 4 CD's e un DVD como recompilación de 50 cancións inéditas, no que celebran os seus 20 anos e no que centos de fans teñen a posibilidade de escribir no booklet. Del destacan "Why aren't you dead?", "The Radio Save My Life Tonight", "Good guys don't always wear white", a versión 2004 da banda sonora da película Ed TV, "Real Life" ou "Open all night". Algunhas das cancións son demos ou versións distintas ("Temptation", "Real Life", "Someday I'll be saturday night"...) de caras B ou BSO.
A comezos do 2005 dan algúns concertos en Filadelfia (xaneiro) e Las Vegas (abril). Neste último tocan por primeira vez unha canción do novo álbum, pero non foi ata xullo, no concerto benéfico "Live 8" sintonizado en MTV, onde tocan por primeira vez o tema que daría nome ó novo disco.
Have A Nice Day editouse en setembro do 2005, un disco que mantén a frescura e o son de sempre pero dirixido a un campo máis amplo de público. Na súa semana de lanzamento acadou o número 1 en vendas no Canadá, Alemaña, Austria, Xapón, Australia e en xeral nas vendas totais de Europa, chegando ó número un do chart europeo. Nos Estados Unidos debutou no número 2 do chart, sendo o seu mellor debut en toda a súa historia.
Have A Nice Day vendeu máis de 9 millóns de discos en todo o mundo. Del editáronse 3 sinxelos: "Have a nice day", "Welcome to wherever you are" e "Who says you can't go home". Deste tema fíxose unha versión country coa vocalista da banda Sugarland, Jennifer Nettles, que tivo moito éxito principalmente nos Estados Unidos e que acadou un premio da Música Country. Ademais, foi a primeira canción country, desde unha banda de rock, en acadar o número un nos charts country dos Estados Unidos. Neste disco tamén aparecen temas como "I Want to be Loved", "Story of my life", "I Am", "Complicated", "Dirty little secret" ou "Unbreakable".
A xira "Have a nice day Tour" converteuse nun éxito mundial, facendo de cada concerto un show diferente onde recuperaron antigos éxitos en directo. Malia seren recibidos na casa branca durante esta xira, non pasaron por España nin por Latinoamérica.
A xira estivo a piques de ser suspendida por problemas persoais nas familias de David e Richie. Este último, ademais de recibir unha petición de divorcio por parte da súa muller, lesionouse un brazo e recibiu anova de que o seu pai tiña cancro de pulmón. Malia a depresión que arrastraba e que a lesión lle impedía tocar en plenitude de condicións, optou por non deixar tirados ós seguidores.
O Tour "Have a Nice Day" acabou sendo un éxito de público, destacando os concertos de Dublín e Milton Keynes. O Tour terminou en Nova Jersey, no Giants Stadium, con tres actuacións con cheos o 18, 19 e 29 de xullo.
O 14 de novembro de 2006 tivo lugar a terceira cerimonia do UK Hall of fame, onde a banda, xunto a Led Zeppelin, Rod Stewart, James Brown e Brian Wilson, pasou a formar parte das lendas da música ó entrar no Salón da Fama do Reino Unido, sendo a banda máis nova en formar parte deste selecto grupo.
Días despois Bon Jovi foi nomeado ó Grammy polo dueto country "Who says you cant go home?" con Jennifer Nettles (Sugarland), premio que acabaron conseguindo, sendo a primeira banda de Rock en gañar premios nesa categoría e permanecer primeiros nas clasificacións Country.
Décimo disco, cun toque country que lle dá frescura á banda. As guitarras slide e pedal steels soan en todo o álbum, destacando en temas como "Whole lot of leavin", "Lost highway" (2º sinxelo) ou "I love this town". Tamén ten baladas suaves como "(You want to) Make a memory" (1º sinxelo), "Everybody's broken" e "Till we ain't strangers anymore" xunto a Lee Ann Rinnes (3º sinxelo), a banda demostra que sen acordes moi complicados, é posible facer temas de moitísima calidade lírica e vocal. É un disco que fala moi ben do aspecto creativo da banda, que trata de sorprender co toque típico de rock que acostuma con "Any Other Day". A canción máis potente do disco é "We got it goin' on", tema rockeiro por excelencia, interpretado xunto a Big & Rich.
