Remove ads
From Wikipedia, the free encyclopedia
A blástula é un dos primeiros estadios do desenvolvemento embrionario dos animais.
A blástula segue á mórula e precede á gástrula na secuencia de desenvolvemento normal de calquera animal; considérase que o organismo está en dito estado cando presenta máis de 64 células.
A blástula temperá presenta todas as células sen aumentar o volume inicial do cigoto, e neste punto debe estar formado o blastocele ou cavidade central.[1]
A formación da blástula é o final do proceso chamado segmentación, no que o cigoto se divide por mitose en numerosas células unidas chamadas blastómeros. Dita división dase grazas á acción de factores de transcrición que regulan a intervención do factor promotor da mitose (FPM), encargado de iniciar a fase M deste proceso do ciclo celular.
A falta de crecemento no volume do cigoto responde a procesos metabólicos da mitose, o máis importante dos cales é a ausencia no ciclo das fases G1 e G2 (gap), nas que se produce aumento no volume das células ou crecemento celular. Ao apareceren estas dúas fases, ao igual que outros factores de transcrición, dise que a blástula entra na transición de blástula media; por exemplo, en Xenopus incorpóranse as dúas fases pouco despois da segmentación 12.[2]
As blástulas clasificárronse en diferentes tipos, en base ao contido e á distribución do vitelo do cigoto, que á súa vez se relaciona co tipo de segmentación.[3]
Cando o ovo contén pouco vitelo (isolecítico), a segmentación total igual ou desigual conduce a unha blástula co blastocele rodeado por unha capa regular de células, coñecida como celoblástula que, en principio, ten todos os blastómeros iguais. Pero nos ovos heterolecíticos o blastocele desprázase cara ao polo animal, porque os blastómeros do polo vexetativo, máis ricos en vitelo, son máis grandes e, por iso, a celobástula é irregular.
Ás veces o blastocele é virtual, xa que está ocupado por voluminosos blastómeros do polo vexetativo; fálase entón de estereoblástula. Este tipo de blástula presenta un casquete de micrómeros dispostos sobre a masa dos macrómeros.
É o resultado da segmentación parcial discoidal dos ovos telolecíticos de peixes e réptiles. No polo animal do ovo fórmase un casquete de blastómeros que cobre o vitelo non segmentado.
Os ovos centrolecíticos dos artrópodos, coa súa segmentación parcial superficial, orixinan unha blástula cun blastocele virtual e os blastómeros rodeando a masa de vitelo non segmentado, coñecida como periblástula.
Ao redor de catro días despois da fecundación, os embrións entran nunha fase de compactación, durante a cal os blastómeros externos comprímense entre si dando orixe a unha capa superficial chamada trofoblasto, mentres que, polo proceso de cavitación, entre os blastómeros internos se acumula auga e sodio até formar unha cavidade denominada blastocele (xa antes mencionada), e un pequeno grupo de células acumúlase nun extremo constituíndo a masa celular interna ou embrioblasto.
No momento da blastulación, a zona pelúcida permanece íntegra e mantén unidas as células, pero cando a blástula aumenta de volume, pouco a pouco rompe e, aproximadamente contra o quinto día, desaparece.
O blastocisto é unha estrutura embrionaria presente nas etapas temperás do desenvolvemento durante a xestación dos mamíferos, que ocorre uns 4 ou 6 días despois da fecundación e antes da implantación no endometrio. Está composta por unha prominente cavidade, e entre 70-100 células, chamadas blastocitos.[4] As células do blastocisto son pluripotentes, é dicir, as células da masa celular interna poden converterse en calquera tipo de tecido.
Despois das divisións mitóticas polas que pasa o cigoto e que orixinan un incremento celular, fórmase unha estrutura arredondada compacta chamada mórula. Ao pouco tempo da formación da mórula, as células que a constitúen —máis de 12 células chamadas blastómeros— desprázanse debido á aparición dun líquido que forma a cavidade do blastocisto. Desde o momento en que aparece este espazo comézase a falar de blastocisto e non de mórula. Coa división celular adicional, a mórula convértese nunha estrutura externa de células en forma de cuncha cun grupo interno de células, etapa no desenvolvemento do embrión que se denomina blastocisto. O grupo externo de células convértese nas membranas que alimentan e protexen o grupo interno, qjue mía tarsde se trtansformarán en feto. Para entón, uns 4 ou 5 días despois da fecundación e aínda na tuberosidade do oviduto, o blastocisto ten unha capa de células externas, moi delgada, chamada trofoblasto, que nutre ao blastocisto e formará a parte embrionaria da placenta.[5]
Un grupo de blastómeros concéntrase no centro dun dos polos do blastocisto formando unha masa de células internas que orixinarán ao embrión e é chamado embrioblasto. Esta masa de células internas remata proxectándose cara ao centro da cavidade do blastocisto, mentres que este chega ao útero e flota nas súas secrecións ao redor de 2 días. Gradualmente a zona pelúcida —sobre o día quinto— vai dexenerando até desaparecer, preparando a implantación,[6] por medio dunha serie de ciclos de expansión e contracción. Este proceso é apoiado por un grupo de enzimas que disolven a zona pelúcida do lado do polo non-embrionario.[7] A partir deste momento comézase a falar dun embrión.
Aproximadamente dous días despois de chegar o blastocisto ao útero —entre 6 e 7 días despois da fecundación— o blastocisto adhíerese ao epitelio endometrial do útero, polo xeral no polo máis achegado á masa celular interna. Tan pronto como se fixa ao útero, o trofoblasto comeza rapidamente a proliferar formando, gradualmente, dúas capas: o citotrofoblasto cara a dentro e o sincitiotrofoblasto do lado externo.[6]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.