política e activista birmana From Wikipedia, the free encyclopedia
Aung San Suu Kyi (en birmano အောင်ဆန်းစုကြည် /àuɴ sʰáɴ sṵ tɕì/), nada en Rangún o 19 de xuño de 1945, é unha política e activista birmana. É a líder da Liga Nacional para a Democracia e a primeira e actual Conselleira de Estado de Birmania, cargo correspondente ao de xefe de goberno.
Foi a figura emblemática da oposición birmana contra a ditadura militar que tivo o poder entre 1962 e 2011. Tras pasar case 15 anos en prisión e baixo arresto domiciliario, nas eleccións de 2012, saíu elixida deputada. Nas eleccións de 2015, o seu partido conseguiu o 86% dos escanos, pero debido a que o seu defunto marido e fillos eran estranxeiros, non puido acceder á Presidencia. Por este motivo creouse o cargo de Conselleira de Estado, do que tomou posesión o 6 de abril de 2016.
En 1991 concedéronlle o Premio Nobel da Paz pero a Xunta Militar birmana non lle permitiu saír do país e tivo que esperar ata xuño de 2012 para recollelo en Oslo. Tras o seu ascenso ao poder, Suu Kyi recibiu críticas de varios países e organizacións pola súa inacción contra a persecución á que é sometido o pobo rohingya, cualificada polas Nacións Unidas de xenocidio,[1][2][3][4] e por negar os masacres presuntamente cometidos polo exército birmano.
É filla de Aung San, heroe nacional que firmou en 1947 o tratado de independencia co Goberno británico antes de ser asasinado. Tras diplomarse en Oxford, traballou na Secretaría das Nacións Unidas e foi profesora na India, Aung San Suu Kyi regresou a Birmania en 1988 e participou no "segundo combate en pro da independencia nacional". Este combate inspirouse no exemplo pacífico de Gandhi e na súa fe budista, que le levou a dicir: "unha revolución do espírito que se manifesta mediante o recoñecemento da necesidade do diálogo e a compaixón polos máis humildes". A pesar de estar arraigada na tradición birmana, soubo evitar as manipulacións nacionalistas baseando a súa loita nos "principios sagrados da moral", insistindo na necesidade de reconciliar ás etnias do seu país, profundamente divididas.
En 1989 sometérona a arresto domiciliario en Rangún. Asumiu a dirección da Liga Nacional pola Democracia, que gañou nas eleccións en 1990 por ampla maioría.
Como as autoridades militares non recoñeceron este resultado, o seu partido non puido formar un goberno civil. Aung San Suu Kyi, suxeita a unha estreita vixilancia, preferiu permanecer ao lado do seu pobo dando testemuña da súa fe na "idea do ben e do xusto".
Recibiu sucesivamente o Premio Thorolf Rafto de defensa dos dereitos humanos e o Premio Sakharov de liberdade de pensamento.
Recoñecida como prisioneira de conciencia por Amnistía Internacional, o seu propósito de que o drama birmano non caera no esquecemento recompensouno o 14 de outubro de 1991 co Premio Nobel da Paz grazas ao cal se coñeceu o seu combate no mundo enteiro rechazando o exilio que se lle propuña a cambio do seu silencio. En 1992 recibiu o Premio Simón Bolívar.
En 1995, as presións exercidas polos Estados Unidos conduciron á súa "liberación" (por pouco tempo) da súa residencia e dirixíase cada fin de semana a un gran grupo de xente atento á súa mensaxe de alento, antes de que as manifestacións estudantís provocaran a represión,a detención de dirixentes da oposición e o establecemento dun bloqueo en torno ao seu domicilio.
Sometérona de novo a arresto domiciliario en 1996, case non podía recibir visitas, porén conseguiu enviar ás Nacións Unidas algunhas mensaxes gravadas que denunciaban o empeoramento da situación dos dereitos humanos no seu país, pedindo á comunidade internacional que concedera a prioridade aos dereitos políticos da Liga Nacional cuxa dirección segue asumindo.
A Xunta de goberno que mantén o poder no país, propúxolle o exilio á reclusa, xogando co elemento da separación familiar, como unha maneira rápida de desfacerse dela. Un capítulo desta táctica de acoso psicolóxico sucedeu cando o seu home, Michael Aris, morreu de cancro de próstata en marzo de 1999, sen volver ver á súa muller, esperando un visado que o goberno birmano nunca lle concedeu. Outro capítulo sucedeu en abril de 1999 cando ao seu fillo, Kim Htein Lin, se lle permitiu reunirse con ela por unhas horas no aeroporto de Rangún.