Lost Highway lanzouse o 19 de xuño, e a banda comezou a realizar pequenas presentacións en distintos lugares arredor do mundo. O 6 de xuño gravaron un unplugged para MTV, VH1 e CMT, espectáculo que iniciaran nos "MTV Video Music Awards" de 1989. A banda interpretou os seus mellores éxitos en formato acústico, que xa é bastante usual na banda ultimamente. Porén, a presentación foi algo decepcionante debido a que Richie non se encontraba en condicións para tocar e durante o espectáculo estivo bastante desanimado e sen forzas. Logo deste concerto decidiu internarse e comezar unha desintoxicación das súas adiccións, das que non se falou nin se especificaron. Saíu rehabilitado ós poucos días, tocando o 24 de xuño no concerto inaugural no O2 Arena de Londres.
O vocalista, xunto con Fito Páez e Aleks Sintek, deu un concerto a beneficio do Bosque de Chapultepec no Antigo Colexio De San Ildefonso, en México D.F. o 19 de xullo de 2007.
Recentemente o álbum Lost Highway acadou o 1º posto en álbums, algo que non acadaran desde 1988 co New Jersey. A xira deste disco iniciouse en xaneiro de 2008 cunha serie de 10 concertos en Nova Jersey, no Prudential Center, para seguir por terras canadenses. A banda mudaba a lista de temas en cada concerto, e Richie Sambora xa estaba plenamente recuperada, polo que a xira prometía. En novembro confirmouse a presenza do grupo en España o 1 de xuño no Estadi Olímpic de Barcelona, concerto que xa ten as entradas esgotadas.
Bon Jovi volveron ser nomeados para os premios Grammy: á mellor interpretación vocal a dúo ou en grupo por "(You Want To) Make a Memory" e ó mellor álbum pop (malia que, segundo os propios membros da banda, ten un aire country).
Jon Bon Jovi
Richie Sambora
David Bryan
Son os álbums onde aparece polo menos unha canción extra da banda.
Sinxelos, caras-B ou unreleased
|
|
|
|
Ano | Premio | Categoría |
---|---|---|
1987 | MTV Video Music Awards | Mellor Actuación en Escenario nun Video por "Livin' on a Prayer" |
1988 | American Music Awards | Mellor Banda de Rock |
1990 | Globo de Ouro | Mellor Canción por "Blaze of Glory" (Soundtrack de Young Guns II) |
1991 | American Music Awards | Mellor Sinxelo por "Blaze of Glory" |
1991 | MTV Video Music Awards | Premio "Video Vanguardista" |
1992 | Libro Guiness dos Récords | Disco de Ouro máis rápido dos anos 90 |
1993 | Libro Guiness dos Récords | A banda máis ruidosa en vivo |
1995 | World Music Awards | Banda do Ano |
1995 | MTV Europe Music Awards | Mellor Rock |
1996 | Brit Awards | Mellor Banda Internacional |
1997 | MTV Europe Music Awards | Mellor Artista Masculino (Jon Bon Jovi) |
1998 | Brit Awards | Artista Internacional Masculino (Jon Bon Jovi) |
2001 | VH1 Music Awards | Vídeo do ano por "It's My Life" |
2001 | Banco de Alimentos de Monmouth e Condados del Océano | Humanitario do ano polo seu traballo caritativo de parte da xente de Nova Jersey. |
2002 | VH1 Music Awards | Mellor espectáculo en Vivo |
2002 | MTV Asia Awards | Mellor Artista Rock |
2004 | American Music Awards | Honor ó Mérito |
2005 | World Music Awards | Premio Diamante por vender 100 millóns de discos |
2006 | Country Music Television Awards | Mellor Canción Country por "Who Says You Can't Go Home" |
2006 | UK Music | Salón da Fama |
2007 | People's Choice Awards | mellor canción de rock por "Who Says You Can't Go Home" |
2007 | GRAMMY | Mellor dueto country por "Who Says You Can't Go Home" |
