Arquéntero
From Wikipedia, the free encyclopedia
O arquéntero,[1] tamén chamado gastrocele e intestino primitivo,[2] e ás veces citado como arquénteron,[3][4][5] é unha cavidade formada no interior do embrión dun animal cando o endoderma e o mesoderma se invaxinan durante a gastrulación, e que se abre ao esterior polo blastóporo.[6] Vai dar lugar á formación do intestino do adulto.

A súa orixe e desenvolvemento é diferente segundo se consideren animais protóstomos ou deuteróstomos.
Non debe confundirse coa cavidade xeral do corpo (blastocele, seudoceloma e celoma), que non ten contacto co exterior.
Etimoloxía
O nome arquéntero está formado polos elementos arqu- e -éntero. O primeiro deriva do termo do grego antigo ἀρχή archḗ, "principio", "comezo", "orixe", e o segundo do grego antigo ἔντερον énteron, "intestino".
Formación
O arquéntero como tal non sempre se forma, e de que estea presente ou non depende dos distintos tipos de blástula, así como das distintas modalidades de gastrulación, que se detallan a continuación:


A formación de capas xerminais desde unha blástula (1) a unha gástrula (2).
Parte das células do ectoderma (cor alaranxada) mobilízanse cara ao interior, formando o endoderma (cor escura)
- Por invaxinación ou embolia. Unha parte das células ectodérmicas invaxínase cara ao blastocele para formaren a segunda folla embrionaria (endoderma) e delimitar unha nova cavidade, o arquéntero, que comunica co exterior polo blastóporo. Dase na maioría dos filos animais, a partir dunha blástula con aspecto de bóla oca (celoblástula).
- Por epibolia. Preséntase nos ovos que teñen unha cantidade moderada de vitelo (heterolécitos ou algo telolécitos) concentrado no polo vexetal, e no que a segmentación total e desigual produce grandes macrómeros vitelinos. Neste caso, o blastocele está desprazado cara ao polo animal, e a invaxinación faise dificultosa. Por este motivo os micrómeros situados no polo animal divídense, proliferan, afúndense e rodean aos macrómeros formando así un blastóporo no polo vexetativo, aínda que nunha gástrula sen tubo dixestivo primitivo, é dicir, nesta modalidade de gastrulación nom se forma arquéntero.
- Por involución. Cando a cantidade de vitelo do ovo é moi grande e está concentrada no polo vexetativo (telolécito), determina unha segmentación parcial, tamén denominada meroblástica, e neste caso fórmase no polo animal un pequeno casquete de células o discoblástula. Entón a gastrulación prodúcese xeralmente por involución, onde as células da periferia do disco afúndense e diríxen cara a atrás, baixo a capa superficial, formando así un dobre estrato. É o caso típico dos cefalópodos.
- Por delaminación. É un tipo pouco frecuente. A partir dunha esteroblástula, o endoderma orixínase da división das células ectodérmicas, así como a migración a afundimiento das mesmas; a gastrulación complétase coa separación de dúas capas de células: unha externa e outra interna, e non hai blastoporo, nim tampouco tubo dixestivo primitivo (arquéntero). Aínda que, máis tarde, por un proceso secundario, o endoderma pode facerse oco e formar un.
- Por ingresión polar. É similar ao caso anterior, pero o endoderma fórmase por migración de células ectodérmicas en vez de por división e migración das mesmas. Neste caso tampouco se forma o blastóporo durante o proceso, así como un tubo dixestivo primitivo (arquéntero). Aínda que, ao igual que na delaminación, con posterioridade o endoderma pode facerse oco e si dar orixe a un arquéntero. Este tipo preséntano os cnidarios, ctenóforos e poríferos.
Notas
Véxase tamén
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.