Estivo en arresto domiciliario dende 2003. En setembro de 2007 trasladárona a un novo recinto penal debido ás manifestacións que se realizaron en todo o país esixindo a democracia.
O 11 de agosto de 2009, un tribunal do goberno militar birmano condenouna a dezaoito meses máis de arresto domiciliario. Algunhas organizacións como Amnistía Internacional Arquivado 12 de novembro de 2009 en Wayback Machine. ou Avaaz fixeron presión sobre o goberno de Birmania e outros dirixentes para que tomasen cartas no asunto. Aung San Suu Kyi formaba parte dos 700 presos de conciencia que se estimaba había no país.
O 3 de outubro de 2009[5] reuniuse coa xunta militar para dialogar por primeira vez na Casa de Hóspedes do Estado en Rangún, un día despois de que unha corte rexeitara a apelación[6] que a activista fixera contra a súa sentenza de 18 meses de prisión por violar os termos do seu arresto domiciliario.[7]
O 25 de xaneiro de 2010 filtrouse un rumor segundo o cal o Ministro de Interior birmano, O Maior Xeneral, comunicara nunha reunión privada de dirixentes locais que Suu Kyi sería liberada en novembro do mesmo ano, un mes despois das eleccións xenerais. As autoridades birmanas firmaron o decreto de posta en liberdade de San Suu Kyi o 12 de novembro dese ano. Os seus defensores declararon que o 13 de novembro finalizaba o arresto domiciliario da líder birmana, polo que non se trataría dunha amnistía, senón do fin da condena.[8]
San Suu Kyi foi liberada finalmente o 13 de novembro de 2010. Recibírona na porta do seu domicilio unhas 3.000 persoas. Suu Kyi pasou 15 dos últimos 21 anos encarcerada ou privada de liberdade, ben en prisión, ben en arresto domiciliario.[9]
O 1 de abril de 2012, celebráronse eleccións lexislativas parciais para cubrir 45 postos vacantes. Suu Kyi presentouse como candidata e gañou un escano no Pyithu Hluttaw, a cámara baixa do Parlamento. O seu partido, a Liga Nacional para a Democracia, conseguiu 43 dos 45 postos.
O sábado 16 de xuño de 2012 puido por fin recoller en Oslo o Premio Nobel da Paz, que lle concederan en 1991. Catro días despois, o mércores 20 de xuño de 2012, puido tamén recoller persoalmente o doutoramento honoris causa que en 1993 lle concedera a Universidade de Oxford.[10]
O 6 de xuño de 2012, anunciou no Foro Económico Mundial que se quería presentar á presidencia do país. A Constitución que entrou en vigor en 2008 impedíallo, xa que o seu falecido marido e os seus fillos tiñan nacionalidade estranxeira. Ditas condicións foron aparentemente introducidas precisamente para que ela non puidera ocupar o cargo.[11]
Finalmente, nas eleccións de 2015, o partido de Suu Kyi obtivo unha ampla maioría en ambas cámaras superando os dous terzos que constitucionalmente se requirían para que o candiato do partido se asegurase a presidencia. Aínda que Suu Kyi non podía ocupar o cargo declarou que ostentaría o poder real en calquera goberno liderado pola LND. O 30 de marzo de 2016, converteuse en Ministra da Oficina da Presidencia, de Asuntos Exteriores, de Educación e de Enerxía Eléctrica no goberno de Htin Kyaw. Máis tarde renunciou aos dous últimos cargos e aceptou o de Conselleira de Estado, cargo equivalente ao de xefe de goberno e que foi creado exclusivamente para ela.
En 2017, persoas críticas con Suu Kyi pediron que se lle retirase o premio Nobel, debido á súa aparente indiferenza pola persecución contra o pobo rohingya, unha minoría musulmá, en Birmania.[12][13] En 2012, declarou que non sabía se os rohingyas poderían ser considerados birmanos e en 2013 non condenou a violencia sobre eles, negando que os musulmáns do país estiveran sufrindo ningunha limpeza étnica. Segundo ela as tensións débense a un "clima de terror" causada por unha percepción mundial de que o poder global do islam é moi grande.[14]
En agosto de 2018, un informe da ONU, describiu o ocorrido como xenocidio e engadiu que Suu Kyi fixo o mínimo posible por evitalo.[15]
Fonte: Unesco, seguindo as súas regras de reprodución.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.