Citotrofoblasto

From Wikipedia, the free encyclopedia

Citotrofoblasto

O citotrofoblasto é a capa interna do trofoblasto (tamén chamada capa de Langhans) e tamén reciben ese nome as células que a constitúen. Está en posición interior respecto ao sincitiotrofoblasto e externa respecto á parede do blastocisto nun embrión en desenvolvemento.

Thumb
Diagrama dunhas vilosidades coriónicas primarias.
Thumb
Diagrama dunhas vilosidades coriónicas secundarias.

O citotrofoblasto considérase que é unha capa de células nai trofoblásticas porque a capa que rodea o blastocisto permanece mentres que as células fillas se diferencian e proliferan para realizaren diferentes funcións. Hai dúas liñaxes ás que as células citotrofoblásticas poden diferenciarse: de fusión e invasiva. A liñaxe de fusión orixina o sincitiotrofoblasto e a liñaxe invasiva dá lugar a células citotrofoblásticas intersticiais.[1]

As células citotrofoblásticas exercen un importante papel na implantación dun embrión no útero.

Liñaxe de fusión

A formación do sincitiotrofoblasto prodúcese pola fusión de dous ou máis citotrofoblastos por medio da vía de fusión. Esta vía é importante porque o sincitiotrofoblasto xoga un importante papel no intercambio de gases materno-fetal, no intercambio de nutrientes e ten funcións metabólicas e inmunolóxicas.

Unha célula nai citotrofoblástica indiferenciada diferénciase nun citotrofoblasto viloso, que é o que constitúe a vilosidade coriónica primaria, e finalmente coalesce nun sincitiotrofoblasto viloso. A formación do sincitiotrofoblasto a partir do citotrofoblasto é un paso de diferenciación terminal das células trofoblásticas.[2]

A sincitialización das células citotrofoblásticas pode ser inducida in vitro por múltiples moléculas sinalizadoras como o factor de crecemento epidérmico, os glicocorticoides e a gonadotropina coriónica humana.[3][4][5]

Liñaxe invasiva

Thumb
Histopatoloxía dunha vilosidade coriónica nun embarazo ectópico.

A liñaxe invasiva crea citotrofoblastos que son esenciais no proceso de implantación e formación dunha placenta totalmente funcional. Unha célula nai citotrofoblástica indiferenciada diferénciase nun citotrofoblasto extraviloso intermediario e despois nun citotrofoblasto intersticial. Un citotrofoblasto intersticial pode despois diferenciarse máis dando un citotrofoblasto endovascular ou formar un sincitio.[2]

Citotrofoblasto intersticial

A función primaria dun citotrofoblasto intersticial é ancorar o feto en crecemento ao tecido uterino materno. Estas células poden invadir todo o endometrio e o terzo proximal do miometrio.

Unha vez que estas células penetran nas primeiras capas de células da decidua, perden a capacidade de proliferar e convértense en invasivas. Este arranque do ciclo celular parece deberse a factores como o TGF-β e a decorina. Aínda que estes citotrofoblastos intersticiais invasivos xa non poden dividirse, reteñen a súa capacidade de formar sincitios. As células xigantes multinucleadas (pequenos sincitios) encóntranse na base da placenta e o miometrio como resultado da fusión de citotrofoblastos intersticiais.[2]

Os citotrofoblastos intersticiais poden tamén transformarse en citotrofoblastos endovasculares.

Citotrofoblasto endovascular

A función primaria do citotrofoblasto endovacular é penetrar nas arterias espirais maternas e dirixir o fluxo sanguíneo cara á placenta para que o use o embrión en crecemento.

Orixínanse a partir de citotrofoblastos intersticiais polo proceso de fenocopia. Isto cambia o fenotipo destas células de epitelial a endotelial. Os citotrofoblastos endovasculares, como os seus predecesores intersticiais, son non proliferantes e invasivos.

Papel na implantación

A función propia do citotrofoblasto é esencial na implantación dun blastocisto. Despois da eclosión, o polo embrional do blastocisto está orientado cara ao endometrio uterino. Unha vez que toman contacto o trofoblasto empeza a proliferar rapidamente. O citotrofoblasto segrega encimas proteolíticos para degradar a matriz extracelular das células endometrais para permitir que proxeccións dixitiformes do trofoblasto penetren ao seu través. As proxección do citotrofoblasto e do sincitiotrofoblasto empurran o embrión contra o endometrio ata que queda totalmente cuberto polo epitelio endometrial, agás o tapón de coagulación.[6]

Trastornos asociados

O trastorno máis común asociado é a pre-eclampsia, que afecta aproximadamente ao 7% de todos os nacementos.[7] Caracterízase por un fallo do citotrofoblasto para invadir o útero e a súa vasculatura, especificamente as arterias espirais que o citotrofoblasto endovascular debería invadir. O resultado disto é unha diminución do fluxo sanguíneo cara ao feto, o cal pode causar unha restrición do crecemento intrauterina. Os síntomas clínicos da pre-eclampsia na nai son principalmente unha alta presión arterial, proteinuria e edema.

Inversamente, se hai demasiada invasión do tecido uterino polo trofoblasto despois pode orixinarse unha mola hidatidiforme ou coriocarcinoma.

Galería

Notas

Véxase tamén

Loading related searches...

Wikiwand - on

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.