Ano | Canción | EUA | US Main Rock | AUS | Reino Unido | US AC | LAT | Álbum |
---|---|---|---|---|---|---|---|---|
1983 | "Runaway" | 39 | 18 | - | - | - | 8 | Bon Jovi |
1984 | "She Don't Know Me" | 48 | 29 | - | - | - | 5 | Bon Jovi |
1985 | "In And Out Of Love" | 69 | 37 | - | - | - | - | 7800 Degrees Fahrenheit |
1985 | "The Hardest Part Is the Night" | 94 | 56 | 40 | 68 | 78 | 29 | 7800 Degrees Fahrenheit |
1985 | "Only Lonely" | 54 | 28 | - | 24 | - | 17 | 7800 Degrees Fahrenheit |
1986 | "Silent Night" | - | 24 | - | - | - | - | 7800 Degrees Fahrenheit |
1986 | "You Give Love a Bad Name" | 1(2sem.) | 1(2sem.) | 2 | 4 | 3 | 2 | Slippery When Wet |
1986 | "Wanted Dead or Alive" | 1(2sem.) | 3 | 2 | 3 | 7 | - | Slippery When Wet |
1987 | "Livin' On a Prayer" | 1(8sem.) | 1(4sem.) | 1(4sem.) | 1(5sem.) | 1(6sem.) | 1(4sem.) | Slippery When Wet |
1987 | "Never Say Goodbye" | 28^ | 11 | 1(2sem.) | 2 | - | 1 | Slippery When Wet |
1987 | "Edge of a Broken Heart" | 38^ | 23 | 45 | - | 2 | - | Disorderlies Soundtrack |
1988 | "Bad Medicine" | 1(4sem.) | 1(3sem.) | 4 | 2 | 2 | 1(2sem.) | New Jersey |
1988 | "Born to Be My Baby" | 1(3sem.) | 7 | 3 | 2 | 3 | 18 | New Jersey |
1989 | "I'll Be There For You" | 1(6sem.) | 12 | 1(5sem.) | 1 | 1 | 1(3sem.) | New Jersey |
1989 | "Lay Your Hands On Me" | 7 | 20 | 23 | 18 | 2 | 2 | New Jersey |
1989 | "Living In Sin" | 9 | 37 | 10 | 35 | 10 | 10 | New Jersey |
1992 | "Keep The Faith" | 9 | 1(3sem.) | 1(5sem.) | 3 | 3 | 2 | Keep The Faith |
1993 | "Bed Of Roses" | 1(5sem.) | 10 | 1(3sem.) | 1(4sem.) | 2 | 1(9sem.) | Keep the Faith |
1993 | "In These Arms" | 2 | 3 | 10 | 2 | 2 | 2 | Keep the Faith |
1993 | "I'll Sleep When I'm Dead" | 7 | 9 | 4 | 7 | 10 | 5 | Keep the Faith |
1993 | "I Believe" | 23 | 2 | 40 | 11 | 2 | 9 | Keep the Faith |
1994 | "Dry County" | 2 | 1(6sem.) | 1(2sem. | 1(2sem.) | 33 | 1(3sem.) | Keep the Faith |
1994 | "Always" | 2 | 45 | 1(4sem.) | 1(3sem.) | 1(2sem.) | 1(12sem) | Cross road |
1994 | "Someday I'll Be Saturday Night" | 23 | 12 | 10 | 7 | 12 | 9 | Cross Road |
1994 | "Please Come Home for Christmas" | 98 | 87 | 23 | 7 | 70 | 43 | A Very Special Christmas, Vol. 2 |
1995 | "This Ain't a Love Song" | 14 | 1 | 4 | 1 | 22 | 1 | These Days |
1995 | "Something For The Pain" | 26 | 11 | 14 | 8 | 98 | 89 | These Days |
1995 | "Lie to Me" | 28 | 3 | 10 | 10 | 4 | 4 | These Days |
1996 | "These Days" | 2 | 2 | 38 | 1 | 1 | 1(2sem.) | These Days |
1996 | "Hey God" | 70 | 2 | 5 | 13 | 6 | 2 | These Days |
1999 | "Real Life" | - | - | 52 | 21 | - | - | EDtv (banda sonora) |
2000 | It's My Life | 3 | 1(2sem.) | 1(4sem.) | 1(3sem.) | 1(4sem.) | 1(8sem.) | Crush |
2000 | "Say It Isn't So" | - | - | 9 | 10 | - | 12 | Crush |
2000 | "Thank You for Loving Me" | 57 | 40 | 34 | 12 | 15 | 2 | Crush |
2000 | "One Wild Night" | 23 | 23 | 35 | 10 | 2 | 1 | Crush |
2002 | "Everyday" | 3 | 31 | 5 | 1 | 1 | 1 | Bounce |
2002 | "Misunderstood" | 23 | 2 | 33 | 21 | 64 | 17 | Bounce |
2003 | "All About Lovin' You" | 56 | 88 | 31 | 9 | 12 | 1 | Bounce |
2003 | "Bounce" | 3 | 39 | 4 | 2 | 3 | 1 | Bounce |
2005 | "Have A Nice Day" | 53 | 38 | 8 | 6 | 24 | 1 | Have A Nice Day |
2005 | "Who Says You Can't Go Home" | 1(2sem.) | 2 | 1(2sem.) | 1 | 1 | 1(2sem.) | Have A Nice Day |
2005 | "Welcome To Wherever You Are" | 43 | - | 12 | - | - | 4 | Have A Nice Day |
2007 | "(You Want To) Make A Memory" | 27 | - | 32 | 3 | 5 | 3 | Lost Highway |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.