arqueólogo e numismático sueco From Wikipedia, the free encyclopedia
Bengt Johan Nerén Thordeman, nado en Norrtälje, condado de Estocolmo, o 22 de setembro de 1893 e finado en Estocolmo o 24 de marzo de 1990, foi un anticuario, arqueólogo, historiador e numismático sueco,[1] que presidiu a Sociedade Numismática Sueca (1936-1947) e foi responsable da Dirección Nacional de Patrimonio (1953-1960).
![]() Bengt Thordeman nas escavacións da Batalla de Visby (ca. 1928-1930). | |||||||||||
Biografía | |||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Nacemento | Bengt Johan Nerén Thordeman. 22 de setembro de 1893 Norrtälje Estocolmo. | ||||||||||
Morte | 24 de marzo de 1990 (96 anos) Estocolmo. | ||||||||||
Lugar de sepultura | Cemiterio vello de Uppsala. | ||||||||||
Cargos | |||||||||||
Presidente da Sociedade Numismática Sueca | |||||||||||
Período | 1936 – 1947 | ||||||||||
Director Nacional de Patrimonio de Suecia | |||||||||||
Período | 1952 – 1960 | ||||||||||
Datos persoais | |||||||||||
País de nacionalidade | Sueco. | ||||||||||
Educación | ![]() | ||||||||||
Q89547790 | Escavacións da Batalla de Visby. | ||||||||||
Actividade | |||||||||||
Campo de traballo | Arqueoloxía e estudo da historia da arte | ||||||||||
Ocupación | Anticuario, arqueólogo, numismático e historiador da arte. | ||||||||||
Empregador | Universidade de Uppsala. | ||||||||||
Membro de | Instituto Arqueolóxico Alemán. Asociación Científica Finlandesa. Real Academia das Ciencias de Suecia. Academia Real Sueca de Letras, Historia e Antigüidades. | ||||||||||
Lingua | Sueco. | ||||||||||
Familia | |||||||||||
Cónxuxe | Karin Isabella Stavenow. | ||||||||||
Fillos | Gunilla e Brigitta Thordeman. | ||||||||||
Pais | Johan Victor Thordeman. e Hildegard Nerén. | ||||||||||
Descrito pola fonte | Vem är det 1925 (en) , (sec:Thordeman, Bengt Johan Nerén, p.751) >>>:Thordeman, Bengt Johan Nerén Vem är det 1933 (en) , (sec:Thordeman, Bengt Johan Nerén, p.839–840) >>>:Thordeman, Bengt Johan Nerén Vem är det 1939 (en) , (sec:Thordeman, Bengt Johan Nerén, p.828) >>>:Thordeman, Bengt Johan Nerén | ||||||||||
Lista
|
Thordeman acadou sona como arqueólogo como responsable das escavacións das fosas comúns da Batalla de Visby, en Gotland.
Bengt Thordeman naceu na parroquia de Ununge, pertencente ao municipio de Norrtälje, no condado de Estocolmo, fillo de Hildegard Nerén e de Johan Victor Thordeman.[2][3] Pasou a súa infancia no barrio de Spånga, na capital sueca, onde o seu pai acabou sendo vigairo.[4]
Logo da súa educación secundaria, cursou estudos superiores de Historia da Arte e de Arqueoloxía na Universidade de Uppsala, onde en 1919 se licenciou,[4] e en 1921 acadou o seu doutoramento. Entre 1920 e 1926 foi profesor asociado de Historia da Arte e Arqueoloxía Medieval na mesma universidade.[2][4]
En 1924, Bengt Thordeman incorporouse como asistente no Museo de Historia de Suecia. No seo desta institución, en 1933 accedeu á dirección do Gabinete Real de Moedas.[2][4] En 1952 foi nomeado Anticuario Nacional, responsable da Dirección Nacional do Patrimonio de Suecia (Riksantikvarieämbetet)[5] e do Museo de Historia de Suecia, cargo que ocupou ata a súa xubilación en 1960.[2][4]
Durante o tempo que Thordeman estivo adscrito ao Museo de Historia, publicou numerosos artigos culturais e colaboracións en xornais como Svenska dagbladet, que posteriormente se recolleron nunha publicación titulada Från helgedom till museum ("Do santuario ao museo"), editada en 1958 con motivo do seu 65 aniversario.[4][6]
Thordeman foi membro do Consello de Investigación en Humanidades (1952-1962) e presidente do Comité sobre Tecnoloxía Museística do Consello Internacional de Museos (1948-1955) e da xunta do Museo Nacional de Historia Marítima (1960-1964). Entre outras sociedades eruditas e entidades asociativas, presidiu a Sociedade Numismática Sueca (1936-1947)[7] e a Asociación Sueca de Museólogos (1948-1950) e a Sociedade Arqueolóxica Sueca (1951-1953), e foi membro da Sociedade de Anticuarios de Londres e da Royal Numismatic Society.[2]
Tamén foi elixido membro da Academia de Letras, Historia e Antigüidades de Suecia (1947) e da Academia de Ciencias (1957). Foi membro do Instituto Arqueolóxico Alemán e da Sociedade Científica Finlandesa, e vicepresidente do Instituto Sueco de Atenas (1959-1968).[2]
Como arqueólogo, o primeiro traballo salientable de Thordeman foi a dirección das escavacións do palacio medieval de Alsnö Hus,[8] na illa Adelsö, no lago Mälar, entre 1916 e 1920, para a que foi proposto por Oscar Almgren, daquela profesor de Arqueoloxía Nórdica na Universidade de Uppsala.[4]
Posteriormente dirixiu, entre 1928 e 1930, a escavación de varias fosas comúns da Batalla de Visby (1361), nas que se ensaiou o método exacto de escavación arqueolóxica sobre o terreo, que máis tarde se coñecería como o "método escandinavo". A partir de 1905 acháranse nas proximidades do campo de batalla cinco fosas comúns con máis dun milleiro de esqueletos, xunto coas súas pertenzas persoais e as súas armaduras.[9] Thordeman logrou documentar as fosas exhaustivamente e tamén publicou os seus achados, centrándose sinaladamente nas faldras de placas e nas manoplas blindadas descubertas, que reconstruíu e situou no seu contexto histórico armamentístico. A súa obra Armour from the Battle of Wisby 1361 ("Armaduras da Batalla de Wisby 1361"), publicada en dous volumes entre 1939 e 1940, foi a primeira publicación exhaustiva sobre este tema e aínda hoxe se considera un traballo de referencia sobre o tema.[10][11]
Bengt Thordeman casou con Karin Isabella Stavenow (1899-1996), con quen tivo dúas fillas.[2][3]
Thordeman faleceu na parroquia de Engelbrekt, distrito de Östermalm, no centro de Estocolmo, o 24 de marzo de 1990, á idade de 96 anos.[4] O seu corpo soterrouse na tumba familiar da súa esposa no cemiterio vello de Uppsala.[12][6]
Ademais dos seus artigos e colaboracións, compilados en Från helgedom till museum (1958), Thordeman foi autor de varios traballos monográficos.[13]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.