From Wikipedia, the free encyclopedia
Zahir-ud-din Mohammad Babur (en persa: بابر, transliterado Bābur, en turco: Babür Han), coñecido como Babur, Babar, Baber ou Bābor,[1] nado en Andijon o 16 de febreiro de 1483 e finado en Agra o 26 de decembro de 1530, foi un emperador e fundador do Imperio mogol da India. Era descendente do conquistador turco-mongol Tamerlán.[2] Foi autor das súas memorías e de varias poesías.[3]
Babur, que significa "tigre",[4] naceu como Zahīr ud-Dīn Muhammad na cidade de Andijon, no actual Uzbekistán, o 16 de febreiro de 1483.[2] Era fillo de Omar Sheikh, rei de Fergana e de Qutlugh Nigar Khanum, filla do Khan de Mogolistán e descendente directa do propio Xenxis Khan. Ao morrer o seu pai, Babur ascendeu ao trono en 1495 cando contaba con tan só 12 anos. A pesar de que algúns dos seus tíos tentaron derrocalo, Babur mantívose firme como soberano.
En 1497 aproveitando o baleiro de poder na cidade de Samarcanda trala morte do seu tío Ahmed Mirza, atacouna e conquistouna tras un asedio de sete meses. Porén, só puido gozar da súa posesión durante tres meses, xa que ao pouco de conquistala moitos dos seus soldados desertaron ao non recibir o botín esperado, ao mesmo tempo que nas súas posesións do val de Fergana, os nobres locais colocaron no poder un dos seus medios irmáns, Jahangir, de doce anos. Abandonou a toda velocidade Samarcanda instalándose cos seus seguidores en Khujand dende onde dirixiu a lenta recuperación das súas posesións, o cal lle levou dous anos.
En febreiro do ano 1500 finalmente chegou a un acordo co seu medio irmán. Ese mesmo ano Muhammad Shaybani Khan caudillo dunha ruda tribo de uzbekos vindos das estepas do norte, apoderouse de Samarcanda; foi a primeira vez en máis de cen anos que tiña un goberno de intrusos non timúridas.
Rapidamente Babur xunto ao seu medio irmán levantou un exército póndose en marcha para reparar a ofensa e, nun momento de ausencia de Shaybani Khan, conquistou a cidade por segunda vez. Non obstane, Muhammad Shaybani volveu na primavera do ano seguinte e novamente púxoa baixo asedio; ao chegar o inverno a falta de recursos provocou que moitos soldados de Babur desertasen e a este non lle quedou outra que negociar. Entre o acordado estaba a entrega da irmá máis vella de Babur, Khānzāda, como esposa de Shaybani; esta pasou dez anos de horror no harén do uzbeko.
Empregou tres anos en organizar un exército que fose o suficientemente forte como para permitirlle recuperar os territorios perdidos. En 1504 tiña xa suficientes tropas. Tras cruzar o Hindu Kush, conquistou a cidade de Cabul e volveu estar á cabeza dun importante reino.
Tras a morte de Shaybani en 1510, Babur reclamou as súas posesións orixinais para o que contou coa axuda de Ismail Safavi. En 1511 realizou unha entrada triunfal en Samarcanda, mais en 1514 sufriu unha nova derrota a mans dos uzbekos e tivo que regresar a Cabul.
Perdendo toda esperanza de recuperar Fergana, Babur concentrou os seus esforzos na India. Realizou algunhas incursións previas ata que en 1521 se lle presentou a oportunidade de realizar un ataque máis importante. Os nobres do sultanato de Delhi detestaban o seu sultán, Ibrahim Lodi, e pediron axuda a Babur.
Cun exército de doce mil homes e unha artillaría limitada avanzou cara a Delhi. Ibrahim contaba con cen mil soldados e cen elefantes. O 21 de abril de 1526 ambos os exércitos atopáronse na chamada primeira batalla de Panipat. Ibrahim foi asasinado na batalla e Babur, que se proclamou Padshah Ghazi (emperador da India), entrou xunto ao seu fillo Humayun en Agra sen dificultades.
Con todo, aínda tivo que enfrontarse a un inimigo máis poderoso, Rana Sanga, que o atacou cun exército de douscentos mil homes. O exército de Babur, a pesar de estar canso e famento, conseguiu derrotar as tropas de Sanga na batalla de Khanua o 16 de marzo de 1527. Babur converteuse no señor absoluto da India setentrional.
Pasou o resto dos seus días organizando o seu novo imperio dende Agra, a súa capital. Morreu á idade de 47 anos e sucedeuno o seu fillo Humayun. Está enterrado en Cabul.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.